A Deputación aproba a concesión de 389.000 euros en axudas para cooperación con concellos, promoción económica e deportes

Xunta de Goberno da Deputación Ourense. Asiisten Manuel Baltar (Presidente Deputación); Rosendo Fernández (Vicepresidente 1º da Deputación de Ourense); César Fernández Gil (Vicepresidente 2º da Deputación de Ourense); Placido Álvarez Dobaño (VicePresidente 3º); Jorge Pumar (Deputado PPOU); Luz Doporto Real (Deputado PPOU); Patricia Torres Madureira (Deputado PPOU); Ana María Villarino Pardo (Deputado PPOU); Begoña Álvarez Matos (Representante de Intervención); Adamantino Barreiro García (Vicesecretario da Deputación de Ourense).

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta mañá baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou a concesión de 15 subvencións en materia de cooperación cos concellos, promoción económica e deportes por un importe próximo a 389.000 euros, así como as bases das convocatorias de axudas para servizos sociais e as Copas Deputación.

En cooperación local, o Concello de Monterrei vai contar con dúas subvencións: 48.000 euros para financiar o convenio de mantemento da fortaleza e outros 45.000 para a renovación de parques infantís. Tamén Muíños recibirá dúas axudas, unha de 79.000 euros para os campamentos xuvenís “Explora a Baixa Limia” do presente ano e 9.800 euros máis para os campionatos galego e nacional de piragüismo.

AVANTAR ACTIVIDADES

Na sesión desta mañá aprobáronse outras tres achegas de 48.000 euros cada unha delas para obras en espazos públicos da Boullosa, no Concello de Baltar; acondicionamento de edificios municipais para vivendas sociais en Lobios; e mellora da capa de rodaxe en varios núcleos de Riós. Completa este capítulo unha axuda de 2.500 euros para o Concello de Carballeda de Avia destinados ao programa agosto deportivo, que tamén se desenvolve en Castrelo de Miño.

A Deputación destinará 30.000 euros a promoción económica mediante a concesión de cinco subvencións á Fundación Feiras e Exposicións de Ourense. Catro destas achegas teñen un importe de 5.000 euros cada unha e van dirixidas ás feiras Xantar, Previsel e Sportur, ademais do concurso de proxectos empresariais e tecnolóxicos. A quinta subvención ten unha contía de 10.000 euros e será para Termatalia Uruguai.

Para entidades deportivas, as axudas aprobadas hoxe teñen como beneficiarios a Unión Deportiva Ourense, con 25.200 euros para gastos de funcionamento da tempada 2022-2023, e a asociación Bosco Ourense con 5.000 para a Copa Galicia de Baloncesto.

Servizos sociais e Copas Deputación

Na orde do día figuraba a aprobación das bases da convocatoria de subvencións para as Copas Deputación de 2023, que conta cun orzamento total de 90.000 euros. Este programa canaliza as axudas ao deporte de competición federado, garantindo a continuidade de competicións amadoras que, en moitas ocasións, son a única actividade regulada que se organiza na provincia para determinadas disciplinas.

As achegas permitirán celebrar, nunha ou varias xornadas, competicións deportivas baixo a denominación de Copa Deputación. Poderán beneficiarse as federacións deportivas galegas a través das súas respectivas delegacións na provincia, ou solicitalas directamente no caso de que a sede federativa estea na provincia ou non exista delegación en Ourense. 

O prazo de presentación de solicitudes abrirase trala publicación da convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións e rematará o 15 de maio.  Quedan excluídas desta convocatoria as copas de fútbol e fútbol-sala, que pola súa dimensión na provincia financiaranse a través dunha subvención nominativa.

A Xunta de Goberno aprobou ademais as bases para a concesión de subvencións a proxectos de carácter social, cun orzamento de 255.000 euros. As axudas, cun límite máximo de 15.000 euros por solicitude, terán como beneficiarios a organizacións, asociacións e fundacións que no presente ano realicen programas sociais sen ánimo de lucro. As bases recollen que se primarán os proxectos destinados a colectivos de persoas que, por razóns económicas, de saúde, étnicas ou culturais, sufran especiais dificultades e precisen dun tratamento específico. O prazo improrrogable de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte á publicación do extracto destas bases.

Modificacións do Plan provincial de Cooperación

Na reunión deste martes tamén se deu o visto bo a catro modificacións do Plan provincial de Cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial. Os cambios afectan aos concellos de Maceda e Cortegada, que mudan os proxectos incluídos no plan; e aos concellos de Xunqueira de Ambía e Boborás que incorporan senllas obras á planificación.