Ourense, 27 de outubro de 2026.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou en Expourense na entrega dos Premios Comercio Galego 2026, onde felicitou especialmente a Bermello Electrodomésticos, recoñecido co Premio Comercio Traxectoria. Menor destacou o significado deste galardón para un negocio ligado á historia comercial da cidade e ao nome de Jorge Bermello, tamén presente na memoria institucional ourensá pola súa etapa á fronte da Alcaldía da cidade.
O presidente provincial puxo en valor “o esforzo, a proximidade e a confianza que sosteñen o comercio de toda a vida e que permiten que un nome forme parte da historia de tantas familias ourensás”. Así mesmo, trasladou os seus parabéns ao conxunto das candidaturas premiadas e finalistas e reivindicou o comercio local como xerador de emprego e actividade e como parte esencial da vida das vilas e cidades. Durante a gala, Luis Menor foi o encargado de entregar o Premio Comercio Sostible.















