A concesión do cámping municipal do Carballiño será por 20 anos cunha puxa a partir de 500 euros de canon anual

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello do Carballiño vén de iniciar o proceso de licitación do Camping Municipal do Arenteiro e das Pallozas, o complexo turístico situado no Parque Etnográfico do Arenteiro, ao carón de lugares tan emblemáticos como o Museo da Fábrica do Papel ou o Muíño do Anxo. “Trátase dun espazo con gran pulo turístico e que sempre contou cunha moi boa acollida por parte dos visitantes, polo que estamos desexando abrir as súas portas”, apunta Manuel Dacal, concelleiro de Turismo.

A licitación da concesión, por espazo de 20 anos, realizarase polo sistema de puxa a partir dun canon mínimo anual de 500 euros. Para a determinación da mellor oferta, tamén se terá en conta, como mellora, a execución de novas unidades de aloxamento complementarias das xa existentes.

O Concello opta polo contrato de concesión de servizos para garantir unha prestación máis eficiente, moderna e sostible, ao mesmo tempo que unha xestión profesionalizada que permita mellorar a calidade do servizo. “Isto permitirá non só atraer a un maior número de visitantes á nosa vila, senón tamén reforzar e dinamizar a economía local”, destaca Dacal, que anima ás empresas interesadas a presentar as súas ofertas.

O camping conta con 21 parcelas destinadas a acampada ou caravanas, ademais de 5 parcelas onde se poderán incorporar novas unidades de aloxamento (bungalows rurais ou tendas glamping). De feito, as propostas das empresas para estas cinco parcelas serán tidas en conta no proceso de adxudicación, xa que se escollerá á adxudicataria tendo en conta o importe do canon anual ofertado na puxa (terá un valor de 30 puntos) e a mellora a través da execución de novos aloxamentos (terá 70 puntos de valor).

No prego para o contrato de concesión establécese que as pallozas deben abrir un mínimo de 10 meses ao ano, e que o camping debe estar aberto, como mínimo, desde o 1 de abril ata o 31 de outubro.

As empresas interesadas xa poden presentar as súas solicitudes a través da Plataforma de Contratación do Sector Público (Placsp). Teñen de prazo ata o 27 de novembro.

Tanto os pregos técnicos como os administrativos están accesibles para as empresas interesadas no seguinte enlace (https://contrataciondelestado.es/wps/poc?uri=deeplink:detalle_licitacion&idEvl=kLdmcfNONdwaF6cS8TCh%2FA%3D%3D).

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------