Polo Avieiro de dona Emilia (44): A bucólica Fontenla

IES CHAMOSO LAMAS

Carlos Méixome Quinteiro historiador e escritor galego


No anterior Avieiro deixamos a Míguez “Ventosela” e a Rodríguez “Carballiño” triunfando na Zarzuela. Descoñecemos se ao acontecemento asistiu dona Emilia, aínda que estamos case por asegurar que de facelo ben que o saberiamos; non gustaba ela de pasar desapercibida. O que si sabemos é que estaba en Madrid, o seu lugar de residencia habitual dende había tempo, agás durante o veraneo na Coruña e Meirás. Na capital do reino  despregaba o seu activismo político-social e literario. Informa La correspondencia de España[1] que a señora Pardo Bazán deu o banquete de despedida da tempada, previo á partida para o seu “pazo de Galicia”. Á recepción asistiron a “marquesa de La Laguna, la condesa de Requena, la de Peñalver, los Sres. Castelar, ministros de Puerto Rico y Turquía, conde de Peñalver, Linares Rivas (D. Máximo), Rodríguez de la Escalera y otros (…) las duquesas de Osuna y Valencia y muchas y muy distinguidas damas”. A condesa, di o xornal, pretende darlle un empurrón ás obras do “nuevo castillo que tiene en construcción”, para poder convidar, para o ano, algúns amigos. Aínda lle deu tempo, antes de regresar ao seu “rincón del noroeste”, a acudir, vestida de “blanco y azul con brillantes”, ao banquete que ofreceu o embaixador de Inglaterra, presidido pola infanta Isabel, xunto co nuncio papal, ministros, embaixadores e a flor e a nata da aristocracia española[2]. Con tanta trasfega festeira non é de estrañar, coidamos, que non tivese tempo para ir escoitar os “rústicos” gaiteiros do Avieiro, acougando nas butacas da Zarzuela, onda o mellor “de la colonia gallega en la corte”, e moito menos nas localidades altas, ateigadas de entusiastas fillos da Galicia “que trabaja dando vida a multitud de industrias”, como afirma o xornal no mesmo día da festa na embaixada da raíña Vitoria.

HIPER MASIDE

            Unha ducia de anos antes, sendo xa unha escritora recoñecida e sobre todo polémica, ía collendo forma no seu maxín o país do Avieiro. Nos números 98 e 99  da bimensual Revista de España, correspondentes a  maio-xuño e xullo-agosto de 1884, dona Emilia publicara unha “nouvelle” que anuncia a triloxía de “ romans” do Avieiro, isto é El cisne de Vilamorta, Los pazos de Ulla e La madre naturaleza. Bucólica, titúlase a noveliña asinada o 3 de maio de 1884, no mesmo mes no que se separou “de facto” de Pepe Quiroga e cinco meses antes de poñerlle o ramo a El cisne…, aínda que este non se publicase ata o comezo de 1885.

            O protagonista da “nouvelle” é Joaquín Rojas, un mozo de 25 anos, avogado, aspirante a que a quenda das súas amizades lle permita chegar a xuíz sen perder a ilusión por modernizar a filosofía do dereito e seguir o exemplo paterno, un maxistrado que podería gozar dunha cómoda renda se fallara de forma diferente nalgún que outro litixio. O mozo recluído, por razóns hixiénico-sanitarias, nun “palomar grietado en el corazón de Galicia” para “convivir con la Naturaleza”. Son  esas rendiñas galegas da súa nai as que lle permiten pasar aquela tempada recuperando a saúde, aínda que non en Niza como sería o desexo materno, e tratar así os síntomas  que el mesmo describiu a un célebre doutor: cansazo ao subir as costas, leves suores no leito, tusidos rebeldes, opresión no peito, e, o máis molesto, unhas vertixes que unhas veces o obrigan a apoiarse na parede e outras prodúcenlle a sensación de voces sepulcrais falándolle ao ouvido. A receita do sabio doutor: “echar la llave a los libros”, cazar, pescar e respirar aire san.

            Na procura de innovacións estilísticas, o relato  é unha sucesión de cartas sen resposta que, entre setembro e marzo de 1884, o doente autor lle envía ao seu amigo, e colega, Camilo,  dándolle conta tanto da evolución do seu estado de saúde, como do contacto coa natureza ou de dúbidas amorosas e incertezas morais. As misivas están todas asinadas na Fontela, agás a última, de marzo, remitida dende Pontevedra.

            Pachín, o mozo eslamiado, estudoso e lector, non deixa de demandarlle ao colega libros para entreter as noites de inverno que están por chegar  a aquela Tebaida que “reposa en el hondo de un ameno valle, formado por la vertiente de dos montañuelas, entre las cuales pasa cautivo el río Avieiro. De este río es tributario la fontela, o fuentecilla que mana en el huerto de mi propiedad y le da nombre”. A pesar desta mestura entre montañas, río e fonte, o predio nin é lóbrego, nin frío, nin triste, senón que está nunha das mellores comarcas de Galicia, na estrema das provincias de Ourense e Pontevedra, cunha temperatura benigna que nunca baixa de cero, aínda que chuvioso de máis, segundo o albeite de Cebre, vila, con dúas rúas e media, igrexiña semellante a un cuberto, mesón para remuda da dilixencia e unha escanastrada casa–cuartel da garda civil, que fica a escasas tres leguas da Fontela e a cinco de Pontevedra.

            A abandonada casona, mandada erguer por un bisavó ou tataravó materno, está ao coidado dun “vejete marrullero, fisonomía inmóvil, ojillos relampagueantes de malicia”,  a súa  filla, duns vinte anos, unha cativa, como de oito, e un mozo de granxa, “un bárbaro” que se cortou o polgar cunha fouciña para non ir ao servizo. Os catro viven en promiscuidade “como las bestias en el establo”, na bodega, no lagar e nas vellas pipas, pois dende o oídio non se colleita viño como antes,  enchidas de palla. A planta superior, na que vai residir o mozo madrileño unha tempada, ocúpana enormes cuartos nos que se acugulan moreas de trigo e centeo, castañas e patacas, peros e mazás…

            Maripepa, a filla maior do señor Pepe de Naya, de mediana estatura, cute queimada polo sol e inzada de pecas, greñas roxas, mans curtidas, pés amplos pola teima de calzarse só os festivos e ollos verde-azuis, convertérase no entretemento de Pachín, dende que a observou á beira da vaca á que prendía por unha corda, mentres na outra man portaba a fouciña; ambas “terneras”, roxas, morenas, semellaban feitas de “tierra y teja molida”.

            A nai natureza embebe o protagonista, absorto pola vida orgánica, polos soutos de castiñeiros, polas beiras do Avieiro inzadas de umeiros, vimbieiras e prados de herba molente orlados de espadanas e lirios, onde ben se podería recitar a Becquer, e entrégase ao doce pracer de existir, mesmo ata non ser quen de desencravar a caixa de libros que o amigo lle enviou. O doente avogado recibiu, na descoidada casa grande da Fontela, a visita do notario de Cebre, mozo coloradote, de barba mesta e longas e abondosas guedellas que se engarzaban  nas non menos mestas cellas, cazador e mullereiro; e a do señorito de Limioso, tan inculto como cabaleiroso, romántico e encollido de palabras e que só pode contar como afección pecaminosa cazar perdices e  que o máis que se afastou do seu pazo “acribillado a goteras” foi a Pontevedra. Na vella residencia familiar vive cun pai “chocho” e dúas tías raras. Moquéase  o notario de que o de Limioso mantén os cans de “aleluyas” e de que na casa teñen o costume de pendurar o molete de pan dunha trabe para que non sexa doado de o pillar e así dure máis. A estas amizades engádese o cura de Naya, que, xunto a Limioso e o notario, entreteñen as horas de Joaquín entre “cazatas” de perdices e partidas de tresillo. Os tres personaxes estarán presentes, con maior ou menor intensidade, nas tres novelas pardobazanianas do ciclo do Avieiro, ao igual que Cebre, Limioso e Naya. Mais non só personaxes e localizacións, senón tamén a idea que despois desenvolverá en Los pazos e La madre naturaleza, isto é, un mundo dominado pola vida orgánica e non polo pensamento, polo instinto e non pola razón, polo primitivismo e non polo educación… Así vía dona Emilia o mundo “rústico” da fermosa Galicia inzado de personaxes embrutecidos, como o señor Pepe de Naya, o “vejete marrullero”, ou o “bárbaro” mozo de granxa de Bucólica e o Primitivo. O fachendoso e inculto gaiteiro “Gallo” ou o mesmo marqués de Ulloa de Los pazos ou criaturas silvestres como as vigorosas Maripepa e Sabela nos mesmos textos ou Perucho e Manuela na segunda parte de Los pazos

            Tras unha tarde de magosto, na que preferiu axudar a Maripepa na recolleita de castañas na vez de ler a Becquer,  e unha cazata de perdices rematada cunha farta de troitas do Avieiro, o doente recaeu e volveron as quenturas e os delirios. Os novos amigos atendérono, trouxéronlle o médico de Cebre, mentres Maripepa lle preparaba menciñas a base de ovos batidos, leite, auga con mel…., e durmía, no chan, á beira da súa cama, como se fose unha cadela.

            So, ós beliscos excesivos e as procaces insinuacións que o fauno do notario dirixía a Maripepa enrabiaban o avogado por consideralas inadecuadas, pesares que lle servían de chanza a Camilo, o correspondente madrileño, que se moquea do que interpreta como celos dun Pachín que andaba a se namoriscar dunha “ternera”.

            Na carta de xaneiro, Joaquín dá conta da chegada do seu nomeamento como xuíz, pero a misiva, de xeito estraño, non se centra na satisfacción do degorado desexo cumprido, senón que describe, con minuciosidade, os acontecementos da feira do día de Reis en Cebre, á que Joaquín, acicalado como non había tempo que o facía, acudiu convidado polo piloso notario.

            Cando ía tomar camiño da feira, o agora xuíz bateu con Maripepa levando o becerro para vender e enfeitada como el nunca a vira:

Llevaba mantelo negro, liso y muy ceñido, con ancha cenefa de pana; dengue negro también, recamado de azabache y sujeto a la cintura con un broche de dos conchitas de plata relucientes; al cuello, pañolito de seda azul. Su pelo rojo, alisado con agua, tenía al sol reflejos cobrizos, y su tez, a fuerza sin duda, de fricciones, ostentaba un brillo de juventud; las pecas satinaban a trechos el cutis tostado, y los ojos, verdosos, parecían de metal, vistos a la celeridad del día. ¡Cosa más rara! pensé para mis adentros.- Esta chica nos es fea, al contrario.

            As rexoubas de Maripepa co éxito que o mozo madrileño ía acadar coas señoritas na feira aledárano, non polas señoritas, senón polas pícaras gabanzas da fermosa pastora. Adiantou o paso do cabalo, e tras o percorrido pola feira chegou á hora de acudir ao convite do notario:

… compacta sopa de fideos azafranados, el cocido monstruo, con sus moles de tocino y carne y sus chorizos derramando por las brechas de la tripa roja grasa, el asado de lomo capaz de mantener a un regimiento, y el océano de papas de arroz; dándote a conocer asimismo el plato clásico de las ferias, el pulpo curado y cocido, tras el cual se chupan aquí los dedos.

            A pantagruelada, regada con viño do común e innúmeras garrafas de tostado, rematou por lle facer “crecer en mi la vida orgánica, y me vi libre de la eterna presencia del pensamiento”;  así que dos beizos do novo xuíz brotaron zarzuelas e fragmentos operísticos, unhas veces tenros, outras apaixonados.

            Mais a noite víñase enriba e ameazaba choiva. Non era o caso de que se reproducisen as quenturas do día de cazata. O cura, o señorito e o notario acompañárono durante un treito polo camiño da Fontela, despois de subministrarlle unha coroza, moito máis útil que un impermeable, por se o ceo descargarse. Ao pouco Joaquín albiscou, ao lonxe, a Maripepa, xa sen o cuxo. Pouco despois escoitou berros. Decatouse de que o notario xa non estaba onda eles. Botou a correr e atopou a Maripepa defendéndose do fauno piloso. Intervén entón Joaquín a trompada limpa, aínda sendo o notario ben forte e rochoso; os contendentes rodaron por un barranco ata que o notario rematou algo mancado. O cura de Naya e o señorito de Limioso interpóñense para que a cousa non fose a máis. O notario tras pedirlle perdón e facer as paces recórdalle a Joaquín que cando as cousas importan cómpre avisar os amigos.

            Maripepa xa non está. Pero o mesmo notario lle advirte a Joaquín que non se preocupe que a moza esperará. En efecto, ao pouco de retomar o camiño, o vitorioso galán atopou a Maripepa, ofertoulle a coroza pero ela pediulle subir ao cabalo. Ben de noite chegaron a Fontela, a paso lento, ambos cubertos polo coroza.

            Os remorsos agonían o novo xuíz. As dúbidas entre a pulsión orgánica e  a contención social atribúlano. O lector de Becquer, moralmente ríxido e decidido a reformar a filosofía do dereito, rexeita radical as insinuacións do amigo madrileño para que fuxa “a escape”. Joaquín négase a tal indignidade. Está disposto a casar con Maripepa sabendo dos innúmeros inconvenientes de tal decisión, do dolor que causaría na súa familia, e asume a maior das desigualdades nun matrimonio: a intelectual. Mais a el sóbranlle “fuerzas para luchar con el universo, no con mi conciencia acusándome de la más fea alevosía”.

            Este ensimesmamento moral é exclusivo de Joaquín. Ninguén máis que el ve o conflito. Nin o seu amigo Camilo; nin a mesma Maripepa, que considera máis doado que polo Avieiro baixe viño en vez de auga antes de que Joaquín se case con ela; nin o pai da rapaza que responde ao asunto cun sorriso retranqueiro e pedindo rebaixa na renda ou un pequeno préstamo; nin por suposto o cura, que cando sorprendeu os mozos de brincadeira e ante aseveración de Joaquín de que ía casar, na vez de felicitalo, respondeulle que estas cousas cumpría pensalas  amodo que eran para toda a vida e que tampouco cometera tanta falta pois “El diablo lo enreda, Vd. es muchacho, ella rapaza, y el fuego junto a la estopa… Ya se ve…”. Este rexeitamento das súas prioridades morais non fai máis que reafirmar a Joaquín en casar o máis axiña coa pobre Maripepa. Así llo indica ao amigo madrileño para que llo comunique aos pais.

            Un mes despois, dende Pontevedra, en transito cara a Porto para regresar a Madrid, Joaquín escribe a avergonzada e última carta na que relata a resolución dos seus problemas morais tras unha entroidada que lle descubriu que os seus agoniante remorsos só eran o froito dunha pesada broma. O domingo de Entroido presentáronselle na casa, á hora do xantar, media ducia de mascaras, vestidas como se fosen paisanos, armando unha gran barafunda. Tres eran homes e outras tres mulleres. Ao velo, subiron á  planta principal onde seguiron armando un gran balbordo. Elas con pandeiros e castañolas; eles, un cun enorme e estrondoso corno, outro cunha abafante gaita grileira e o terceiro cunha enorme vincha de porco inflada, coa que golpeaba a quen se lle puxese por diante. Como bo anfitrión ofreceulles viño e sacou copas para o tostado; pero, contra o que agardaba, non se botaron a el, senón que actuaron comedidos e mesmo unha das mascaras pediu auga que lle trouxo Maripepa. Esta e outras actitudes fixéronlle pensar que non se trataba de paisanos, idea que confirmou cando as tres “damiselas” turraron del cara á eira arremedando a el e a Maripepa collidos de ganchete paseando polas rúas de Madrid, ou a Maripepa calzándose os botíns de raso antes de acudir ao “besamanos” do rei ou abanicándose en presenza da infanta. Foi daquela cando se decatou de que tras as carautas femininas agochábanse as señoritas que coñecera na feira de Cebre e que os que se ocultaban tras as caretas varonís non podían ser outros que o notario ouveando co enorme corno, o señorito de Limioso irritando os ouvidos coa áspera gaita e, para maior asombro, o cura repartindo vexigazos. Foi entón cando se decatou de que non pisara ningunha flor, senón que só recollera unha flor tripada e por que pés, meu deus, por pés inmundos e viláns. Para asegurarse, achegouse ao cabaleiroso Limioso e pediulle que,  a cara descuberta, lle confirmase o que lle insinuaran con ela tapada. O señorito díxolle que viñeran facer esta entroidada porque lles daba pena velo tan enganado, que sabían que se divertía coa rapaza, cousa normal na que ninguén debía meterse, pero cando o cura os informou das súas intencións de matrimonio tiveron que contarlle a verdade. Aínda así a dúbida asaltouno, non seria unha vinganza do notario ou unha chanceada para o señorito madrileño?

            Así que andou á espreita ata decatarse de que o seu rival non era o notario, senón o bárbaro e repulsivo Manuel co dedo rabenado. Ordenou de seguida que lle preparasen o cabalo e a maleta. Ollou a Maripepa chorosa, berroulle, sacudiuna irado, e ela, entristecida, confesou. Había tres anos que estaba comprometida con Manuel e se non casaran era por falta de cartos para o enxoval e o banquete. Menos mal que el non fora o enganado, senón Manuel. Deulle uns cartos a melancólica Maripepa e matinou en que podería acontecer se fose para el esa muller, nacida noutra condición e educada dalgún modo; quizais a máis leal das esposas e seguro que unha das máis amantes. Pola mañá cedo achegouse ao pazo de Limioso para saudar o señorito, pasou por Naya, onda o cura, e tirou para Cebre, camiño de Pontevedra.

            E posíbel que a Fontela emiliana fose ese punto fronteirizo de brutal contraste entre un templo do consumo e outro da miseria e marxinalidade, estragado pola modernidade en forma de toneladas de formigón e chapapote que nos atopamos ao entrar no Carballiño? Quizais, aínda que xa non conserve nada daquela vizosa  fermosura que nos describe dona Emilia. Aquela Fontela e A Fonteboa, ámbas na parroquia de Amarante , eufónico nome, , na circunscrición masidá polos caprichos administrativos, son hoxe unha triste sombra do que deberon ser, aínda que non fose ningunha a que inspirou a dona Emilia.

            Volvamos ao comezo destas liñas. Lembrábamos a despedida madrileña de dona Emilia e os preparativos de veraneo. Nós imos facer  outro tanto e suspender estes percorridos polo Avieiro ata o remate do verán;o noso cae polo San Cibrao. Daquela agardamos regresar cun pequeno mangado de Avieiros sobre á gran novela de dona Emilia que por razóns editoriais dividiu en dúas, Los pazos de Ulloa e La madre naturaleza que teñen moito que ver con Banga, Vilamorta e o Avieiro, moito máis do que se acostuma resaltar. Feliz verán, agardemos que sen andazo nin carautas.


[1] La correspondencia de España, 26/6/1896

[2] La correspondencia de España, 1/7/1896


———————————————————————————————————

Traxectoria de Carlos Méixome

Carlos Méixome Quinteiro (Val, Lalín). Estudou Filosofía e Ciencias da Educación en Compostela e exerceu como profesor de Xeografía e Historia ata a súa xubilación. Militante nacionalista dende novo e activista cultural; dirixiu durante anos o Instituto de Estudos Miñoráns. Ten publicados traballos sobre asuntos internacionais e historia contemporánea de Galicia e investigado sobre a persecución franquista no sur da provincia de Pontevedra. Colabora en diversos medios de prensa impresa e dixital. Reside dende hai anos en Gondomar, pero criouse e medrou no Carballiño onde reside a súa familia.


Outros artigos de Carlos Meixome:

Polo Avieiro de dona Emilia ( 1 ) : “Os nomes do Avieiro de dona Emilia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 2 ) : “E ti de onde es?. Un pouco de egohistoria “

Polo Avieiro de dona Emilia ( 3 ) : O balneario. Outro anaco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia ( 4 ) : Unha breve cata na historia do balneario. Camiño da privatización

Polo Avieiro de dona Emilia ( 5 ) : A poxa. Outra breve cata na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia ( 6 ) : Arde a casa do alcalde e inaugúrase o novo edificio. Terceira breve cata na historia do balneario.

Polo Avieiro de dona Emilia (7) : As expectativas incumpridas. Cata final na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia (8) : Outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (9) : Un enterro de liñaxe

Polo Avieiro de dona Emilia (10) : “Deme auxilio Buela que me quedo sin sangre”

Polo Avieiro de dona Emilia (11) : O “Palacio de los Recuerdos”

Polo Avieiro de dona Emilia (12): ” Entre señor e faraón “

Polo Avieiro de dona Emilia (13): ” A véspera “

Polo Avieiro de dona Emilia (14): ” A feira “

Polo Avieiro de dona Emilia (15): Os fogos

Polo Avieiro de dona Emilia (16): Dinamita en Cabanelas

Polo Avieiro de dona Emilia (17): O día grande

Polo Avieiro de dona Emilia (18): E o Cisne, de que vai?.

Polo Avieiro de dona Emilia ( 19 ) : “Nieves e Leocadia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 20 ) : Flores e Gaspara

Polo Avieiro de dona Emilia, (21): Eco e Narciso.

Polo Avieiro de dona Emilia, (22): O miradoiro.

Polo Avieiro de dona Emilia, (23): Pragas

Polo Avieiro de dona Emilia (24): Matute, a outra praga do Ribeiro

Polo Avieiro de dona Emilia (25): Vendimas.

Polo Avieiro de dona Emilia (26): Tostado.

Polo Avieiro de dona Emilia (27) : Dona Mariquiña

Polo Avieiro de dona Emilia (28) : Un segredo de familia?

Polo Avieiro de dona Emilia (29) : Outro segredo de familia

Polo Avieiro de dona Emilia (30) : Curros en El cisne e outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (31) : Vilamorta recoñece á Pardo Bazán.

Polo Avieiro de dona Emilia (32) : Calviño e a Bazán (1).

Polo Avieiro de dona Emilia (33) : Calviño e a Bazán (2).

Polo Avieiro de dona Emilia (34): O meu Calviño

Polo Avieiro de dona Emilia (35): Quen é o da última fila, o da esquerda?

Polo Avieiro de dona Emilia (36): Sobre flâneurs, dandis, sátiros e airistas

Polo Avieiro de dona Emilia (37): Sobre auguistas e veraneantes.

Polo Avieiro de dona Emilia (38): O desterro de don Aurelio

Polo Avieiro de dona Emilia (39): A banqueira da Loba

Polo Avieiro de dona Emilia (40): A Loba en Cebre

Polo Avieiro de dona Emilia (41): A Loba de don Aurelio

Polo Avieiro de dona Emilia (42): O meu don Aurelio

Polo Avieiro de dona Emilia (43): Antes de Coren

Polo Avieiro de dona Emilia (44): Vindicación de gaiteiro