Polo Avieiro de dona Emilia (39): A banqueira da Loba

IES CHAMOSO LAMAS

Carlos Méixome Quinteiro historiador e escritor galego


Álvaro das Casas, nun artigo sobre a casa de Banga do que xa demos conta nestes Avieiros[i], achegábanos algúns perfís da nai de Eduardo e Pepe Quiroga, dona Mariquiña Pérez de Deza. Entre outras anécdotas refírese ás relacións de amizade con Pepa A Loba.

HIPER MASIDE
Dona Mariquiña a banqueira de Pepa a Loba

Das Casas ten unha visión contemporánea da Loba; para el, era como un deses “gánsteres que utilizan como reclamo los diarios de norteamerica” e non un “raterillo de Mercado” que puidese roubar a calquera “señorito cursí”, pois todos os fidalgos dos dez mil pazos galegos contábanse “ufanos” como vítimas dos seus roubos; o que é unha evidente esaxeración, afirma. A Loba tiña como “campo de acción” as terras ribeirás e despois de cada traballo gustaba catar un vaso de bo viño ou unha copiña de tostado como se dunha abadesa reumática se tratase. De nova deu algún que outro susto nunhas cantas reitorais e gañou fama de matona, sona que puido explotar ata a vellez. Como se dun Vito Corleone se tratase, cada casa grande do Ribeiro pagaba o seu tanto mensual e todos tranquilos; tanto era así que cando a Loba se presentaba nalgunha casa era só para fartarse de melindres, cabelo de anxo ou pavías do Barón en augardente.

A relación de dona Mariquiña coa Loba era moito máis que de amizade, xa que a  admiración que tiña pola bandoleira converteuna na súa banqueira. Cando a Loba precisaba liquidez recorría á señora de Banga, esta nunca foi enganada pola contra compensábaa cun par de galiñas polos intereses, segundo afirma Das Casas. O que non di, porque forma parte do segredo bancario, é que dona Mariquiña debía detraer algunha substanciosa comisión polo branqueo dos cartos que con amplo sorriso, segundo Das Casas, lle pagaban os fidalgos ribeirás e algúns curas de reitorais abastadas, ou os que arrieiros e tratantes tiñan que soltar tras os seus asaltos aos camiños ou como os daquel usureiro e gabanciosos carniceiro de Ribadavia ao que tivo que “visitar” e, véndoo tremer como vara verde, contentouse con pegarlle un par de labazadas, levarlle os cartos e o seu pretensioso “bombín”. O sombreiro vendeuse, para mofa do matachín, na feira de Maside para que todo o mundo o soubese.

Desta visión da Loba en compango coa fidalguía ou mesmo coa nobreza baixa, participa o marqués de Figueroa, Juan Armada Losada (1861-1932)[1], nunha novela crepuscular do século XIX e da fidalguía que leva por título Gondar y Forteza[2], asinada en outubro de 1899 e publicada no ano seguinte. Nestes recordos de rapaz que medra entre un val de fartura, Gondar, e unha cidade de poder, Forteza, situada, no seu maxín, nas terras por riba do Ulla ou quizais nas do Umia, ou en ambas, e no contexto revolucionario de 1868, escribe: “!Cuanto dio que decir el ver entrar muchas veces en la casa del Conde a la Lobezna, ladrona famosa, mujer machucha y desenvuelta, de singular disposición e ingenio.!”

Juan Armada Losada, marqués de Figueroa

O marqués de Figueroa foi un dos primeiros en deixar referencia escrita desta muller, ese é o feito diferencial, xefe da gavela ladroíza, vinculándoa coa fidalguía e con tan bos oficios que, segundo as maliciosas linguas, foi ela a que afastou as partidas, fosen de facciosos ou de bandidos, do pazo condal. As funcións mediadoras que realizaba “La Lobezna” indícannos que posuía un poder negociador cos grupos locais para os que realizaba funcións de “corredera”, levando recados, traendo novas, dirixindo e dando consellos. Dela gardábase “fresca memoria y vivo el espanto” e tíñanlle tanto medo que non había quen a delatase, actitude á que ela correspondía evitando as violencias que acompañaban a póstuma desamortización das “peluconas”[3] agachadas no fondo das huchas ou nas trabes dalgún artesoado de vellas reitorais ou antigas casas grandes.

A esas “cordiales relaciones con oidores, fiscales y procuradores, y con la aristocracia rural” da Loba tamén se refire a Bazán nun conto breve, “La capitana”, publicado en 1902, no que resalta as habilidades diplomáticas da “Pepona”, así lle chama, que nunca intentou “golpe contra los castillos y pazos”.[4] A narradora omnisciente, isto é, dona Emilia, di que a coñeceu, non sabemos si na casa da súa sogra, a banqueira.

Deixaremos para outra ocasión os relatos da Loba que elaboraron, con detalle, Antonio Rey Soto e Aurelio Miras Azor nas súas respectivas novelas[5]. Mais quixeramos rematar con outra breve achega que nos debuxa unha bandoleira ben diferente á que podemos intuír a partir das referencias de Das Casas e do marqués de Figueroa.

Trátase dunha versión recollida, case como traballo antropolóxico polo finado escritor e xornalista Xosé Fernández Ferreiro, nun suplemento de La noche[6], sobre as festas do San Cibrao.

Cabeceira de La noche
Xosé Fernández Ferreiro

Ferreiro dinos que, nas terras de Nogueira de Ramuín, contábanse mil historias da Loba, pero que a que a el lle pareceu máis verosímil foi a  que lle contou unha muller moi maior que a describiu como filla do pecado e orfa de nai. Díxolle  que era natural de Barra ou de Xunqueira e que ficou baixo a tutela dun tío, carniceiro e ladrón, que lle ensinou os dous oficios, o de roubar e o de matachín. Como se alimentaba de sangue, non sabemos se da dos animais que sacrificaba o tío ou das vítimas do seus latrocinios, medrou tanto e tan rápido que aos dezaseis anos tivo un fillo. Púxolle un pé no pescozo e guindouno aos cans; por iso os mesmos bandoleiros a alcumaron de Loba.

A avoa da informante de Ferreiro seica a coñecera na feira de Maceda  e dicía que era tan boa moza como desvergonzada, pois, nas feiras, púñase a bailar para que os homes a mirasen como parvirocos; momento no que os seus compañeiros de falcatruadas aproveitaban para roubarlles. A gavela agochábase nos montes de Valdaporca onde fican varios tesouros agochados e dúas penas; a unha chámanlle “a mesa”, por alí  reunirse os bandoleiros para facer os repartimentos, e á outra “o pilón”, onde sangraban os que mataban e íanos a enterrar no lugar chamado “A tapada do cemiterio” no camiño de Cabeza da Meda.

Pero a Loba non só era mala, senón que tamén era boa. Non roubaba aos pobres, pola contra mesmo lle daba.  O que non quería era ser dominada e tíñalles moita zuna aos homes, por ser filla de solteira. Seica dicía “Nunca quixen, nin quererei, e cando queira, morrerei”. E así foi. A Loba namorou dun rapaz novo e o tío carniceiro, que a quería só para el, matouna a traizón, pois de fronte poucos lle podían, vindo de Monforte, nas fragas do Sil.

Mito?, personaxe real?, mestura de mito e realidade?, elaboración literaria como aquel Juan Quinto de “barba de cobre, y pupilas verdes como dos esmeraldas, audaces y exaltadas” que imaxinou Valle Inclán?[7]. Na procura de Xan Quinto, aquel homazo, alto, flexíbel coma un vimbio e forte como un carballo, andou o tamén finado José Antonio Durán[8].   O bandoleiro limitou a súa presenza ás terras do Salnés e do Barbanza, andaba en cuadrilla, acompañado dos salteadores máis famosos da comarca, que eran os que facían as carneiradas violentas, pero tamén actuaba  só, de xeito enxeñoso, o que non impedía que ás veces tivese que saír coas mans baleiras e burlado, como lle aconteceu co “frailuco” do conto de Valle. Para este era de Bealo, para outros de Araño, para uns terceiros era do lado de Palmeira, aínda que había quen afirmaba con rotundidade que era do mesmo Cambados.

As xentes populares admiran a Xan Quinto por arriscado, valente e  porque, di o refrán, para quen rouba a un rico hai cen anos de perdón, mentres que refugan e desprezan  os ladróns de papeis e enganos, tan abundantes nos nosos días que ata procuran a sombra da coroa; vilipendian e menosprezan os rateadores raspuñeiros;  os politiqueiros aproveitados e os caciques que prometen para non cumprir.

Cabanillas xuntou os dous mitos ou realidades realistas nun poema de 1920, Camiños no tempo: “E dende alí ollaban as veredas/e os camiños travesos/coa carabina ao lombo/do paso dos civiles ao axexo/os espías da Loba e Xan Quinto/ladrós e cabaleiros”[9].


[1] O titulo nobiliario tiña a súa orixe na Torre de Figueroa de Abegondo, pero a familia emparentou cos Armada de Santa Cruz de Ribadulla, os Pardo, e foi propietaria do pazo de  Fefiñáns. Deputado case permanente, presidiu e vicepresidiu a cámara; foi ministro de varias carteiras, entre elas da de Graza e Xustiza, nos gobernos de Maura, representando a ala máis conservadora. Membro da Real Academia Española; presidiu o Ateneo de Madrid. Familiar de dona Emilia, é autor de catro novelas en castelán e dous poemarios en galego e castelán: Del solar galaico (1917) e Libro de cantigas. En tierras galaico-lusitanas. Impresiones. Reminiscencias del vagar (1928). Pódese consultar Ramírez Jerez, P. (2015): “Juan Armada Losada, marqués de Figueroa: político, literato y académico gallego. Apuntes bio-bibliográficos” en Lucensia. Lugo: Biblioteca Seminario Diocesano, nº51.

[2] Armada Losada, J. (1900): Gondar y Forteza. Madrid:Viuda e Hijos de Tello. Pax. 126-127

[3] Chamábaselle así ás moedas de 8 escudos co gravado do rei cunha perruca á moda francesa que iniciou Filipe V e durou ata Carlos IV. Fernando VII xa non empregou ese peiteado postizo, e coa “Gloriosa”, sexenio democrático (1868-1874), introduciuse a peseta.

[4] Pardo Bazán, E. (1902): “La capitana”; recollido en Pardo Bazán E. (1990): Cuentos completos. A Coruña: Fundación Barrié.

[5] Rey Soto, A. (1918): La Loba. Madrid: Librería de la viuda de Pueyo; Miras Azor, A. (1968): Juventud de Pepa Loba. Vigo: Faro de Vigo.

[6] Fernández Ferreiro, X.: “La historia de Pepa a Loba” en La noche 18/9/1954.

[7] Valle Inclán, R. [1920] (1969): Jardín umbrío. Historia de santos,  almas en pena, de duendes y ladrones. Madrid: Aguilar.

[8] Durán, J. A. (1974): Crónicas 1. Agitadores, poetas, caciques, bandoleros, reformadores en Galicia. Madrid:Akal.

[9] O vello poema non se publicou en libro ata moito despois, Cabanillas R. [1947]: Camiños no tempo. Santiago Bibliofilos Galegos ou Cabanillas, R. (1974): Obra Completa. Vol 2. Madrid: Akal.



[i] Das Casas, A. (1935): “La casa de Banga” en El pueblo gallego 12/9/1935


———————————————————————————————————

Traxectoria de Carlos Méixome

Carlos Méixome Quinteiro (Val, Lalín). Estudou Filosofía e Ciencias da Educación en Compostela e exerceu como profesor de Xeografía e Historia ata a súa xubilación. Militante nacionalista dende novo e activista cultural; dirixiu durante anos o Instituto de Estudos Miñoráns. Ten publicados traballos sobre asuntos internacionais e historia contemporánea de Galicia e investigado sobre a persecución franquista no sur da provincia de Pontevedra. Colabora en diversos medios de prensa impresa e dixital. Reside dende hai anos en Gondomar, pero criouse e medrou no Carballiño onde reside a súa familia.


Outros artigos de Carlos Meixome:

Polo Avieiro de dona Emilia ( 1 ) : “Os nomes do Avieiro de dona Emilia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 2 ) : “E ti de onde es?. Un pouco de egohistoria “

Polo Avieiro de dona Emilia ( 3 ) : O balneario. Outro anaco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia ( 4 ) : Unha breve cata na historia do balneario. Camiño da privatización

Polo Avieiro de dona Emilia ( 5 ) : A poxa. Outra breve cata na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia ( 6 ) : Arde a casa do alcalde e inaugúrase o novo edificio. Terceira breve cata na historia do balneario.

Polo Avieiro de dona Emilia (7) : As expectativas incumpridas. Cata final na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia (8) : Outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (9) : Un enterro de liñaxe

Polo Avieiro de dona Emilia (10) : “Deme auxilio Buela que me quedo sin sangre”

Polo Avieiro de dona Emilia (11) : O “Palacio de los Recuerdos”

Polo Avieiro de dona Emilia (12): ” Entre señor e faraón “

Polo Avieiro de dona Emilia (13): ” A véspera “

Polo Avieiro de dona Emilia (14): ” A feira “

Polo Avieiro de dona Emilia (15): Os fogos

Polo Avieiro de dona Emilia (16): Dinamita en Cabanelas

Polo Avieiro de dona Emilia (17): O día grande

Polo Avieiro de dona Emilia (18): E o Cisne, de que vai?.

Polo Avieiro de dona Emilia ( 19 ) : “Nieves e Leocadia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 20 ) : Flores e Gaspara

Polo Avieiro de dona Emilia, (21): Eco e Narciso.

Polo Avieiro de dona Emilia, (22): O miradoiro.

Polo Avieiro de dona Emilia, (23): Pragas

Polo Avieiro de dona Emilia (24): Matute, a outra praga do Ribeiro

Polo Avieiro de dona Emilia (25): Vendimas.

Polo Avieiro de dona Emilia (26): Tostado.

Polo Avieiro de dona Emilia (27) : Dona Mariquiña

Polo Avieiro de dona Emilia (28) : Un segredo de familia?

Polo Avieiro de dona Emilia (29) : Outro segredo de familia

Polo Avieiro de dona Emilia (30) : Curros en El cisne e outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (31) : Vilamorta recoñece á Pardo Bazán.

Polo Avieiro de dona Emilia (32) : Calviño e a Bazán (1).

Polo Avieiro de dona Emilia (33) : Calviño e a Bazán (2).

Polo Avieiro de dona Emilia (34): O meu Calviño

Polo Avieiro de dona Emilia (35): Quen é o da última fila, o da esquerda?

Polo Avieiro de dona Emilia (36): Sobre flâneurs, dandis, sátiros e airistas

Polo Avieiro de dona Emilia (37): Sobre auguistas e veraneantes.

Polo Avieiro de dona Emilia (38): O desterro de don Aurelio