Polo Avieiro de dona Emilia (43): Antes de Coren

Carlos Méixome Quinteiro historiador e escritor galego


Cando falamos noutro Avieiro do desterro de don Aurelio, fixemos  referencia a encerelladura argallada por vixiantes de morais alleas e da rectitude política da Nova España que rematou coa marcha do autor de El agüísta a Venezuela. Mais esquecemos, por ignoralos daquela, substanciais detalles que nos achegou o seu fillo Xan.

AVANTAR ACTIVIDADES

            Na altura as corporacións municipais elixíanse, segundo a Lei de Bases do Réxime Local de 1945, por terzos. Unha terceira parte dos concelleiros representaba os  cabezas de familia, o chamado terzo familiar; elección que se rexía polo recuperado artigo 29 da Restauración, segundo o cal, se non había máis candidatos que postos non se realizaban as votacións, daquela só quedaba facer coincidir o número de candidatos co de postos a cubrir. O terzo sindical elixíase entre os representantes do sindicato único, e o outro terzo, a proposta do gobernador civil, entre entidades económicas, culturais e profesionais, era o chamado terzo corporativo. Coidamos que a este terzo representaba na  corporación municipal Juan Corral Pajariño, gran amigo de don Aurelio co que colaborou durante décadas,  que non asistiu ao debate  pero fórono a buscar á casa para que estivese presente no momento da votación, tal e como se recolle na acta levantada polo secretario Xosé Fariña Jamardo. O pleno celebrouse o 20 de outubro de 1950 cun único asunto a tratar, “La novela El agüista y el pueblo de Carballino”, baixo a presidencia do alcalde Camilo de Novoa González. Na sesión interviñeron todos os concelleiros, así figura na acta, que manifestaron a “unánime repulsa” coa que se acolleu a publicación da novela. Estaban presentes, Luís Pereira Valeiras, Jesús Pereiras Penas, Antonio Rodríguez Pereira, Antonio Barreiro Fernández, Camilo Rodríguez Pérez, Jesús González Iglesias e Antonio Munín Díaz, ademais de Juan Corral, que “entra en el salón” unha vez “iniciada a discusión”. Tras o debate apróbase por unanimidade expresar “la mas completa y absoluta repulsa (…) hacia la novela El agüista” e que así se lle comunique ao autor, ao tempo decídese poñelo en coñecemento do gobernador civil “a los efectos que estime oportunos”, que se lle envíe un exemplar da obra e se lle comuniquen as protestas que orixinou.

            No momento da lea pública na vila apoucada, daquela si, don Aurelio tomouno como unha brincadeira; considerou que os que se daban por aludidos non eran máis que uns vaidosos, uns fatuos que querían converter a novela en realidade, uns presumidos que só desexaban que se falase deles. Tamén lle resultaba xocoso o seu lostregante descenso dende as alturas do heroísmo ata as fochancas do indigno vilán, que agredía con palabras de bufón a “dignísima colonia forastera”. En efecto, no ano anterior á publicación da novela,  que “ofendía la elevada moralidad” dos carballiñeses, segundo consideración do pleno municipal, ata xerar un  “estado de ánimo” que podería orixinar “alteraciones de orden público”, o avogado Miras Azor acadara un “resonante triunfo” na Audiencia coruñesa que mereceu o recoñecemento das elites locais, como reflectiu a prensa da altura[1], as mesmas que despois o defenestraron.

Triunfo de un avogado la Región 4 xuño de 1949

De súpeto o seu nome era degradado por falabaratos de calquera condición, a súa capacidade como avogado cuestionada, os pasquíns ocupaban recantos nos soportais e dedicábanselle cancionciñas de fácil rima.

            A cousa foi acougando, e don Aurelio seguiu tomando a chacota aquela efervescencia de orgullo vilego paifoco.  O tempo foi pasando. O “rara avís” do Miras, licenciado en Filosofía e Dereito, políglota, dominaba árabe e alemán, que daquela se impartía na universidade; despois aprendería francés, do que tamén impartiu aulas, seguiu coa súa vida familiar e profesional; entre ollares atravesados, si, pero sen máis leas.

Titulo licenciado en Filosofía. Arquivo familiar
Título de avogado. Arquivo familiar

            Pero unha mañá de remate de verán de 1954, pouco antes da hora de xantar, bateron con firmeza na porta. Saíron abrir os rapaces. Era a Garda Civil. Viñan prender a don Aurelio para levalo a Ourense e interrogalo por mor de certas denuncias presentadas. As alarmas familiares saltaron. Todos se puxeron en movemento. A familia de Esperanza, conservadora e economicamente máis que acomodada; o procurador dos tribunais Bernardo Castro Pérez, popularmente coñecido como Baíto; o tenente coronel xefe do rexemento Zamora nº 8 cando se instalou no convento ourensán de San Francisco, Ángel Martín Mouriño[2]; os amigos, como o médico e forense Paco de los Arcos ou o farmacéutico Manuel Campos Sobrino[3]. Todos arrimaron o ombreiro e aos poucos días don Aurelio recuperou a liberdade baixo sospeita. O informe que orixinou a detención seica procedía de Campo de Criptana  e referíase aos irmáns Miras Azor, pero sen dubida a reclamación de investigación solicitada polo concello catro anos antes tamén tivo que ver nesta pesada entroidada.

            Don Aurelio deixouse aconsellar. Recomendáronlle desaparecer unha tempada. Tras a visita de Eva Perón (1947) e, en especial, tras os Pactos de Madrid (1953) que permitían instalar catro bases militares norteamericanas en España, rompíase o illamento internacional do réxime e este púñase rufo de novo,  nomeadamente o sector falanxista.

Cumpría pois andar con tino; deixar correr o aire e o tempo e preparar os papeis para ir dar unha volta. Un novo problema, os papeis; mover axudas por aquí e por acolá…, matinar ben as cousas. Advertíronlle que non solicitase o pasaporte como mestre, nin como avogado, e moito menos como filósofo. Así o fixo.

Viaxe durante as festas do Nadal

Aproveitando que puxera unha granxa de polos no coñecido como monte de Corzos, cubriu o apartado de “profesión” como  “avicultor”; con este oficio concedéronlle o “pase de frontera” tal e como reflectiu a prensa da altura[4]. Cinco días despois de saír nos xornais cuñáronllo en Ourense; era o 17 de decembro de 1954. Dez días máis tarde ollaba como o barco se afastaba das luces do porto de Vigo; aquel fin de ano pasouno vendo medrar o “ancho mar amargo”[5]. Desembarcou en La Guaira o 7 de xaneiro. Durante uns meses dirixiu un centro educativo en Caracas. O 10 de outubro dese mesmo ano, no porto vigués, estampáronlle o selo de regreso. Volveu a Venezuela con brevidade, para arranxar papeis, e instalouse de novo na vila balnearia.

Pasaporte. Arquivo familiar.

            Nas súas visitas oficiais ao noroeste peninsular, os xerarcas franquistas non deixaban de gabar, cando menos nos tempos anteriores aos “25 anos de paz”, o decisivo papel de Galicia como subministradora de recursos e alimentos para gañar a guerra, falaban da “despensa galaica”. Era ben certo, aínda que non compartisen, como é lóxico, a análise colonial que o galeguismo político comezou a elaborar naquela altura. Mais este rol de despensa alimentaria e enerxética  é unha malandanza da que aínda no se deu ceibado o país. Nin moito menos!

            O papel galego no acougo da fame que a sublevación militar provocou en toda España foi salientado en diversas ocasións, como tamén o foi, sen dúbida de ningunha caste, para que nas mesas dominicais das familias de traballadores, industriais ou administrativos, houbese carne fresca, aínda que fose branca, en forma dun polo asado que emerxía en arrecendo a gloria, dourado e brillante dos fornos das cociñas de butano para satisfacción do pai asalariado e ledicia da espelida e aforradora nai-ama de casa. E, máis adiante, por ventura daquel, ou daqueles, aos que lles acordou chantar nos arrastreiros, chamados Lemos e Andrade, cadanseu frigorífico conxelador permitindo ás familias operarias do interior peninsular xantar, de cando en vez, peixe case fresco e de calidade. Referímonos, pois, á revolución alimentaria que hoxe identificamos cos nomes de Coren e Pescanova. Mais esta comezara no Carballiño.

            O domingo primeiro de setembro de 1957, na casa sindical da vila, con presenza das autoridades do sindicato único e da irmandade de labradores, os avicultores da comarca reuníronse para constituír unha cooperativa. Así se acordou por unanimidade, aprobándose os estatutos, remitindo a documentación necesaria ao ministerio correspondente e elixindo unha xunta rectora provisoria presidida por Evaristo Carballo Nóvoa e na que Aurelio Miras Azor estaba á fronte do seu “Consejo de Vigilancia”.[6]

            Na altura, as granxas de polos, para carne ou para ovos, pasaban unha dura crise, despois duns anos de expansión rapidísima e gorentosos beneficios, por mor do encarecemento, moito máis rápido aínda, dos pensos e a consecuente escaseza dos mesmos. Na comarca do Carballiño, dado o “espírito emprendedor” das súas xentes, segundo o correspondente de “El pueblo[7] abrollaran moitas destas granxas que agora tentaban sortear a crise agrupándose en cooperativa que impulsaban, segundo a mesma nova de prensa, Evaristo Carballo, Aurelio Miras e Perfectino Vieitez, sobriño do abastado Perfectino Vieitez Rodríguez, que falecera en 1940.

            Os tres amósanse esperanzados co futuro da avicultura carballiñesa e achegan algúns datos para sustentar a súa afirmación a partir da realidade das tres granxas de reprodución  e das case un cento de produción de ovos e carne. A suma daría unha cifra de 25.000 aves que producían uns cinco millóns de ovos/ano, que, xunto ao xerado pola carne, achegaríase á cifra dos doce millóns de pesetas/ano. Esas serían as cifras da altura que agardaban superar en breve; para iso cumpría seleccionar as razas das poñedoras, mellorar a alimentación e axeitar as instalacións, o que permitiría superar a posta de 200 ovos ave/ano. Para consolidar estes avances precisábase que as galiñas melloradas se xerasen nas propias granxas de multiplicación da cooperativa sen ter que procuralas fóra, para iso importaran reprodutoras de Dinamarca. Deixámolo aquí. Esta cata non procura profundar en cuestións avícolas; só sinalar que dous anos despois da formalización da cooperativa carballiñesa, nacía, da man de Eulogio Gómez Franqueira, en Santa Cruz de Arrabalde, “Cooperativas orensanas”.

            O que me interesaba era dar conta, entre as brumas da memoria adolescente, da lembranza dun señor pequerrechiño, fino coma un garabullo; xa maior, ou así o recordo, e case cego, onda quen me mandaba, de cando en vez, a miña nai na procura do gorentoso polo dominical. Era o señor Evaristo, o compañeiro de Miras na cooperativa avícola; coñecido polo alcume, descoñezo tanto a súa orixe como se era de boa ou mala consideración, de Espírito Santo. Achegábase atoutiñando ata a cancela metálica que gardaba o acceso a unha casiña tipo chalé, cun xardinciño frontal sempre inzado de flores coloridas, e dábame o encargo. Na parte posterior da casa estaba a alongada granxa de polos, seica tiñan outra por Maside, que vendían nun posto externo á praza de abastos. Crieime coa lóxica de que os polos do Coren non valían para nada, que os bos eran os do Espírito Santo.

            Miña nai trabou confianza con el e amizade coa muller, Maruja, de orixe berciana. É a súa memoria, non tan bretemosa como a miña, quen recorda. Cando se atopaban encetaban conversa. Ela, agoniada, relataba os seus sufrires. De cando o perseguiron; de que un día viñeron na súa procura; de que foi quen de riparse e subir ao tellado, de que andou espelido e se anicou na parte sombriza da cheminea; de que a ameazaron;  de que eran de tal e cal apelido; de que se entobou na casa e lle dicía que levase aos nenos, tiñan tres, un home e dúas mulleres, a xogar á beira do pozo para poder velos; de que lle chamaban comunista, de que lle preguntaban de onde sacaran os cartos, que se lle viñeran de Rusia; de que lle rexistraban a casa e a ameazaban con obscenidades sexuais, de que nunca lle ia faltar home co que durmir; de que foi quen de saír do tobo da casa e agocharse noutro na Xesteira, en Mudelos, na casa dunha irmá; de que botaba o día entre o millo; de que acabou entregándose e deu zafado;  de que traballaron moito para saír adiante; de que cantaba moi ben e estaba no coro das Hijas de María, e aínda así mira o que nos fixeron, dicía; de como a marxinaron, de como lle daban as costas, de como se negaban a venderlle roupa…

            O que non conta miña nai, quizais enleados os recordos nos laios de Maruja, é que o señor Evaristo, o Espírito Santo, que presidira a Casa do Pobo, púxose moi maliño mentres estivo agochado no tobo que fixera na Xesteira. Alí foino atender, con grave risco da súa vida, o médico forense que o precedera na presidencia da Casa do Pobo, Enrique de los Arcos Fajardo[8]; sabémolo polo inmenso traballo do estudoso, entre outras moitas cousas, da persecución franquista do persoal sanitario na provincia de Ourense, o médico psiquiatra David Simón Lorda[9].

PREMER NA IMAXE

            Miña nai recorda o enterro do señor Evaristo e que Maruja, quen nunca deu esquecido os seus penares, rematou nunha residencia peiteando sen acougo unha boneca. Memoria que cumpriría documentar.


[1] La Región, 4/6/1949.

[2] Rafael Salgado, https://ourensenotempo.blogspot.com/.

[3] Prenderano en Asturias, sometido a consello de guerra e condenado a 20 anos e un día de prisión; http://vitimas.nomesevoces.net/gl/ficha/14913/.

[4] El Pueblo Gallego, 12/12/1954.

[5] La Noche, 12/10/1955.

[6] EPG, 8/9/1957. O xunta reitora completábana Agustín Domínguez Villanueva (secretario); Perfectino Vieitez (tesoureiro) e, como vogais, José Ricoy Rodríguez, Manuel Escobar Fraguas e Maximino García Nóvoa.

[7] EPG, 18/9/1957.

[8] Enrique de los Arcos Fajardo (Madrid, 1884-O Carballiño, 1948) foi o iniciador dunha saga de médicos carballiñeses, onde se estableceu en 1925, sendo tamén forense e médico municipal. Comprometido coa vida social e cultural da vila, promoveu unha escola para a alfabetización de adultos onde impartía leccións de hixiene; pero tamén participou na vida política e sindical, presidindo a Casa do Pobo en 1932 cando se convocou un paro xeral pola suspensión da construción do ferrocarril Zamora-A Coruña. Foi destituído do seus cargos de forense e médico municipal pola súa “destacada significación entre los elementos extremistas”, segundo o gobernador civil de Ourense dos sublevados, o tenente coronel Manuel Quiroga Macías. Parece que o seu castigo non foi a máis dos cinco anos de suspensión polo seu trato con Calvo Sotelo, por ser o médico das monxas do asilo e a amizade cun médico do Irixo, próximo ao falanxismo. Ver: Simón Lorda, D. (2010): Médicos ourensanos represaliados en la guerra civil y en la posguerra. Santiago de Compostela: Fundación 10 de marzo, p.144 e 391. O seu fillo, don Paco de los Arcos, foi o médico da miña familia, e o seu neto Pepe, un amigo moi e ben lembrado.


———————————————————————————————————

Traxectoria de Carlos Méixome

Carlos Méixome Quinteiro (Val, Lalín). Estudou Filosofía e Ciencias da Educación en Compostela e exerceu como profesor de Xeografía e Historia ata a súa xubilación. Militante nacionalista dende novo e activista cultural; dirixiu durante anos o Instituto de Estudos Miñoráns. Ten publicados traballos sobre asuntos internacionais e historia contemporánea de Galicia e investigado sobre a persecución franquista no sur da provincia de Pontevedra. Colabora en diversos medios de prensa impresa e dixital. Reside dende hai anos en Gondomar, pero criouse e medrou no Carballiño onde reside a súa familia.


Outros artigos de Carlos Meixome:

Polo Avieiro de dona Emilia ( 1 ) : “Os nomes do Avieiro de dona Emilia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 2 ) : “E ti de onde es?. Un pouco de egohistoria “

Polo Avieiro de dona Emilia ( 3 ) : O balneario. Outro anaco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia ( 4 ) : Unha breve cata na historia do balneario. Camiño da privatización

Polo Avieiro de dona Emilia ( 5 ) : A poxa. Outra breve cata na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia ( 6 ) : Arde a casa do alcalde e inaugúrase o novo edificio. Terceira breve cata na historia do balneario.

Polo Avieiro de dona Emilia (7) : As expectativas incumpridas. Cata final na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia (8) : Outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (9) : Un enterro de liñaxe

Polo Avieiro de dona Emilia (10) : “Deme auxilio Buela que me quedo sin sangre”

Polo Avieiro de dona Emilia (11) : O “Palacio de los Recuerdos”

Polo Avieiro de dona Emilia (12): ” Entre señor e faraón “

Polo Avieiro de dona Emilia (13): ” A véspera “

Polo Avieiro de dona Emilia (14): ” A feira “

Polo Avieiro de dona Emilia (15): Os fogos

Polo Avieiro de dona Emilia (16): Dinamita en Cabanelas

Polo Avieiro de dona Emilia (17): O día grande

Polo Avieiro de dona Emilia (18): E o Cisne, de que vai?.

Polo Avieiro de dona Emilia ( 19 ) : “Nieves e Leocadia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 20 ) : Flores e Gaspara

Polo Avieiro de dona Emilia, (21): Eco e Narciso.

Polo Avieiro de dona Emilia, (22): O miradoiro.

Polo Avieiro de dona Emilia, (23): Pragas

Polo Avieiro de dona Emilia (24): Matute, a outra praga do Ribeiro

Polo Avieiro de dona Emilia (25): Vendimas.

Polo Avieiro de dona Emilia (26): Tostado.

Polo Avieiro de dona Emilia (27) : Dona Mariquiña

Polo Avieiro de dona Emilia (28) : Un segredo de familia?

Polo Avieiro de dona Emilia (29) : Outro segredo de familia

Polo Avieiro de dona Emilia (30) : Curros en El cisne e outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (31) : Vilamorta recoñece á Pardo Bazán.

Polo Avieiro de dona Emilia (32) : Calviño e a Bazán (1).

Polo Avieiro de dona Emilia (33) : Calviño e a Bazán (2).

Polo Avieiro de dona Emilia (34): O meu Calviño

Polo Avieiro de dona Emilia (35): Quen é o da última fila, o da esquerda?

Polo Avieiro de dona Emilia (36): Sobre flâneurs, dandis, sátiros e airistas

Polo Avieiro de dona Emilia (37): Sobre auguistas e veraneantes.

Polo Avieiro de dona Emilia (38): O desterro de don Aurelio

Polo Avieiro de dona Emilia (39): A banqueira da Loba

Polo Avieiro de dona Emilia (40): A Loba en Cebre

Polo Avieiro de dona Emilia (41): A Loba de don Aurelio

Polo Avieiro de dona Emilia (42): O meu don Aurelio