Carlos Méixome Quinteiro historiador e escritor galego


Agás algún traballo salientábel como o de López Morán[1], concentrado nun breve e inicial período do XIX, o estudo do bandoleirismo galego decimonónico está por facer. É ben certo que hai algunhas achegas a míticos bandoleiros como Pepa A Loba, Xan Quinto, Balseiro ou Mamede Casanova, pero a gran maioría teñen moito máis que ver coa literatura (Valle, Pardo Bazán, Carré, Fernández Flórez, Rey Soto, Miras Azor, B. Iglesias, X. Miranda, C. Reigosa, H. Puentes…) ou co relato xornalístico (Costa Clavell) que coa historia, limitada ás entregas de X.A. Durán, Saurín de la Iglesia, Chao Espina e pouco máis, que coñezamos. Aínda así dáme a impresión de que o seu estudo deitaría información substanciosa tanto para captar o século XIX como para entender un fenómeno de profundas raiceiras sociais no que, como en todo, a chave galega é imprescindíbel para a súa acaída comprensión sen caer nun refrito andaluz.

            Dígoo porque nalgunha cativa cata que fixen non me resultou estraño atopar notas de prensa como a que o correspondente ribadaviense de El centinela de Galicia enviou[2]  dando conta da recollida, nos partidos xudiciais de Ribadavia e do Carballiño, de “armamento, fornituras y cajas de guerra” aos “nacionales”. Tal feito, dicía o redactor, merecía os parabéns dos honrados e pacíficos habitantes destas terras, amantes verdadeiros da “inocente Isabel y de la Constitución” por desexar a desaparición de “los motines y pronunciamientos”, emporiso, teme que tal medida puidese fomentar as partidas de “malhechores”, en especial se se retrasa o armar os cidadáns que ofrezan garantías ou organizar a policía, polo que agarda que as “dignas autoridades que afortunadamente tenemos”, “con la velocidad del rayo”, diten as medidas oportunas para evitar os roubos e a inseguridade. Era febreiro de 1844.

            As prevencións do correspondente do xornal coruñés[3] confirmáronse. Un mes despois, parecíalle vivir nun país salvaxe polos roubos e atrocidades que acontecían nos arredores. Días antes[4] unha gavela de “asesinos”, cando os caseiros estaban a meter os carros, asaltou a casa de “Villarino junto a Cea”, maltratando os que collían por diante aínda que non se lle arrepuxesen, “picando la cabeza y cortando una oreja” ao ancián mordomo, á criada cortáronlle os dedos da man dereita, a un fillo do caseiro arrincáronlle a metade do beizo e a outros dous mozos  espetáronlles senllas puñaladas. O cronista non informa do que roubaron, pero si de que lle puxeron lume ao arquivo.

            Como é sabido, as gavelas de bandoleiros tíñanlle especial zuna aos curas. Aquela mesma “banda de cafres” maltrataron e roubáronlle todo o que tiña, o 18 dese mesmo mes, ao cura de “Quince”; ao día seguinte fixeron o mesmo co de “Villar de Condes”. Ambos lugares distantes “media hora de aquí”, refírese a Ribadavia.

            Vilar de Condes é unha parroquia do actual concello de Carballeda de Avia.  Por “Quince”, ou erro de transcrición ou castelanización brutal, tense que referir á Quinza, lugar da parroquia de Ventosela, en Ribadavia. O lugar indicado como “Villarino” debe tratarse de Vilariño Frío, un enclave que, estando na parroquia de Cea, pertencía e pertence á de Oseira, polo que colle todo o sentido a queima do arquivo da casa. Segundo o correspondente nin se pode saír nin transitar a ningunha parte sen correr o risco de caer nas mans dos bandidos.

            Como tamén é sabido, dona Emilia renomeaba os territorios e lugares onde situaba a acción dos seus contos ou novelas. É o caso do Avieiro que escollemos como rótulo desta serie, ou da nosa Vilamorta. En ocasións non é doado identificalos por falta de referencias históricas ou actuais. Non é o caso de Cebre, que é Cea, por onde pasaba, e pasa, o camiño de roda de Santiago a Ourense e onde cumpría abandonar o coche para seguir dacabalo, por camiño de ferradura, para o Carballiño ou Banga, escena reflectida en varias ocasións, tanto en Los pazos de Ulloa como na súa segunda parte, La madre naturaleza.

            Sendo xa unha escritora máis que recoñecida, a Bazán publicou, en 1902, un conto breve que leva por título “La capitana”, no que sitúa en Cebre unha acción de Pepa A Loba. Dona Emilia non oculta a atracción que sente pola xefa de bandoleiros, demostración palpábel de que o valor e os dotes de mando non son unha exclusividade do sexo masculino. Non precisaba poñer o exemplo da Pepona, como lle chama á bandoleira, pois ela mesma podíase poñer de modelo destas virtudes. Outras mulleres ocuparon oficios subalternos no ladroízo (manceba, encubridora, espía…, ou agardando, avisando e agochando), pero, di dona Emilia,  a Pepona nunca realizou estas funcións secundarias, pois sempre foi capitá de numerosa e ben organizada gavela.

            A narradora cóntanos que nada sabe do debut da Pepona “en la carrera hacia la cual sentía genial vocación”, pois cando a coñeceu xa eran as feiras e os camiños “el teatro de sus proezas” e non quixera que o lector a imaxinase tocada cun falso e romántico sombreiro calañés, tipo Curro Jimenez, nin cun trabuco, tipo Carme, nin cunha navalla agochada entre a camisa e o suxeitador de cana que empregaban as aldeás aquel tempo, nin tampouco enriba dun cabalo andaluz, pois a Pepona nunca empregou outra arma que non fose a aguillada para afalarlle ás vacas ou xostrear ao seu “peludo rocín”, xa que non gustaba da violencia nin de derramar sangue. Roubar era o seu oficio e iso cumpría facelo “sin escándalo ni daño”, non tanto por mornura de corazón senón para esquivar un mal negocio e rematar na forca.

trabuco

            A táctica da Pepona consistía en acudir ás feiras montada na súa faca cunha gran cesta para as compras, tal como se fose a caseira de calquera casa grande. Alí agardábana os da gavela aparentando pacíficos labregos; uns no campo da feira, outros na taberna. Todos á espreita dos tratantes e do bo trato. A quen enchía a bulsa e non disimulaba o suficiente agardábano, coa cara tisnada ou oculta baixo un pano, no lugar axeitado para alixeirarlle o peso. A Loba asistía ao asalto agochada nas proximidades e só interviña para sosegar o maltrato ou deixarlle o “consolo” ao atracado para que puidese baixar algo pola gorxa na primeira taberna que atopase no seu apesarado camiño de regreso.

terciado calañes

            Como vimos noutro Avieiro, as súas boas relacións coa aristocracia local, a propia sogra de dona Emilia pasaba por ser a banqueira da Loba, así como cos administradores de xustiza, eran para a bandoleira un seguro de vida, a cambio, debía limitarse a roubarlle a arrieiros e labregos e, en especial, aos curas, a quen non lles perdoaba, pois tíñalles odio xurado ao igual que todos os salteadores galegos pola fama que tiñan de amarrados, dicíase que non comían un ovo por non tirar a casca, e por agochar os cartos no xergón, na trabe ou no fondo dunha hucha. Moitos cregos ficaron cos pés torrados, as uñas arrincadas ou os corpos queimados polo aceite fervendo, e algúns tiveron que adiantar o seu definitivo retiro espiritual para debaixo da terra. Non era pois estraño que a xente tonsurada se coidase moito nas viaxes a romarías e feiras e tivesen as reitorais convertidas en casas fortes.

maxresdefault

            Así que cando se xuntaron unha boa chea deles na feira de Cebre todos ficaron a durmir na pousada, agás un curiña “boquirrubio” que se atreveu a emprender o camiño de regreso á súa reitoral. Saíulle ao paso a Loba que ficara soa por considerar que non ía ter traballo. Pero o curiña “barbilindo” armou unha das súas pistolas mentres que no rostro de Pepona adiviñouse o espanto do animal collido na trampa convencida como estaba de que non había cura que se lle arrepuxese, mentres daba un chimpo para fuxir da bala. Desencadeouse a pelexa. A Loba descabalgou o curiña, tiroulle as pistolas e botoulle as dúas mans ao pescozo mentres entre estridentes gargalladas ollaba como a lingua do curiña abaneaba por fóra. Mais este tirou o coitelo agochado baixo a sotana e espetoullo no peito á capitá dos ladróns. “Carne de perro tienen los bandidos” di dona Emilia. A Loba curou, pero o seu ánimo ficou quebrado e xa non volveu ser a mesma. A súa lenda esvaeceuse.

            Unha “madamita de cura mozo” restableceu a orde. O catolicismo renovado gañoulle o pulso á vella tradición; tan armado como o creguiño lampo chegou o novo capitán xeral, aplicou violencia de alta intensidade e rematou coa gavela da Loba. Os abades puideron regresar, aínda que fose de noite, ás súas reitorais. Dona Emilia prefería antes a vitoria da orde monárquica e católica que a da admirada e valorosa muller con dotes de mando.


[1] López Morán, B. (1984): El bandolerismo gallego. Vigo: Xerais.

[2] Asinada o 20 de febreiro, El centinela de Galicia, nº 50, 24 febreiro de 1844.

[3] De inspiración liberal moderada, publicouse os dous primeiros anos da denominada “década moderada” (1843-1845) na que o partido liberal-moderado liderado polo xeneral Narváez ocupou o poder.

[4] Asinado o 26 de marzo, El centinela de Galicia, nº 66, 1 de abril de 1844.


———————————————————————————————————

Traxectoria de Carlos Méixome

Carlos Méixome Quinteiro (Val, Lalín). Estudou Filosofía e Ciencias da Educación en Compostela e exerceu como profesor de Xeografía e Historia ata a súa xubilación. Militante nacionalista dende novo e activista cultural; dirixiu durante anos o Instituto de Estudos Miñoráns. Ten publicados traballos sobre asuntos internacionais e historia contemporánea de Galicia e investigado sobre a persecución franquista no sur da provincia de Pontevedra. Colabora en diversos medios de prensa impresa e dixital. Reside dende hai anos en Gondomar, pero criouse e medrou no Carballiño onde reside a súa familia.


Outros artigos de Carlos Meixome:

Polo Avieiro de dona Emilia ( 1 ) : “Os nomes do Avieiro de dona Emilia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 2 ) : “E ti de onde es?. Un pouco de egohistoria “

Polo Avieiro de dona Emilia ( 3 ) : O balneario. Outro anaco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia ( 4 ) : Unha breve cata na historia do balneario. Camiño da privatización

Polo Avieiro de dona Emilia ( 5 ) : A poxa. Outra breve cata na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia ( 6 ) : Arde a casa do alcalde e inaugúrase o novo edificio. Terceira breve cata na historia do balneario.

Polo Avieiro de dona Emilia (7) : As expectativas incumpridas. Cata final na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia (8) : Outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (9) : Un enterro de liñaxe

Polo Avieiro de dona Emilia (10) : “Deme auxilio Buela que me quedo sin sangre”

Polo Avieiro de dona Emilia (11) : O “Palacio de los Recuerdos”

Polo Avieiro de dona Emilia (12): ” Entre señor e faraón “

Polo Avieiro de dona Emilia (13): ” A véspera “

Polo Avieiro de dona Emilia (14): ” A feira “

Polo Avieiro de dona Emilia (15): Os fogos

Polo Avieiro de dona Emilia (16): Dinamita en Cabanelas

Polo Avieiro de dona Emilia (17): O día grande

Polo Avieiro de dona Emilia (18): E o Cisne, de que vai?.

Polo Avieiro de dona Emilia ( 19 ) : “Nieves e Leocadia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 20 ) : Flores e Gaspara

Polo Avieiro de dona Emilia, (21): Eco e Narciso.

Polo Avieiro de dona Emilia, (22): O miradoiro.

Polo Avieiro de dona Emilia, (23): Pragas

Polo Avieiro de dona Emilia (24): Matute, a outra praga do Ribeiro

Polo Avieiro de dona Emilia (25): Vendimas.

Polo Avieiro de dona Emilia (26): Tostado.

Polo Avieiro de dona Emilia (27) : Dona Mariquiña

Polo Avieiro de dona Emilia (28) : Un segredo de familia?

Polo Avieiro de dona Emilia (29) : Outro segredo de familia

Polo Avieiro de dona Emilia (30) : Curros en El cisne e outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (31) : Vilamorta recoñece á Pardo Bazán.

Polo Avieiro de dona Emilia (32) : Calviño e a Bazán (1).

Polo Avieiro de dona Emilia (33) : Calviño e a Bazán (2).

Polo Avieiro de dona Emilia (34): O meu Calviño

Polo Avieiro de dona Emilia (35): Quen é o da última fila, o da esquerda?

Polo Avieiro de dona Emilia (36): Sobre flâneurs, dandis, sátiros e airistas

Polo Avieiro de dona Emilia (37): Sobre auguistas e veraneantes.

Polo Avieiro de dona Emilia (38): O desterro de don Aurelio

Polo Avieiro de dona Emilia (39): A banqueira da Loba