Gabriel Alén destaca a riqueza cultural, natural e humana do Camiño de Santiago

Na presentación do proxecto ‘Peregrinando pola Vía da Prata – Escolares Camiñando en Familia’ esta mañá no Liceo de Ourense

Publicidade
  • O delegado territorial explicou que ‘Peregrinando pola Vía da Prata – Escolares Camiñando en Familia’, é unha iniciativa que fará dos sábados da provincia unha andaina aberta ás familias e ás Anpas, na que Turismo de Galicia investiu máis e 16.500 euros
  • Gabriel Alén sinalou que dende o sábado 22 de maio, e ata o 9 de outubro, pais e fillos poderán percorrer o Camiño da Vía Prata ata chegar a Santiago de Compostela, cunhas andainas adaptadas ao público infantil, facendo rutas de non máis de 10 quilómetros
  • No conxunto da dúas edicións de O teu Xacobeo desenvolveranse máis de 400 propostas socioculturais aprobadas nas que a Xunta de Galicia está a investir preto de 8 millóns de euros

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou esta mañá na presentación do proxecto ‘Peregrinando pola Vía da Prata – Escolares Camiñando en Familia’, unha iniciativa que fará dos sábados da provincia unha andaina aberta ás familias e ás Anpas, na que Turismo de Galicia investiu máis e 16.500 euros.

Gabriel Alén, acompañado do Presidente FAPA, José Antonio Álvarez, explicou que desde este sábado 22 de maio, e ata o 9 de outubro, pais e fillos poderán percorrer o Camiño da Vía Prata ata chegar a Santiago de Compostela, cunhas andainas adaptadas ao público infantil, facendo rutas de non máis de 10 quilómetros .

O delegado territorial sinalou que en cada xornada haberá un monitor/a-guía para explicar ás familias as características da ruta e os recursos turísticos que irán atopando, como o patrimonio material e inmaterial, con especial atención a bens declarados patrimonio mundial, bens declarados de interese cultural, espazos naturais declarados protexidos, que se atopan ao longo da  Vía da Prata.

O representante do Goberno galego destacou que ao final de cada xornada, na localidade onde remate a ruta, organizarase un pequeno evento no que haberá contacontos e actuacións musicais, xogos populares e obradoiros; con temáticas relacionadas ca igualdade de xénero e o respecto ao medio ambiente. Deste xeito, e para reforzar o vínculo con estas temáticas, cada participante recibirá unha camisola cos lemas: “Crianzas Orgullosas do Camiño de Santiago. Respectando o Medio Ambiente. Camiñando en Igualdade”.

Gabriel Alén concluíu que este programa cumpre cos obxectivos de destacar a riqueza cultural, natural e humana do Camiño de Santiago, fomentar o coñecemento do patrimonio relacionado co Camiño, implicar á poboación escolar da provincia de Ourense na celebración do Ano Santo Xacobeo, e  fomentar o intercambio cultural entre a sociedade local e os peregrinos e visitantes.

O teu Xacobeo

A través de proxectos como este pódese desfrutar dun Ano Xacobeo, que debido ás circunstancias actuais, prolongarase ata o ano 2022, nun contexto único que nos permitirá seguir facendo de Galicia ese destino especial e aberto ao mundo.

O teu Xacobeo permite sumar centos de iniciativas como estas que non só poñen en valor o contexto universal do Camiño neste Ano Santo tan particular, senón que amosan toda a riqueza da nosa terra, esa Galicia tan plural e tan rica que esconde, en todos os currunchos, verdadeiras xoias.

No conxunto da dúas edicións de O teu Xacobeo desenvolveranse máis de 400 propostas socioculturais aprobadas nas que a Xunta de Galicia está a investir preto de 8 millóns de euros co obxectivo de facer desta celebración do Xacobeo 2021-20212 a celebración máis viva, segura, integradora, ampla e diversa posible .

Unha Galicia e un Xacobeo que queremos transmitir a través deste programa para que o Xacobeo sexa o Xacobeo integrador e aberto a todos e cada un de nós.