Presas: “O BNG conseguiu preto de 31 millóns de incremento adicional para as pensionistas ourensás”

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A candidata do BNG por Ourense pon en valor o incremento das pensións mínimas e non contributivas durante esta lexislatura froito do traballo do BNG nas Cortes

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Noa Presas reivindica a necesidade de reforzar a representación do BNG no Congreso para seguir mellorando as pensións e reducir a fenda de xénero e a territorial

Ourense, 2 de novembro de 2026. A cabeza de lista do BNG por Ourense ás eleccións do vindeiro 29 de novembro, Noa Presas, puxo en valor o impacto económico das melloras nas pensións mínimas e non contributivas conseguidas pola súa formación durante esta lexislatura. Cuantificou o incremento en 30,9 millóns e chamou a apostar polo BNG nos vindeiros comicios para garantir máis e mellores pensións co obxectivo de reducir a fenda territorial e a de xénero.

Segundo os cálculos realizados a través dos datos fornecidos polo Ministerio da Seguridade Social, o incremento adicional das pensións mínimas e non contributivas en Ourense sitúanse arredor dos 30,9 millóns de euros entre 2024 e 2025, tomando como referencia a diferenza entre as revalorizacións aplicadas e as que resultarían de aplicar unicamente o IPC.

“Estes datos amosan a importancia de negociar, defender propostas concretas e ter a capacidade suficiente para influír nas decisións que se toman en Madrid. O BNG traballou para que as pensións mínimas e non contributivas aumentasen por riba do IPC porque non abonda con que as prestacións suban sobre o papel: teñen que mellorar realmente a capacidade económica das persoas que máis o precisan” sinala Presas.

A candidata nacionalista subliñou, tamén, que estas melloras nas pensións teñen unha especial relevancia para Ourense, un territorio que sofre importantes desigualdades económicas e territoriais e cando as pensións “son vitais para a economía das familias e para garantir vida digna para as persoas que traballaron toda a súa vida”.

Máis de 37.500 persoas beneficiarias en Ourense

“Máis de 5.000 ourensáns e ourensás que perciben unha pensión non contributiva beneficiáronse deste incremento conseguido polo BNG. Máis de 30 mil no caso das que perciben pensións mínimas” enfatiza Presas.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Para Presas, estas cifras evidencian a importancia de contar cun BNG forte na vindeira lexislatura que garanta prestacións suficientes para as e os pensionistas e contribúan a reducir tanto a fenda territorial como a de xénero. Sinala, ademais, a necesidade de avanzar cara a un sistema público de pensións “máis xusto” e redistributivo.

“Cando Galiza ten voz propia, pode negociar e conseguir avances. Queremos seguir mellorando as pensións, protexer quen menos cobra e acabar cunha situación en que Ourense ten das prestacións máis baixas do Estado. Para iso precisamos máis capacidade e unha representación que defenda verdadeiramente os intereses das e dos ourensáns a partir do 29 de novembro” manifestou.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------