O PSdeG-PSOE de Beade rexeita o crédito bancario de 100.000 € promovido pola alcaldía para gastos en obras

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O PSdeG-PSOE de Beade denuncia a decisión do alcalde do Partido Popular de impulsar unha operación de crédito bancario por importe de 100.000 euros, aprobada cos votos favorables dos tres concelleiros populares no pleno extraordinario celebrado esta semana. A proposta contou co voto en contra dos dous representantes socialistas, ao considerar que non é razoable comprometer a economía municipal recorrendo ao endebedamento cando existen outras administracións gobernadas polo PP que poderían achegar directamente os recursos necesarios.

A voceira socialista, Carmen Rama Cotelo, considera especialmente preocupante que o Concello teña que acudir a unha entidade bancaria para executar as obras de acondicionamento do local social das antigas escolas das Regadas e os camiños municipais. Segundo explicou o alcalde no pleno, estas actuacións contarían cunha subvención da Xunta de Galicia, pero o Concello debe adiantar previamente o importe dos traballos para poder recibir posteriormente os fondos.

A operación responde a unha diferenza importante entre os recursos dispoñibles e o custo das actuacións. En concreto, o Concello conta con 60.000 euros, mentres que para acometer as obras necesita adiantar arredor de 140.000 euros. Por este motivo, o goberno local pretende cubrir esa diferenza mediante un préstamo bancario de 100.000 euros, que devolvería unha vez ingresada a subvención.

Porén, Rama Cotelo pon o foco nunha cuestión que considera especialmente grave: a documentación oficial do propio expediente municipal non xustifica a operación unicamente como un adianto dunha subvención, senón que recoñece expresamente a existencia dun déficit temporal de liquidez no Concello. En concreto, o informe de Tesouraría do 6 de outubro sinala que esa falta de liquidez impide atender puntualmente as ordes de pagamento recibidas e que mesmo podería afectar aos pagamentos ordinarios e preferentes, así como ás subvencións pendentes de xustificar ante outras administracións.

“O alcalde pode contar no pleno a explicación que queira, pero os documentos oficiais do Concello din outra cousa. O que figura no expediente é que Beade ten problemas de liquidez para atender os seus pagamentos. Agora sabemos que só dispoñemos de 60.000 euros para afrontar unhas obras que requiren adiantar 140.000. Queremos saber que está pasando realmente coas contas municipais e por que temos que recorrer a un banco para conseguir 100.000 euros”, afirma a voceira socialista.

Carmen Rama Cotelo considera que a solución non pasa por cargar sobre as contas municipais os custos dunha operación bancaria, senón por reclamar os recursos directamente ás administracións que, segundo o alcalde, concederon a subvención. “Os 100.000 euros que necesita Beade son calderilla para Alfonso Rueda e para Luis Menor. A Xunta de Galicia manexa un orzamento de máis de 14.000 millóns de euros e a Deputación de Ourense supera os 110 millóns no exercicio de 2026. Se o alcalde ten tan boa relación cos seus compañeiros do Partido Popular que gobernan estas institucións, que lles pida directamente os cartos e que deixen de trasladar os problemas ao Concello”, reclama.

A socialista tamén cuestiona as condicións financeiras da operación. Segundo a documentación municipal, o crédito contempla un prazo de devolución de 12 meses, un tipo de interese variable referenciado ao euríbor a tres meses máis 0,29 puntos porcentuais e unha liquidación trimestral dos xuros. Ademais, no caso de que o préstamo non se devolva no prazo establecido, os intereses de demora ascenderían ao 2 %.

A operación conta cunha única oferta das tres entidades bancarias ás que se solicitou proposta, a de ABANCA, segundo a información facilitada sobre o expediente. “O alcalde pretende convencernos de que non pasa nada por pedir un crédito, pero os cartos hai que devolvelos e os xuros tamén hai que pagalos. Non estamos falando de diñeiro gratis, senón dunha obriga financeira que asume o Concello e que pode acabar repercutindo nas posibilidades de gasto dos veciños e veciñas. E, se non se consegue devolver no prazo dun ano, hai que afrontar tamén os intereses de demora”, apunta Rama Cotelo.

A voceira socialista tamén cuestiona a falta de transparencia do rexedor, que, segundo denuncia, non facilita á oposición a documentación necesaria para fiscalizar as decisións municipais e remite habitualmente aos concelleiros a solicitar unha cita para consultar os expedientes. “Non se pode pretender que a oposición abandone o seu traballo e a súa actividade profesional para acudir ao Concello cada vez que o alcalde decide contar algo a medias. Temos dereito a coñecer os documentos, os compromisos económicos e as condicións das operacións que afectan aos cartos de todos os beadenses”, subliña.

Rama Cotelo lembra que o expediente cifra en 390.305,97 euros os ingresos correntes liquidados polo Concello no exercicio 2025. Así, os 100.000 euros da operación representan aproximadamente unha cuarta parte deses ingresos. Aínda que o informe de Secretaría considera que se cumpren os límites legais para concertala, a socialista entende que esta circunstancia fai aínda máis necesario explicar con claridade a situación económica real do municipio e as razóns polas que se chega a esta situación de falta de liquidez.

“Levamos tempo advertindo de que a xestión do alcalde pode acabar comprometendo as finanzas municipais. Agora aparece un expediente que recoñece dificultades para atender os pagamentos e a solución que nos presenta é pedir outros 100.000 euros á banca. Non podemos normalizar que esta sexa a maneira de gobernar Beade”, sinala.

Finalmente, a voceira socialista considera especialmente contraditorio que, nun momento no que as administracións anuncian investimentos e obras nos municipios, Beade teña que recorrer ao endebedamento para adiantar o financiamento dunhas actuacións que supostamente xa contan cunha subvención. “Non é razoable que un concello como Beade teña que asumir o custo financeiro de adiantar uns cartos que deberían chegar das administracións que conceden as axudas. En lugar de traer investimentos e recursos ao noso municipio, o alcalde pretende que sexan os veciños e veciñas quen asuman os riscos dunha operación bancaria. O que lle pedimos é transparencia, responsabilidade e que chame ás portas de Rueda e Menor para conseguir os 100.000 euros sen hipotecar a capacidade económica do Concello”, conclúe Carmen Rama Cotelo.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------