O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, mantivo un encontro esta mañá na Delegación Territorial, con membros da directiva da Asociación de Mulleres Rurais do Cruceiro Gordo de Melón, encabezada pola súa presidenta, Sonia Rosendo, onde puxo en valor o papel fundamental das mulleres rurais no desenvolvemento do territorio e a súa contribución a construír unha Galicia máis comprometida coa igualdade e o avance social.
Na xuntanza, Manuel Pardo louvou o compromiso desta entidade na promoción dunha sociedade máis igualitaria e tamén o seu traballo en favor de dar visibilidade ao papel que ten este colectivo na sociedade ourensá. Nesta liña, considerou que é fundamental que desde todas as administracións se dean pasos adiante neste sentido e se recoñeza o papel de moitas mulleres que foron e son referentes para o conxunto da sociedade.

















