O equipo municipal de goberno do Carballiño, integrado por PSdeG-PSOE e Partido Popular, abrirá un expediente para investigar unha presunta actitude ilegal por parte de axentes da Policía Local que, según os indicios, modificaron informes acerca dos incidentes ocurridos o día 9 de agosto pasado no transcurso da ‘Festa da xuventude’ celebrada na finca de As Barcias, no Parque Municipal, na xornada da ‘LXIV Festa do Pulpo’.
Así o anunciaron a concelleira de Medio Ambiente, Elvira Torres, e o edil de Seguridade, Alberto Otero, na sesión plenaria da Corporación que tivo lugar esta mañá na Casa do Concello, unha vez comprobados os rexistros informáticos da Policía Local nos que se detectaron sucesivas alteracións en datas diferentes dos partes de servizo elaborados a raíz dos devanditos incidentes, entre éstes o auxilio a un xove que tivo que ser rescatado do río Arenteiro e trasladado a un centro sanitario.
Todo elo, a partir do debate dunha moción de Espazo Común, na que este grupo da oposición solicitaba do goberno local as pertinentes aclaracións sobre os incidentes na celebración xuvenil e os posibles erros no plan de seguridade previsto para ela. Ao respecto, a edil non adscrita, Sofía García, cualificou de “irresponsable” e “prepotente” a xestión do Concello nas medidas de prevención, coma a ausencia dunha lancha tipo ‘zodiac’ para o salvemento no río e a falta de controles de aforo e de venda de alcohol na festa.
No mesmo sentido, o voceiro de Espazo Común, Adolfo Nogueira, lamentou que o goberno municpal non presentara os informes que se lles habían peticionado en outubro e anunciou que “imos levar o tema ao xulgado”.
Pola súa banda, Elvira Torres deu conta das presuntas modificacións que efectuou un axente da Policía Local, que achacou a posibles intereses de Espazo Común, cualificándoos de “prácticas mafiosas”, e avanzou que “dende o Partido Popular pediremos ao xefe da Policía Local a apertura dun expediente”, tendo en conta a gravidade dos feitos, contemplados como punibles na lexislación actual.
Alberto Otero confirmou que no rexistro de actividade solicitado ao xefe da Policía Local figuran as modificacións, datadas no mes de novembro (tres meses despois de elaborarse os partes de servizo), por parte dun axente, anunciando que se abrirá “unha liña de investigación”, á vez que defendeu a eficacia do operativo de seguridade despregado nas Barcias o 9 de agosto.
Finalmente, a moción só contou co apoio de Sofía García e foi rexeitada polos 10 votos maioritarios do equipo de goberno.

















