A Deputación avanza na Axenda Urbana do Carballiño definindo o seu Plan de Acción adaptado á realidade da comarca

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, presidiu hoxe unha reunión de traballo coas alcaldesas, alcaldes e equipos técnicos dos nove municipios que conforman a Área Urbana Funcional (AUF) do Carballiño (Beariz, Boborás, Maside, O Irixo, Piñor, Punxín, San Amaro, San Cristovo de Cea e O Carballiño), para dar un novo paso no desenvolvemento da súa Axenda Urbana.

Durante o encontro, validáronse os resultados das fases de Diagnose e Marco Estratéxico, marcando o inicio da elaboración do Plan de Acción. Este documento servirá para traducir os obxectivos xerais en liñas de actuación concretas e realistas, adaptadas á realidade da comarca.

Na súa intervención, Luis Menor subliñou que o proxecto parte da convicción de que estes nove municipios “non funcionan territorialmente de maneira illada, senón que forman parte dun territorio conectado, con necesidades, retos e oportunidades comúns”. Segundo destacou o presidente provincial, esta Axenda Urbana debe ser ante todo “unha ferramenta útil para os municipios” que permita configurar unha carteira de proxectos priorizados e sólidos.

Menor puxo en valor a importancia de acudir de maneira coordinada ás convocatorias de fondos europeos, estatais e autonómicos, sinalando que o traballo en rede “reforza a capacidade dos concellos para captar recursos e impulsar investimentos que, doutro xeito, poderían resultar máis difíciles de abordar individualmente”, destacou o presidente provincial, facendo fincapé na importancia da cooperación institucional.

Unha diagnose participativa en tres dimensións

O peche da fase de diagnose e do Marco Estratéxico é froito da combinación de datos técnicos e dun amplo proceso participativo que incluíu nove reunións —unha en cada concello da AUF— con axentes sociais, representantes políticos e persoal técnico. Este traballo permitiu obter unha radiografía compartida do territorio estruturada en tres grandes eixos: dimensión territorial e ambiental, social e económica.

Protagonismo municipal no deseño do Plan de Acción

Coa validación desta diagnose, para seguir avanzando nesta cuestión, o proceso cambia, pasa da análise da realidade á identificación de solucións. Por elo, o presidente da Deputación fixo un chamamento á implicación directa dos rexedores e dos equipos técnicos locais durante as vindeiras semanas para construír o Plan de Acción. O obxectivo é que cada concello propoña proxectos estratéxicos que poidan integrarse nunha visión comarcal conxunta, buscando sinerxías e complementariedades entre municipios para construír unha Área Urbana Funcional máis resiliente, sostible e adaptada ás demandas da cidadanía.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------