
Benxamín Vázquez Gonzalez, Xornalista e escritor.
Vaia suspense, amigo Miguel Anxo; un suspense que, para min, se encheu de interrupcións e de reviravoltas. Tamén eu busquei a Dalia con Frank Soutelo e os seus, á distancia, dende a nosa Compostela románica e barroca, sobre todos os demais estilos, e durante oito días, vividos fronte o inmenso Modernismo de Barcelona, vendo o admirable Hospital de Sant Pau e Santa Creu e con absortas visitas aos lugares medievais de Peratallada e Besalú, na provincia de Girona. As noites -seguindo a Frank- dediqueinas á lectura, á busca desa investigadora chamada Dalia Maxino, establecida en Vigo e con casa herdada no barrio de Flores. Dese xeito tiven que comprender o uso das novas tecnoloxías, para entender unha trama, plena de vantaxes para a descuberta dunha serie de misteriosas accións criminais, desconcertantes para a xente do común, con certa idade coma min.
Nunca podería imaxinar ca nosa entrañable e apracible vila do Carballiño fose o escenario dunha serie de crimes rituais; pero un que é xornalista de oficio -xubilado hai tempo- tamén debe saber que semellantes historias de ficción poden ocorrer aí ou en calquera outro sitio.
Oh! Que acerto tivo o sabuxo norteamericano Frank, con raiceiras galegas, en levar unhas cañas da Confeitaría Cerviño, para a sobremesa dun xantar coa súa tía Castora en Muros; procurar que Dalia se entretivese co libro de “As fotos de Lola”, ou levar como agasallo para o Beni, alén do Atlántico, o xogo da Vacaloura, adquirido en OZOCOgz, case en fronte da misteriosa e singular casa, domicilio do forense Dr. Antonio (que é o único exemplar de Art-decó amosado no Carballiño).
O certo é que me gustou seguir ata o final esa aventura, sobre a que non vou describir máis detalles pois non debo destripar o conto. En hora boa e moitos parabéns, amigo Miguel Anxo, por esta oitava entrega dun caso de Frank Soutelo.
BENXAMÍN VÁZQUEZ.
Lembranzas familiares do Carballiño (III). Vellas historias sobre “El Cisne”
Lembranzas familiares do Carballiño (II). Naquel Grupo Escolar
Lembranzas familiares do Carballiño (I): Visto dende a nosa casa

















