A candidatura do PSdeG-PSOE de Ourense destaca o investimento estatal na loita contra os incendios forestais e acusan o Partido Popular de practicar unha política de dobre discurso: cuestionar os medios públicos cando os crean os socialistas e reivindicalos cando os necesitan
“Hai que ter memoria. Cando o PSOE creou a UME para reforzar a capacidade de resposta ante incendios e grandes catástrofes, o Partido Popular cuestionaba a súa utilidade, criticaba o seu custo e mesmo poñía en dúbida o seu encaixe constitucional”, afirma Brian Diz
Ourense sabe demasiado ben o que significa sufrir os grandes incendios forestais. Por iso necesitamos gobernos que entendan que a prevención e a extinción son prioridades durante os doce meses do ano. O Goberno de España está demostrando ese compromiso con investimentos como o de Laza”, afirma Marina Vaz
Laza, 22 de novembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense pon en valor o compromiso do Goberno de España coa prevención e loita contra os incendios forestais a través do investimento de case 5,8 millóns de euros na modernización integral da base da Brigada de Reforzo en Incendios Forestais (BRIF) de Laza. Unha actuación estratéxica para a provincia que permitirá contar cunhas instalacións máis modernas, funcionais, sostibles e seguras para os profesionais que traballan na protección dos montes.
A candidatura socialista ao Congreso e ao Senado destaca que esta intervención é unha mostra concreta da aposta do Executivo de Pedro Sánchez por reforzar os medios públicos de prevención e extinción de incendios, mellorar as infraestruturas e dignificar as condicións laborais dos profesionais.
A actuación de Laza enmárcase nun programa estatal de modernización das dez bases BRIF existentes en España, cun investimento global de 60 millóns de euros procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado con fondos europeos NextGenerationEU. As obras da base ourensá comezaron en xullo de 2024 e contan cun orzamento de 5.763.141,63 euros. O proxecto contempla a construción dun novo edificio principal e instalacións auxiliares, a modificación do acceso á base, un novo peche perimetral e a mellora do helipuerto.
A nova infraestrutura permitirá dispoñer de espazos específicos para o traballo, o descanso e o adestramento dos equipos, con vestiarios, ximnasio, aulas de formación, dormitorios, cociñas e zonas de traballo. O edificio principal contará cunha superficie aproximada de 1.500 metros cadrados.
O PSOE inviste en prevención e emerxencias mentres o PP cuestionaba a propia existencia da UME
O candidato socialista ao Congreso, Brian Diz González, é especialmente contundente co Partido Popular e lembrou a súa posición histórica fronte á creación da Unidade Militar de Emerxencias (UME), impulsada polo Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero en 2005.
“Hai que ter memoria. Cando o PSOE creou a UME para reforzar a capacidade de resposta ante incendios e grandes catástrofes, o Partido Popular cuestionaba a súa utilidade, criticaba o seu custo e mesmo poñía en dúbida o seu encaixe constitucional. Hoxe, cando hai unha emerxencia, todo o mundo reclama a súa intervención. Esa é a diferenza entre quen constrúe medios públicos e quen os cuestiona”, afirma.
Diz González destaca que a modernización da base de Laza demostra que o compromiso socialista non queda nas palabras. “Estamos falando de case 5,8 millóns de euros nunha infraestrutura fundamental para Ourense. Non son promesas nin anuncios: son investimentos, obras e melloras reais para que os profesionais conten cos medios que necesitan para protexer os nosos montes e a nosa cidadanía”, subliña
O candidato tamén critica o modelo do Partido Popular na Xunta, reclamando que a prevención forestal conte con recursos estables durante todo o ano e que non se limite a reaccionar cando os incendios xa están activos.
“Non se pode falar de protección do territorio mentres se debilitan os recursos públicos de prevención e se deixa a planificación forestal nun segundo plano. A Xunta ten responsabilidades e competencias que debe exercer con medios suficientes. O que necesita Ourense é máis prevención, máis profesionais e máis coordinación, non recortes nin improvisación”, engade.
O Goberno de Pedro Sánchez demostra que a protección dos montes ourensáns é unha prioridade
Pola súa banda, a candidata socialista ao Senado, Marina Vázquez Quintillán, destaca a importancia estratéxica da base BRIF de Laza para Ourense e para o conxunto de Galicia, ao tratarse da única base destas características existente na comunidade autónoma.
Vázquez Quintillán sinala que investir en instalacións modernas e en mellores condicións para os profesionais significa reforzar a capacidade de resposta ante os incendios e protexer o territorio. “Ourense sabe demasiado ben o que significa sufrir os grandes incendios forestais. Por iso necesitamos gobernos que entendan que a prevención e a extinción son prioridades durante os doce meses do ano. O Goberno de España está demostrando ese compromiso con investimentos como o de Laza”, afirma.
A candidata pon tamén en valor que a modernización das instalacións non se limita á construción de novos edificios, senón que incorpora melloras nas condicións de descanso, preparación física e formación dos profesionais. “Non hai política eficaz contra os incendios sen contar cos profesionais que están na primeira liña. Mellorar os seus espazos de traballo, os seus equipamentos e as súas condicións laborais é investir directamente na seguridade de toda a cidadanía”, destaca.
Neste sentido, reivindica tamén o recoñecemento impulsado polo Goberno socialista do coeficiente redutor da idade de xubilación para os bombeiros forestais, unha medida que recoñece a dureza e perigosidade dunha profesión esencial. “O PSOE non só inviste en edificios e infraestruturas. Tamén recoñece os dereitos dos traballadores e traballadoras que arriscan a súa vida para protexer o noso territorio. Esa é a diferenza entre unha política que pon as persoas no centro e outra que só aparece cando hai que facerse unha fotografía”, engade.
Fronte ao cuestionamento do PP, máis medios públicos e máis investimento
As e os socialistas lembran que a posición histórica do Partido Popular respecto da UME contrasta co papel que hoxe desempeña esta unidade nas grandes emerxencias. En 2008, o programa electoral popular cualificaba a súa creación como unha decisión discutible e cuestionaba o seu encaixe legal. Dirixentes populares chegaron a cualificala de “capricho faraónico” e “despilfarro”.
Fronte a aquela posición, o PSOE defende a creación e o fortalecemento dunha unidade que hoxe constitúe unha ferramenta fundamental na resposta ás catástrofes e aos incendios forestais.
O PSdeG-PSOE destaca tamén que o Goberno de España pon á disposición da Xunta todos os medios estatais de emerxencias para colaborar nas tarefas de prevención e extinción, entre eles as BRIF, a UME, os medios aéreos do Ministerio para a Transición Ecolóxica, a Garda Civil, a Policía Nacional e Protección Civil.
As e os socialistas lembran que a Xunta de Galicia é a administración competente en materia de prevención e extinción de incendios forestais e reclamaron que cumpra coas súas responsabilidades mediante unha planificación estable, recursos humanos suficientes e investimentos continuados.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O PSdeG-PSOE de Ourense defende que a protección dos montes, das aldeas e das persoas debe estar por riba de calquera confrontación partidista, pero considerou necesario deixar clara a diferenza entre dous modelos: o do PSOE, que crea e reforza medios públicos e inviste na modernización das infraestruturas, e o do PP, que cuestionou historicamente ferramentas fundamentais como a UME e que debe responder pola xestión dos recursos autonómicos.
De cara á cita electoral, Brian Diz González e Marina Vázquez Quintillán reivindican a necesidade de seguir contando cun Goberno de España comprometido coa provincia, que invista en prevención, emerxencias, protección ambiental e mellores condicións para os profesionais que coidan do territorio ourensán.

















