Besteiro chama a concentrar o voto no Psdeg en Lugo e Ourense: “somos os únicos que podemos arrebatarlle escanos ao PP; dispersar o voto favorece a dereita e Vox”

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Desde os Balcóns de Madrid, en Parada de Sil, o secretario xeral do PSdeG lembra que en 2023 os socialistas quedaron a uns poucos miles de votos dun deputado máis en cada provincia e asegura que “hoxe é posible facelo”

Besteiro critica que Rueda estea en Valdeorras sen visitar as zonas dos incendios nin as das inundacións e que “nin tan sequera” recibise a alcaldesa de Vilamartín

Parada de Sil (Ourense), 24 de novembro de 2026. Os Balcóns de Madrid, sobre o canón do Sil, son o lugar “onde se despedía a xente da provincia de Ourense e de Lugo cando marchaban fóra do noso país a buscar traballo”. Alí xuntou hoxe José Ramón Gómez Besteiro a candidatos socialistas das dúas provincias, entre eles María Fernández Ojea, cabeza de lista ao Senado por Ourense, e Roberto Castro, candidato ao Senado por Lugo, para pedir que o voto progresista se concentre no Partido Socialista o 29 de novembro.

O secretario xeral do PSdeG lembrou que Lugo e Ourense comparten problemas moi parecidos, “o problema da despoboación, o problema do avance económico ou a situación do medio ambiente”, e unha emerxencia climática “ben intensa nos últimos anos”, con incendios primeiro e riadas despois. “O presidente Rueda está en Valdeorras pero non foi capaz de visitar as zonas dos incendios nin as zonas das inundacións. Nin tan sequera recibir á alcaldesa de Vilamartín”, criticou, en referencia á socialista Sherezade Núñez. “Ese é o apego que ten o Partido Popular á solución dos problemas”, engadiu.

Fronte a iso, Besteiro comprometeu aos deputados e senadores socialistas das dúas provincias na defensa “desa Galicia interior”, que precisa mellores comunicacións, un sistema de pensións reforzado e un medio ambiente protexido fronte aos incendios e tamén fronte ás secas.

“Para que non vaiamos atrás, temos que concentrar o voto onde ese voto é máis útil para frear a ameaza da dereita”, sostivo. Mentres a dereita anima en Lugo e Ourense a dispersar o voto cara a outras forzas, “a realidade é que, se queremos parar esa dereita, hai que votar ao Partido Socialista. Ese é o voto útil”.

Nas xerais de 2023 o PP levou tres dos catro escanos en cada provincia e o PSOE, un. Besteiro lembrou que os socialistas quedaron entón “tanto en Lugo como en Ourense a apenas tres mil votos para conseguir un deputado máis” e que “hoxe é posible facelo” se se concentra “o voto de todos os progresistas”, porque “cada voto que se dispersa é un verdadeiro regalo para Feijóo e para Abascal”.

María Fernández Ojea centrou a súa intervención na conectividade do rural, porque “é moi importante que as persoas que viven lonxe do ruído non vivan tamén lonxe das oportunidades”. Lembrou que co programa UNICO 5G Redes Activas o 5G chegou xa a case 250 concellos galegos de menos de 10.000 habitantes e que o Goberno de España amplía agora ese despregamento co programa 5G Redes muy rurales, no que Galicia será a comunidade máis beneficiada, con 38 novas infraestruturas. “Se falamos de reto demográfico, de despoboación, de cohesión territorial, de igualdade de oportunidades, é fundamental que neste mundo actual dispoñamos dunha conexión a internet”, sinalou a candidata ourensá, que reivindicou que Lugo e Ourense “son tamén prioritarias nas políticas do Goberno socialista en Madrid”.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Roberto Castro lembrou que neste miradoiro, hoxe un dos grandes reclamos turísticos da Ribeira Sacra, “derramáronse moitísimas bágoas, especialmente de mulleres e nenos que despedían aquelas persoas que tiñan que marchar fóra a buscar o que non tiñan aquí”. Os descendentes daquela emigración que obtiveron a nacionalidade grazas á Lei de Memoria Democrática son, dixo, “tan españois como todos os que estamos aquí”, e con todo “estase cercenando” o seu “dereito a votar e elixir o seu goberno”.

O candidato lucense referíase á suspensión cautelar, decidida polo Tribunal Supremo, do voto de parte dos nacionalizados pola chamada Lei de Netos nestas eleccións.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------