A Cidade da Cultura acollerá o 2 de decembro unha nova edición de ENFÓCATE, o III Encontro de Ensinanzas do Sector da Imaxe de Galicia, unha iniciativa que reunirá alumnado de ensinanzas artísticas e de Formación Profesional procedente de centros educativos de toda Galicia arredor da fotografía, o fotoxornalismo e o sector audiovisual.
A edición anterior contou coa participación de preto de 700 alumnos e alumnas de toda Galicia, o que consolida o encontro como un espazo de referencia para conectar a formación académica coa realidade profesional da industria da imaxe, promovendo o intercambio de experiencias, o coñecemento das novas tendencias, o achegamento aos equipamentos mais innovadores e o contacto directo entre os futuros profesionais do sector e os mais consolidados.
Brais Lorenzo e Santi Palacios protagonistas da xornada
Dous profesionais de prestixio internacional, Brais Lorenzo e Santi Palacios, darán sendas Súper Master Class para compartir as súas ideas, experiencia e coñecementos co alumnado.O fotoxornalista e sociólogo Santi Palacios falará de “Xornalismo visual: migracións, conflitos e ecoloxía humana”. O seu traballo foi publicado en medios de comunicación de referencia en todo o mundo e acadou recoñecementos como o World Press Photo, Pictures of the Year (POY) e o Premio Ortega y Gasset. En 2016 formou parte do equipo de Associated Press que foi nomeado a un premio Pulitzer.
Tamén acadou o World Press Photo e o Premio Ortega y Gasset o fotoxornalista Brais Lorenzo, orixinario da comarca ourensá do Ribeiro, que compartirá a súa experiencia en “Contar desde preto. Das primeiras fotos aos proxectos de hoxe”. Fará un repaso da súa traxectoria e reflexionará sobre a sua evolución profesional pola que, ademais, recibiu premios como o Sony World Photography Awards e o Luis Ksado, entre outros polo seu traballo centrado en temáticas sociais e ambientais.

Formación práctica da man das principais marcas do sector
Achegar aos futuros profesionais do sector as principais innovacións técnicas é un dos obxectivos de ENFÓCATE, que conta tamén coa participación de representantes e embaixadores de destacadas firmas da industria fotográfica e audiovisual. Entre os profesionais participantes están Yolanda e Inma Purriños (Canon), Joan Vendrell (Fujifilm), Danny Vela (Fotima Import), Fernando Marmolejo (Canon), Lluis Carro (Dugopa), Aniol Hernández (Sony), Helena Clancy (Digitaccess), Jaime García (Reflecta) e Paco Rocha (Innovafoto).
Un dos aspectos destacados da xornada será a posibilidade de individualizar o programa, xa que cada estudante deseña o seu propio percorrido formativo, escollendo entre as distintas propostas e sesións simultáneas función dos seus intereses ou da súa especialidade. Deste xeito, o encontro pretende ofrecer unha experiencia adaptada ás inquedanzas de todo o alumnado, achegándoo tanto ás diferentes saídas profesionais como ás novidades tecnolóxicas e as ferramentas que están acelerando a transformación do sector.
Unha xornada adicada ao futuro da imaxe
A xornada desenvolverase entre as 10h e as 18:30h na Cidade da Cultura. Tras a apertura institucional, Santi Palacios impartirá a primeira Super Master Class ás 10:20h. Sucedéndose ao longo do día distintos bloques de clases maxistrais simultáneas e rematando coa intervención de Brais Lorenzo ás 17h.
ENFÓCATE nace da colaboración entre entidades públicas e privadas co obxectivo de impulsar unha formación de calidade e contribuír ao desenvolvemento do talento das novas xeracións dos profesionais da imaxe facilitando que coñezan de primeira man o sector no que desenvolverán a súa carreira, que establezcan contactos e poidan descubrir novos camiños para o seu futuro laboral.
ENFÓCATE xurde da evolución de “FotoEscola”, a iniciativa de Juán Adrio, actual director da Director da Escuela de Arte e Superior de Diseño Mestre Mateo de Santiago e de Pablo González, de González Almacén fotográfico de Lugo. A boa aceptación e o interese que resultou para o alumnado propiciou que medrara e ao ano seguinte se transformara en Enfócate.

















