A alcaldesa de Ribadavia, Noelia Rodríguez, mantivo unha reunión de traballo esta mañá en Madrid coa directora xeral do Instituto Nacional das Artes Escénicas e a Música (INAEM), Amaya de Miguel Toral, e con Fernando Cerón, subdirector xeral de Teatro. Na reunión que durou dúas horas tratáronse diferentes temas relacionados coa cultura e as artes escénicas do Concello de Ribadavia, pero a nota máis destacable foi o compromiso acadado entre a rexedora da capital do Avia e a subdirectora do INAEM para que a subvención que recibe o Concello por parte deste organismo para a celebración a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) pase a ser de concorrencia nominativa e deste xeito perdure no tempo.
O actual grupo de goberno de Ribadavia mobilizouse nas últimas datas, despois de coñecer os recortes levados a cabo pola Deputación de Ourense nas subvencións culturais e de artes escénicas o Concello. Neste senso, a alcaldesa decidiu concertar esta reunión que valora como “moi produtiva e amena e na que o noso Concello acada un importante compromiso para seguir desenvolvendo a cultura e as artes escénicas en Ribadavia”.
Co compromiso acadado hoxe en Madrid, o Concello de Ribadavia asegúrase que a subvención perdure no tempo e non teña que depender do Goberno central de turno. Ademais a directora xeral do INAEM manifestou que a proposta do Concello de Ribadavia será incluída xunto a outros tres eventos nacionais no borrador de Orzamentos Xerais do Estado e deste xeito, dita iniciativa será levada ao Congreso dos Deputados para a súa aprobación. Dende o INAEM manifestáronlle a rexedora, que a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia é un dos eventos máis importantes do panorama nacional.
Noelia Rodríguez tamén destaca trala reunión que “se abriron portas para intentar buscar outras fontes de financiamento a través doutras subdireccións que dependan do Ministerio de Cultura e Deporte e tamén doutros ministerios nos que poida haber algún programa destinado as artes escénicas ou as actividades culturais”. Dende o grupo de goberno lembran que o ano pasado a subvención foi de 67.000 euros, cantidade que coma mínimo se repetirá nesta ocasión, sendo unha vez máis o INAEM, a administración maior aportación fai a MIT de Ribadavia.
