REXURDIREMOS MELLORES

Publicidade ASPADISI

Adolfo Nogueira Portavoz do Grupo Municipal de Espazo Común

Artigo : ” Rexurdiremos mellores “

HIPER MASIDE

Tócanos existir nestes estraños días nun mundo que non semella ser, para nada, o noso. Tal cal se fósemos okupas en vidas alleas.

Todos, ricos e pobres; altos e baixos; roxos e azuis; pechados na casa por esixencias dun guión imprevisto e sen opción de saír a facer deporte, traballar ou socializar, como estabamos afeitos.

Está claro que a meirande parte dos que habitamos nesta parte confortable do mundo, non nos achabamos preparados para unha metamorfose deste calibre no noso acomodado xeito de vivir.

De socato, coma nun mal soño, vímonos privados dunha liberdade que dabamos por inamovible. Non sen estupor, tivemos que asimilar que un simple e microscópico bichiño posúe a capacidade de alterar e mesmo destruír os futuros que tiñamos deseñados nos nosos maxíns.

Así que aquí nos atopamos, nun presente distópico onde os bicos teñen que agocharse tras unhas tristeiras máscaras que tamén espaventan os sorrisos, e mesmo os agarimos esvaécense enfundados en luvas de sintético tacto.

Recibimos un brusco sopapo dunha realidade que nos ven a lembrar que nin nos achegamos a ser deuses por riba do ben e do mal coma, ás veces, adoitamos crer.

E aínda así, deixando á marxe aos que padecen de xeito directo os rigores da enfermidade (familias afectadas, persoal sanitario e de seguridade, traballadores que arriscan a súa saúde para que os demais poidamos subsistir, etc.), non estamos tan mal coma eses seres que nos soen semellar alleos a pesares de ser da nosa mesma especie. Refírome, por se non se entendeu,  aos moitos millóns de persoas que malviven  en campos de refuxiados ou que poñen en risco a súa vida e a das súas familia para fuxir en pateiras da fame ou da guerra.

Se isto non nos fai repensar case todo e recalibrar de xeito absoluto a nosa escala de valores e prioridades, probablemente, xa nada o fará.

Eu, que peco sempre de optimista, quero pensar que si. Quero imaxinar que despois desta escuridade, veremos alumear un novo mundo ao que chegaremos coa lección moito mellor sabida.

E iso vai depender en, gran medida, do que aprendamos nesta catarse cada un de nós, das leccións extraídas para cando o termo COVID-19 pase a ser só unha terrible lembranza.

Cara a onde camiñe esa nova sociedade que debería emerxer será unha responsabilidade individual porque a historia ensínanos que a colectividade faise coa suma da maioría e que os cambios só se constrúen se moitos o desexan.

E como dixo unha vez José Martí, “o mellor xeito de dicir é facer”.

Deberiamos deixar de ollar por riba do ombreiro aos que tiveron a pouca fortuna de nacer nas latitudes onde non hai McDonalds nin Netflix. Mañá, nós podemos ser eles.

Deberiamos entender que as tendas do noso barrio ou pobo son as que dan luz, emprego, vida e identidade ao que somos. A recuperación económica ten que comezar pola porta da nosa casa, non por Amazon que non é se non outro virus.

Deberianos resultar moi sinxelo ler os indicadores da contaminación atmosférica que deixa a nosa ausencia desa natureza que nos mantén vivos. A vindeira vez pode ser aínda máis vingativa.

Deberiamos asumir xa que o sectarismo imperante é inimigo do progreso e que temos que deixar de crer naqueles que se dedican á política de púlpito e escaparate cun sorriso traizoeiro, namentres entregan a intereses privados, por exemplo, a nosa saúde ou a educación dos nosos fillos. Temos que desterrar aos que promoven o enriquecemento duns poucos a conta dos cartos e os dereitos de todos.

Deberiamos comezar a valorar se a herdanza cultural que queremos deixar aos que veñen atrás é a dos futbolistas multimillonarios e os investigadores que salvan vidas e traballan por un futuro mellor, sufrindo para chegar a fin de mes.

Deberiamos ter clara dunha vez a evidencia de que o capitalismo desaforado que nos venderon coma normal, só ve no 99 por cento de nós un rabaño ao que cebar  para despois chucharlle sen piedade todo o beneficio posible.

Como xa dixen, son un optimista incorrixible e abrigo a esperanza de que este virus nos transmute en individuos moito máis humanos do que viñamos sendo.

Rexurdiremos sendo mellores persoas, con máis conciencia e máis solidariedade porque do contrario, aínda que poidamos saír da casa, seguiremos prisioneiros do peor dos confinamentos.

——————————————————————————————————-

Outros artigos de Adolfo Nogueira:

Non Deixemos que a FEIRA esmoreza