O Psoe denuncia a utilización da sala cultural Ángel Valente a usos administrativos

AVANTAR ACTIVIDADES

Os socialistas da cidade solicitan a urxente comparecencia do alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, para que explique a intención, anunciada polo Concello, de dedicar a Sala Valente, situada no antigo edificio do Banco de España, a usos administrativos, no que consideran “unha evidencia máis do desmantelamento cultural e a falta de consideración e sensibilidade” do co-goberno de DO e o PP pola nosa cultura.

O PSdeG-PSOE critica a “arbitrariedade desta iniciativa, realizada de costas á sociedade ourensana” e a “temeridade” que supón anunciar esta medida sen ter en conta a existencia dun contrato asinado coa Sociedad Mercantil Estatal de Gestión Inmobiliaria de Patrimonio M.P.S.A. (SEGIPSA), no que se contemplaba o destino deste edificio para usos culturais.

Asemade, os socialistas esíxenlle ao alcalde que concrete cales son as obras previstas no edificio, tendo en conta que se trata dun ben patrimonial catalogado e que precisa da preceptiva autorización por parte de Patrimonio da Xunta de Galicia para poder realizar calquera modificación que afecte a estas instalacións.

“Estamos ante unha nova evidencia da usurpación da nosa cultura e do noso patrimonio cultural, por parte dun goberno e alcalde sen escrúpulos nin unha mínima sensibilidade cultural”, aseguran os socialistas, quen tamén acusan a Gonzalo P. Jácome de “crer que a cidade de Ourense é un xogo do Monopoly, no que comercia coa compraventa de rañaceos e edificios, mesmo culturais”.

O PSdeG-PSOE lembra que a recuperación do edificio da antiga sede do Banco de España de Ourense foi obra do anterior goberno socialista, iniciándose, en 2010, mediante a sinatura dun protocolo co Ministerio de Economía e Facenda. O acordo ratificouse no Pleno municipal o 4 de febreiro de 2011, asinándose coa Presidencia de SEGIPSA o convenio que rexe a cesión o día 7 dese mesmo mes. Acordouse que este espazo destinaríase a usos institucionais e cidadáns, excluíndose, expresamente, o uso administrativo durante os 25 anos de duración do convenio.