Espazo Común esixe ao alcalde Fumega que deixe de mercar e contratar con empresas de fóra

Espazo Común esixe ao alcalde Fumega que deixe de mercar e contratar con empresas de fóra o que pode facer no Carballiño

Publicidade

Durante o ano 2019, das 54 empresas convidadas por decreto de alcaldía a concursos de obras, só 17 eran carballiñesas e 37 de fóra.

O mesmo acontece con infinidade de compras de produtos que se poderían facer no comercio local coma, por exemplo, o caso da rede parabalóns adquirida nunha tenda de deportes de Lalín por 810 €.

Vimos de aprobar no pleno da pasada semana un paquete de axudas por case 2.000.000 de € para os colectivos máis afectados pola crise derivada do COVID-19.

Tódolos partidos presentes na corporación estivemos de acordo na necesidade de dar unha especial protección ao empresariado local, comercio, hostalaría, pequenos autónomos, etc.

Sen embargo, a realidade que se deriva da contabilidade do Concello é moi diferente e resalta polo escaso apoio á economía local.

Así, temos que o alcalde tivo a posibilidade de convidar a 54 empresas para que presentaran ofertas para a execución de obras durante o exercizo 2019 e, incriblemente, nin un tercio das que foron demandadas para concorrer eran empresas da construción local.

Só en 17 ocasións, constructoras locais recibiron o chamamento do alcalde, que sí chegou a 37 de fóra do noso concello.

Convidar a 10 empresas de Ourense, 8 de Maside, 3 de Coles, 2 de Amoeiro, 2 do Porriño, e solicitude de propostas a O Rosal, Santiago, A Coruña ou A Peroxa por citar algúns exemplos, está lonxe de ser o mellor xeito de apoiar á economía e á creación de emprego a nivel local.

O mesmo acontece co comercio onde pleno tras pleno, descubrimos incomprensibles compras feitas en negocios de fóra do Carballiño, tendo constancia de que nin tan sequera se demanda presuposto ás tendas do pobo.

Esiximos que, dende xa, o alcalde Fumega e o seu equipo muden de actitude e prediquen co exemplo.

Non é de recibo que lle demandemos á veciñanza que merque no comercio local, que se gasten cartos públicos en campañas promocionais e que despois os propios concelleiros do goberno vaian mercar redes parabalóns a Lalín por 810 €.