A Deputación e os balnearios planifican a estratexia “Ourense, destino termal seguro”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Manuel Baltar reuniuse cos representantes dos establecementos termais para analizar a situación do sector e coordinar a reapertura dos balnearios, no marco do programa de “Termalismo social”, que impulsa a institución provincial

VIDEO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse no balneario de Arnoia cos representantes dos balnearios da provincia para analizar a situación do sector derivada do peche dos establecementos durante o “estado de alarma”, e planificar así a reapertura dos balnearios para partir do próximo mes de xullo, no marco do Programa de “Termalismo Social” da institución provincial.

O presidente compartiu e valorou co sector os resultados do estudo realizado desde a administración provincial dirixido a todas as persoas que tiveron que anular as reservas a través do programa social provincial e que sinala altas expectativas no sentido de que unha importante porcentaxe ten previsto volver tramitar a solicitude e gozar do programa no que resta de 2020. Ademais, a reunión centrouse nas medidas para tomar polos balnearios na procura de configurar entre todos á provincia como un “destino termal seguro”.

“O labor que vimos desenvolvendo desde o inicio da crise do COVID-19 na Deputación de Ourense está centrada en tres eixos prioritarios: saúde, poboación e economía, tres aspectos que reúne o sector termal ourensán e polo que vimos traballando conxuntamente para que na fase de reactivación económica en que nos atopamos podamos ofrecer aos usuarios unha “provincia termal” con todas as garantías de seguridade e salubridade, sendo como é Ourense un referente nacional e internacional en termalismo”, afirma Manuel Baltar.

O presidente do goberno provincial subliña que todos os balnearios de Ourense “xa contan, por normativa, con importantes protocolos de hixiene e seguridade en todas as actividades e servizos que desempeñan”, e traslada aos balnearios o interese da institución provincial en que os establecementos termais “realicen o maior esforzo posible e desenvolvan protocolos de seguridade comúns para, entre todos, configurar e promocionar a garantía de Ourense como “destino termal seguro”.

Pola súa banda, os balnearios mostraron a súa disposición para cooperar na procura de respostas comúns ante a estandarización de protocolos aplicables a todos, en función dos servizos sanitarios e turísticos que oferte cada balneario. Por iso, o sector provincial traballa en desenvolver unha serie de medidas xerais comúns para implementar en todos os balnearios. Contemplan: xestión de puntos críticos; mantemento hixiénico sanitario da auga; aplicación do Manual de Seguridade Alimentaria e a trazabilidad do produto e o Mantemento correctivo e preventivo de equipos e instalacións. Ademais, os balnearios, en atención á lexislación sanitaria que os define como “centro médico”, contan coa fortaleza de estar dirixidos por un profesional médico, o que lles confire unha maior capacidade e control en termos de seguridade sanitaria.

Ante a nova realidade derivada da pandemia xerada polo COVID-19, os balnearios trasladáronlle ao presidente Baltar que xa puxeron en marcha unha serie de accións que complementen e actualicen os protocolos xa existentes, ademais de estar a traballar no deseño de protocolos novos.

Neste sentido, contemplan ter en conta para a súa reapertura todas as indicacións dos organismos estatais e autonómicos en materia de sanidade e turismo, relacionadas coa Seguridade Laboral do seu persoal, a definición da protección con EPIS adecuados para cada tarefa, o acceso de seguridade específico e a forma de actuación fronte á sospeita dalgún caso de Covid-19 en traballadores e clientes.

Ademais tamén se contemplan as solucións en materia de “Seguridade de espazos”, entre as que se desenvolvería como mínimo a delimitación de aforos seguros en zonas comúns (comedor, café-bar, recepcións, balneario), a demarcación de distancia de seguridade –2metros- en zonas de uso común, a implementación do número de limpezas oportunos nos aseos públicos, a dotación de dispensadores de xel hidroalcohólico en distintos puntos para dispoñibilidade de clientes e a oportuna cartelería informativa por todo o balneario.

Os balnearios tamén acordaron establecer unhas normas de actuación por parte do servizo médico, para atender aos clientes no caso dalgunha persoa presentase algún dos signos alerta que identificaron as autoridades sanitarias.

Os responsables dos balnearios acordaron que deberán contar con protocolos específicos para atender aos clientes nas distintas zonas, entre os que estarán medidas específicas de atención nas cabinas; atención en técnicas que inclúan o acompañamento á cabina en todo momento evitando o contacto con superficies; a preparación do masaxista en materia de hixiene para administrar a técnica; medidas de atención ao cliente en piscina e operativas para manter o aforo tanto nos vasos como nas zonas de repouso, así como o uso adecuado e a desinfección das tumbonas, e un protocolo específico de atención no servizo médico.

Así mesmo, a consulta médica inicial para tratamentos de 5 ou máis días realizaríase como requisito básico para recibir as técnicas, e organizaríase tendo en conta o aforo da zona de espera.

Outro dos ámbitos que se contempla é o relacionado cos clientes, que comprende normas para respectar distancias de seguridade, accesos aos establecementos a través de alfombras de desinfección tanto para as maletas e zapatos, así como protocolos na recepción dos hoteis balneario.

En canto aos establecementos con comedor-buffet, a fórmula proposta sería que o xefe de comedor recibiría ao cliente á entrada de comedor, a quen lembraría o uso de máscara e como debería utilizar o xel desinfectante, e como achegarse á linea de comida. Cada cliente poderá escoller os pratos e bebida na variedade e cantidade que quixese, pero deberían ser servidos polo persoal.

O sector avalía a posibilidade de asinar un documento no que figuren todas as medidas e protocolos aos que se obrigan, de maneira que calquera usuario dos balnearios da provincia teña a confianza derivada dunhas normas de seguridade e protocolos de actuación comúns en materia de minimización de riscos sanitarios, o que sen dúbida contribuiría a desenvolver a imaxe da provincia de Ourense como “destino termal seguro”.