Shopping Day no Carballiño

O CCA do Carballiño ven de anunciar que este venres teremos shopping day coa participación de trinta e seis establecementos e sete locais de hostalería con importantes descontos e sorteos

Por terceiro ano consecutivo e ante o éxito das edicións anteriores, o Centro Comercial Aberto promove para este vernes, 19 de xuño, un Shopping Day no que participarán 36 establecementos comerciais e sete locais de hostalería.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os comercios permanecerán abertos ata as 21,00h., ofrecendo descontos e participacións para entrar no sorteo de 300 euros en vales de compra de 50€ cada un para gastar nos establecementos asociados. Como novidade este ano tamén se sorteará coas compras dous tratamentos de estética. Os locais de hostalería participantes ofrecerán tapas gratis aos clientes que aproveiten os importantes descontos que ofrecerá o comercio local. A situación de emerxencia sanitaria que vivimos fixo que este ano se tomase a decisión de non desenvolver as actividades de animación de rúa, atraccións infantís e desfiles de moda que tiveron lugar nas anteriores edicións.

Nesta iniciativa participan establecementos de todos os sectores do comercio: moda infantil, xuvenil, de home e muller; zapaterías, complementos, librerías, xoierías, centros de estética, etc…

COMUNICADO DO CENTRO COMERCIAL ABERTO

O CENTRO COMERCIAL ABERTO RETOMA A SÚA ACTIVIDADE DE DINAMIZACIÓN COMERCIAL CUNHA CAMPAÑA SINALADA POR DESCONTOS NOS COMERCIOS, SORTEO DE VALES DE COMPRA, AGASALLOS E TAPAS EN LOCAIS DE HOSTALERÍA.

Como  se viña anunciando desde o luns, algo ía acontecer no Carballiño este venres e saberiamolo o mércores as 20:00h por un comunicado da Asociación Carballiño Centro Comercial Aberto. Pois ben chegou a noticia:

Este venres 19 de xuño, celebrarase de novo o SHOPPING DAY (DÍA ESPECIAL DAS COMPRAS) no Carballiño. Con esta nova edición do evento, a Asociación Carballiño Centro Comercial Aberto  retoma as súas campañas de dinamización pero con cambios e sempre adaptándose a situación actual. Respetaranse todas as medidas de seguridade nos establecementos participantes e nesta ocasión, non haberá pasarela de moda, nin animación de rúas por mor e para evitar posibles aglomeracións.

Os establecementos participantes son un total de 43, dos cales 36 son comercios  que ofrecerán aos clientes descontos e promocións en artigos de tempada, ampliando o horario ata as nove da noite; e  7 son establecementos hostaleiros que colaboran agasallando tapas a cada cliente que cando merque nos comercios recibirán una invitación para dita degustación.

Como en edicións anteriores e continuando coa dinámica da Asociación Carballiño Centro comercial Aberto, premiarase a fidelidade dos clientes, os cales unha vez realicen a súa compra conseguirán unha papeleta de participación para un sorteo que se realizará o mesmo día as 21:30h; de 300€ en vales de compra de 50€ cada un e tamén sortearanse dous tratamentos de beleza e estética. Ademáis unha vez acudan a depositar dita participación na furna do CCA sitada na Praza Maior, recibirán unha bolsa reutilizable da Asociación Carballiño CCA.