A Xunta segue a enviar material de protección individual e desinfección a centros sociais

A Xunta segue a enviar material de protección individual  e desinfección a centros sociais, concellos e, como novidade, esta semana incorporou na súa lista de destinatarios os campamentos xuvenís que se van celebrar a partir da segunda quincena de xullo no marco da campaña de verán da Xunta de Galicia.

Así, esta semana o Goberno galego realizou o primeiro reparto destinado a cinco campamentos que se van desenvolver na provincia en xullo que incluía máis de 15.000 máscaras e 500 luvas, ademais de 80 botes de xel hidroalcoólico e 27 garrafas de desinfectante.  A decisión de realizar estas iniciativas de ocio dirixidas á mocidade foi consensuada co Comité Clínico, o cal ve viable a súa realización sempre que se garantan as medidas establecidas polas autoridades sanitarias como a redución do aforo nas instalacións para garantir o distanciamento de 1,5 metros e o incremento das medidas hixiénico sanitarias, entre outras.

Ademais, entregou décimo quinto lote de equipamentos aos centros sociais da provincia, incluíndo centros de día de iniciativa social que teñen previsto reanudar a súa actividade a partir do 15 de xullo.  Nesta entrega distribuíronse entre 112 centros máis de 101.000 unidades de protección individual, das que 40 son batas doadas por Inditex; 445 botes de xel hidroalcóolico e 102 garrafas de desinfectante.

PUBLICIDADE ELECTORAL

Dende o inicio da declaración da pandemia o Goberno galego quixo garantir a axeitada protección dos profesionais que traballan nestes centros na atención e coidado dos colectivos máis vulnerables ao contaxio por coronavirus. Por iso, desde que comezou o confinamento para loitar contra a Covid-19 a Administración autonómica efectuou 15 repartos de material de protección aos centros sociais de maiores, menores, discapacitados, inclusión, igualdade e xuventude.