O Grupo Dizmar intensifica a súa produción con importantes proxectos de obras nacionais e internacionais en Estados Unidos, Ghana, Uruguay, Canadá e Madrid

O grupo Dizmar, cuxa planta está ubicada no polígono industrial do Carballiño desde o ano 2014, atópase nun momento álxido da súa produción ao desenvolver actualmente importantes proxectos de obras nacionais e internacionais, entre os que se atopan un viaducto en Valdebebas (Madrid), outro viaducto en Ghana (África) e un terceiro viaducto en  Montevideo (Uruguay), así como unha plataforma de prospección petrolífera en Estados Unidos e o remate dun viaducto en Montreal (Canadá).

Publicidade

A carga de traballo supón que a empresa mantén neste intre unha plantilla de 300 persoas, das cales 200 traballan na planta carballiñesa e as 100 restantes o fan nas diferentes obras. Da comarca do Carballiño hai un centenar de traballadores.

Trátase de operarios e operarias especializados en soldadura e outras modalidades técnicas deste sector da metalurxia, que requiren un alto nivel de especialización, e que, por eso, resultan de gran interese os cursos e programas que se organizan desde o concello en colaboración con diversas institucións, como a Xunta de Galicia co programa integrado de emprego.

O grupo Dizmar foi creado en O Porriño no ano 1974 por Emilio Diz, e actualmente está rexido pola súa filla Nuria Diz, mentres que a xerencia a ocupa Marcos Seijas. Ademais da planta do Carballliño, cuxo responsable é Carlos Rivas, a empresa posúe outra planta en Silleda.

Según manifesta Carlos Rivas, ao principio, a empresa alugou a nave do Carballiño coa intención de quedarse dous anos para realizar un traballo específico para o país africano de Ghana, pero continúa a dia de hoxe e a súa intención é adquirir esta instalación en propiedade, o que da conta da perspectiva de futuro do grupo Dizmar e, en concreto, desta planta do polígono industrial carballiñés.

Neste sentido, Carlos Rivas resalta a boa sintonía e colaboración que existe entre o grupo Dizmar e o concello do Carballiño, tal e como lle confirmou ao alcalde en funcións e concelleiro de Industria e Emprego, Manuel Dacal, nunha visita á empresa.

PROXECTOS ACTUAIS

Un dos proxectos máis emblemáticos que desenvolve actualmente o grupo Dizmar é a “Ponte singular sobre a M12”, en Madrid. É un viaducto que conecta o parque de Valdebebas coa nova terminal T4 do aeroporto de Baraxas, A obra está promovido pola Xunta de Compensación do Parque de Valdebebas, e que executa Ferrovial Agromán. O peso total da ponte é de 1.700 tn, e Dizmar suministra as pezas metálicas distribuídas en 36 seccións, que están saíndo da planta carballiñesa en transportes especiais por estrada.

Outro proxecto importante é un viaducto na zona portuaria de Montevideo (Uruguay), contratado polo goberno uruguayo e cuxas seccións se transportan por vía marítima. O tableiro desta ponte ten unha lonxitude de 160 metros e un ancho de 20 metros. O tableiro e o arco da ponte constan de nove pezas, cuxo peso é de 1.540 tn. Tamén inclúe nove cables dun grosor de 96 mm, entre outras pezas.

Tamén está en execución un viaducto de enlace na cidade ghanesa de Kasoa, país onde Dizmar xa realizara o enlace Kwame Nhrumah.  

O cuarto proxecto internacional de relevancia que leva a cabo actualmente Dizmar é unha plataforma de prospección petrolífera nos Estados Unidos, e aínda segue suministrando pezas para un viaducto en Montreal (Canadá), que comezou a facerse hai dous anos e que se está rematando.

OBRAS REALIZADAS

Entre as obras máis emblemáticas realizadas nestes últimos anos, e cuxas pezas saíron da planta de Dizmar no Carballiño, figuran o viaducto para o tren de alta velocidade sobre o río Ulla, a nova Ponte St. Laurence (Montreal-Canadá), de 3,4 km de lonxitude que inclúe unha ponte atirantada sobre un canal con dous pilonos de 170 m de altura e un tramo central de 240 m, e o viaducto de enlace Kwame Nhrumah en Ghana. E, en Galicia, as pezas da ampliación da Ponte de Rande, na Ría de Vigo.