A Deputación de Ourense colabora coa rodaxe da longametraxe galega Cuñados

Manuel Baltar recibiu no Pazo Provincial ao equipo de Portocabo, a produtora do filme, que comezará o 17 de agosto na capital ourensá a filmación da película

“O cine é cultura visual por excelencia, e desde o goberno provincial apoiamos esta industria que ten en Ourense as mellores materias primas: escenarios naturais e condicións paisaxísticas e orográficas, para acadar verdadeiras obras de arte audiovisual”, expresou Baltar

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial ao equipo de Portocabo, a produtora do filme Cuñados, cuxa rodaxe comezará neste mes de agosto na capital ourensá, coa colaboración da Deputación de Ourense. Baltar destacou o apoio que a institución provincial “vén dando a proxectos cinematográficos” e o “impulso decisivo” que supuxo para o Festival de Cine de Ourense (OUFF) que a Deputación asumise a organización deste evento.

“Ourense como gran plató de cinema é o obxectivo que nos marcamos”, destacou Manuel Baltar, quen salientou que “a comedia costumbrista e familiar coa que foi concibido o proxecto de Cuñados, súmase ao elenco de filmes e traballos audiovisuais cos que coopera a Deputación de Ourense. O cine é cultura visual por excelencia, e desde o goberno provincial seguiremos apoiando esta industria que ten na provincia de Ourense as mellores materias primas, tanto no referido a escenarios naturais como a condicións paisaxísticas e orográficas, para acadar verdadeiras obras de arte audiovisual”, expresou.

A rodaxe de Cuñados comezará o vindeiro 17 de agosto na cidade das Burgas. A comedia xirará ao redor das peripecias criminais de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado. Estará protagonizada por tres grandes actores cómicos do país: Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Fede Pérez, que estarán acompañados, entre outros, polas actrices Iolanda Muíños e Eva Fernández.

A ficción, que terá a súa estrea nos cines en 2021, suporá o salto á longametraxe do ourensán Toño López. Tras dirixir exitosas ficcións seriadas internacionais como Miracle Tunes (Portocabo, ShowLab, Blasteem, Mediaset, Kamca Group) ou Auga Seca (Portocabo, Sp-i), López asume nesta ocasión a dirección desta gran comedia galega.

Nas súas palabras, “esta é unha comedia de case criminais, alegre, alborotada e vitalista para todos os públicos, que basea o seu humor en facer leña das miserias humanas cun toque de tenrura e compaixón, e que tal vez nos sirva tamén para ver as nosas propias miserias e torpezas con máis sentido do humor”.

Ao fronte do resto do equipo técnico atópanse grandes profesionais do noso audiovisual

como Alfonso Blanco (produción executiva), Araceli Gonda (guión), Santi Jul (música), Ana Míguez (dirección de produción), Jaime Pérez (dirección de fotografía), Lu Rodríguez

(montaxe), Andrea Pozo (dirección artística) e Saturna (vestiario).

Cuñados, que forma parte do grupo de películas seleccionadas na segunda mesa de valoración de cine de RTVE para este ano, conta coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a participación da TVG e a colaboración da Deputación de Ourense. Será rodada integramente na cidade de Ourense e en diversos lugares da provincia. Ao ser esta unha película moi conectada ao espazo no que sucede, o equipo atopou neste territorio de contrastes as localizacións ideais para o proxecto. Nel conviven o rural e o urbano, o moderno e o tradicional e tamén está dotado dunha gran vida social e cultural.

Esta non é a primeira vez que Portocabo escolle a provincia de Ourense para rodar algunha das súas ficcións, como xa ocorrera con Vidago Palace (Portocabo, Hop!), serie que xa pode verse en HBO Portugal e que chegará proximamente ao catálogo de HBO España. Alén disto, a produtora continúará tamén nestas semanas coa gravación da segunda tempada da multipremiada Hierro (Portocabo, Movistar+, Atlantique, Arte) en Canarias e avanzando en varios proxectos que se atopan agora mesmo en fase de desenvolvemento.