O subdelegado do Goberno avanza un reforzo dos dispositivos de control nas unidades perimetrais que contan con restricións da mobilidade con motivo da próxima festividade do 1 de novembro

Na xuntanza tamén se coordinou coas forzas e corpos de seguridade a actuación ante o novo estado de alarma

Emilio González pide a comprensión e a colaboración da cidadanía no cumprimento das normas establecidas para garantir a saúde

AVANTAR ACTIVIDADES

O Centro de Coordinación (CECOR), presidido polo subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, reuniuse hoxe para coordinar a actuación ante o novo estado de alarma e facer balance dos dispositivos levados a cabo polas forzas e corpos de seguridade do Estado e polos corpos de Policía Local dos concellos de Ourense, Barbadás, O Carballiño e Verín para control do cumprimento das medidas restritivas da mobilidade establecidas pola Consellería de Sanidade.

Na xuntanza coordinouse cos representantes das forzas e corpos de seguridade a actuación con motivo da entrada en vigor do estado de alarma o pasado domingo, 25 de outubro, abordando as primeiras horas e a limitación da liberdade de circulación das persoas en horario nocturno, que no caso de Galicia se mantén entre as 23:00 e as 06:00 horas. Na reunión acordouse facer un reforzo do control nocturno e lembrouse que as persoas unicamente poderán circular pola vías ou espazos de uso público para a realización das actividades previstas no Real Decreto 926/2020, que inclúen as obrigas laborais ou a asistencia a centros sanitarios, entre outras.

Así mesmo, estableceuse un reforzo dos operativos de control nas unidades perimetrais que contan con restricións á mobilidade na provincia con motivo da próxima festividade do 1 de novembro, Día de Todos os Santos, xornadas durante as que se prevé un incremento dos desprazamentos.

Neste sentido, Emilio González recoñeceu que “se trata dunhas datas moi significativas cunha gran carga emocional”, pero incidiu na importancia de “non relaxar as normas establecidas para conter o virus da COVID-19”. Así mesmo, pediu “a comprensión e a colaboración da cidadanía nun momento complicado como este. O virus non ten idade e por iso instamos a todo o mundo a ser moi coidadoso no día a día”.

BALANCE DOS DISPOSITIVOS

Outros dos puntos tratados na reunión foi o balance das actuacións levadas a cabo polas forzas e corpos de seguridade do Estado e polos corpos de Policía Local de Ourense, Barbadás, O Carballiño e Verín entre o 21 de outubro e o 27 de outubro para a vixilancia e control do cumprimento das medidas restritivas da mobilidade nas unidades perimetrais dos concellos de Ourense e Barbadás; dos concellos de O Carballiño, O Irixo e Boborás; e dos concellos de Verín, Oímbra e Vilardevós.

Nesas datas leváronse a cabo 358 dispositivos de control nos que se controlaron máis de 28.200 vehículos se identificou a máis de 17.600 persoas. A pesar do respecto maioritario, 449 vehículos foron retornados polas forzas e corpos de seguridade na unidade perimetral de Ourense e Barbadás; 200 na unidade perimetral de O Carballiño, O Irixo e Boborás;e 290 na unidade perimetral de Verín, Oímbra e Vilardevós por non poder acreditar suficientemente os motivos da viaxe.

Así mesmo, informouse dun total de 24 propostas de sanción por incumprimento das restricións á mobilidade e de 31 notificacións sobre infraccións da normativa sanitaria. O subdelegado do Goberno salientou o alto grao de  compromiso da inmensa maioría dos ourensáns e das ourensás, pero quixo apelar “á necesidade de seguir cumprindo as normas establecidas para garantir a saúde”.

Á reunión, celebrada na Subdelegación do Goberno, asistiron a secretaria territorial da Xunta de Galicia, Silvia Dorado Morales; o tenente coronel xefe da Comandancia da Garda Civil de Ourense, Rafael López Pinel; o comisario xefe do Corpo Nacional de Policía, Juan Carlos Blázquez Hernández; o xefe da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma, José Antonio Pérez Estévez; o representante da Policía Local de Ourense, Benjamín González Quintana; o xefe da Policía Local de O Carballiño, Francisco Valeiras Baranda; o xefe da Policía Local de Verín, Emilio Morillo Carballal; e o representante da Policía Local de Barbadás, Pedro Freire Guede.