O secretario provincial de Emigración do PSOE de Ourense, Luís Gulín, foi informado pola Axencia Tributaria de Alemaña (Finanzamt Neubrandenburg), entidade que xestiona o pago do 5 por cento do IRPF das pensións alemáns que se abonan no exterior, que os retornados poden solicitar un certificado para abonar a débeda tributaria dos anos fiscais reclamados por Alemaña. “Ese certificado será remitido por primeira vez en español, onde consta a cantidade abonada, ano fiscal correspondente e data de pago do contribuínte”, sinala Gulín.

Con este servizo o Finanzamt Neubrandenburg quere facilitar aos emigrantes retornados de Alemaña unha mellora na comunicación coa Axencia Tributaria de España. Segundo puido constatar Luís Gulín en conversacións con técnicos do organismo alemán, “o Finanzamt Neubrandenburg ten centenares de queixas e protestas pola xestión da Axencia Tributaria de España co tema do pago do 5 por cento da pensión alemá, moitos deles baseados en que as oficinas da axencia tributaria española alegan descoñecer que facer con eses trámites, circunstancia que causa gran sorpresa nos alemáns ao dispor a web do Finanzamt Neubrandenburg toda a información en varios idiomas, entre eles o español”.