A Xunta e Castrelo traballan para fomentar e impulsar o emprego

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe en Santiago de Compostela unha xuntanza co alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, na que avaliaron os programas do departamento autonómico dirixidos a impulsar a formación para o emprego.

Lorenzana expuxo as liñas xerais do orzamento da Consellería de Emprego e Igualdade para 2021 e puxo en valor a importancia de ofrecer ás persoas demandantes de emprego unha cualificación especializada para incrementar as posibilidades de atopar un traballo, ao tempo que destacou a aposta do Goberno galego por ofrecer unha formación á carta das necesidades do tecido empresarial.

AVANTAR ACTIVIDADES

A conselleira sinalou que o orzamento da Consellería de Emprego e Igualdade inclúe para 2021 un total de 355 millóns de euros, un 32% máis que en 2020, con principal reto de acadar unha Galicia con máis oportunidades laborais, máis igualitaria e máis sostible e destacou que son uns orzamentos que teñen a vista posta no actual contexto socioeconómico, xerado pola crise sanitaria, para dar resposta a esta nova realidade, atendendo ás persoas e ás empresas. “As contas apostan por unha Galicia onde a preocupación por conseguir un emprego sexa cada día menor e onde as diferenzas entre mulleres e homes non impliquen desigualdade”, engadiu. 

Lorenzana, ademais, resaltou na reunión a importancia da colaboración entre administracións para impulsar entre todos o emprego local. Neste senso, agardou seguir estreitando a colaboración co Concello de Castrelo de Miño como ata o de agora. En 2020, esta Administración local recibiu o apoio da Consellería de Emprego e Igualdade a través de diferentes liñas de axudas que sumaron preto de 110.000 euros, un 35% máis que en 2019.