O Psoe lamenta autocompracencia do goberno galego fronte ao despoboamento do rural

A portavoz de Orzamento e Administración Local do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, criticou hoxe a autocompracencia da Xunta e do PP fronte ao despoboamento do rural. Rodríguez Rumbo presentou unha proposta en Comisión parlamentaria para pedirlle á Xunta que execute os orzamentos destinados á fixación de poboación do rural que foi rexeitada polo PP.

Publicidade

A responsable socialista explico que “como van loitar para que mude a situación se consideran que a fixación no rural é satisfactoria”, e pasan por alto o “círculo vicioso” do despoboamento e a perda de servizos do interior de Galicia. Lamentou que o goberno galego mire para outro lado cando o sector da agricultura perdeu 6.400 ocupados nos catro anos de vixencia do plan de fixación do rural que a Xunta presentou en 2017 co que ía investir 230 millóns de euros.

Rodríguez Rumbo acusou ao goberno galego de limitar a “publicidade e propaganda” as súas iniciativas para o repoboamento do rural, e criticou que “xuntan medidas que xa existen, póñenlle un lacito e chámanlle plan”, mentres só se preocupan de “distribuír subvencións de Medio Rural entre concellos politicamente afíns”.

E todo para agochar, dixo, o seu desinterese na situación demográfica do interior galego, como demostran os datos dos Orzamentos, polos que en catro anos deixaron sen executar 43 millóns de euros do apartado de fixación de poboación para o rural, e outros 110 millóns da partida para a dinamización económica do rural.

A parlamentaria socialista reclamoulle hoxe á Xunta que garanta a execución “na súa totalidade” dos recursos destinados a fixar poboación no rural, así como elaborar un documento que analice o cumprimento do documento elaborado pola Consellería do Medio Rural en 2017. Rodríguez Rumbo pediu tamén un plan de revitalización do rural “no que participen os distintos grupos parlamentarios, os sindicatos e os representantes dos sectores produtivos”.