A Xunta recupera para o patrimonio público un mural realizado por Seoane na Arxentina que se exhibirá agora no Museo Gaiás

11,00 h.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentará o mural de Luis Seoane que se exhibirá de xeito permanente no andar 0 do Museo Centro Gaiás (Monte Gaiás, s/n). foto xoán crespo 06/12/2020

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade presentou a peza que estará exposta de xeito permanente na Cidade da Cultura

Publicidade

A obra foi inicialmente concibida para a separación de dous espazos na fábrica de Porcelanas de Magdalena, fundada por Isaac Díaz Pardo a carón do Río da Prata

Román Rodríguez salientou a importancia da peza como “un dos poucos exemplos cos que contamos en Galicia da arte mural de Luis Seoane, que si é abundante na Arxentina e que agora todo o público poderá contemplar no Gaiás”

No ano do centenario do nacemento de Díaz Pardo, o Goberno galego recupera así unha importante parte do patrimonio artístico e histórico galego, testemuña do fondo vencello entre dous artistas claves na Galicia do século XX

O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura exhibirá de xeito permanente un mural realizado na Arxentina por Luis Seoane, que a Xunta de Galicia vén de recuperar para o patrimonio público. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, na presentación desta peza, unha das poucas testemuñas que se conservan en Galicia da produción muralística deste gran renovador da arte galega do século XX, e impulsor dunha obra gráfica, editorial e empresarial de fonda pegada cultural.

A peza foi realizada por Seoane na década dos 70, encargada por Isaac Díaz Pardo para separar o obradoiro e as dependencias administrativas na fábrica de Porcelanas de Magdalena –Celtia S.A.– que el mesmo fundara na Arxentina. O acto de presentación da obra no andar 0 do Museo Centro Gaiás, onde permanecerá a partir de hoxe, contou tamén coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a directora da Fundación Luís Seoane, Silvia Longueira Castro; e Camilo e Xosé Díaz Arias de Castro, fillos de Díaz Pardo e comisarios da exposición As miradas de Isaac.

Trátase dun gran mural de 230 por 390 centímetros e 200 quilos de peso, formado por catro paneis de idéntico tamaño perfectamente ensamblados entre si. Sobre un fondo de táblex de madeira e cartón pintado –con pigmento amarelo mesturado con area do río da Plata–, Seoane plasmou unhas formas en relevo influenciadas por elementos da cultura popular galega, moi presentes en toda a súa obra do exilio. Na parte superior, unhas rodas lembran ás dos carros de bois, mentres que na parte inferior se atopan as ondas do mar e conta coa sinatura característica do autor no ángulo superior esquerdo.

Conexión coa obra americana feita por artistas galegos

O conselleiro de Cultura referiuse á obra como “unha das poucas mostras que temos en Galicia da arte de Seoane neste formato pictórico, que si conta cunha grande presenza na Arxentina”. Neste sentido, sinalou o conselleiro, “a propia condición do autor como emigrante, exiliado e con propósito de retorno a súa terra; así como a conexión da peza coa obra artística americana feita por artistas galegos, fan que tanto a nivel histórico como artístico e simbólico, a obra sexa dun alto interese para preservar e exhibir nunha institución pública galega”.

O titular de Cultura do Goberno galego lembrou ademais que este ano 2020 se celebra o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo, e tamén o cincuentenario da creación do primeiro museo de arte contemporánea en Galicia: o Museo Carlos Maside (1970), nacido precisamente a iniciativa de Luis Seoane. “Todo isto, ademais do fondo e estreito vínculo entre estes dous polifacéticos artistas, xunto á organización na Cidade da Cultura das mostras Galicia, de Nós a nós e As miradas de Isaac, fan que a adquisición deste mural chegue ademais nun momento extremadamente oportuno”, remarcou.

A adquisición da peza foi realizada tralo certificado favorable emitido polo Consello Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia.

Estreito vencello con Díaz Pardo

Camilo Díaz Arias de Castro, fillo de Isaac Díaz Pardo, conviviu con este mural na etapa na que traballou na fábrica de Porcelanas na Magdalena –entre 1965 e 1977–. A obra estaba situada na entrada principal da fábrica que daba acceso á galería comercial de venta ao público, no módulo da administración –onde tanto el como seu pai tiñan os seus estudios e habitacións– lembrando que pasaba diariamente por diante dela para ir á Universidade de La Plata, onde realizaba estudos de Química.

Destaca que, logo de poñer en marcha a fábrica de Porcelanas de Magdalena, Díaz Pardo encargou a Luis Seoane –con quen fixera unha grande amizade– que deseñara un mural para adornar a entrada da factoría. O motivo do mesmo era que ía facer unha visita o gobernador da provincia de Buenos Aires, Óscar Alende, con motivo da inauguración do Laboratorio Cerámico de Magdalena, que incluía un Laboratorio de Formas. Foi o propio Díaz Pardo quen construíu a base do mural sobre o deseño e as indicacións de Seoane, que nunha visita a Magdalena el mesmo rematou e asinou.