O PSOE pregunta polo peche da casa do concello de Beade entre semana

O PSdeG-PSOE de Beade denuncia a situación vivida esta mañá na casa consistorial, que se atopaba “pechada a cal e canto” e sen que houbese ningunha comunicación oficial por parte do alcalde do Partido Popular, Senén Pousa, nin aos veciños e veciñas do municipio nin a oposición. Os socialistas denuncian que a casa consistorial non pode “aparecer pechada un martes pola mañá” e reclámanlle o grupo de goberno “transparencia” e que se comunique este tipo de decisións para que a veciñanza teña constancia do que acontece.

Publicidade

O Grupo Municipal Socialista afirma que todo está motivado por un suposto contaxio de coronavirus na contorna do rexedor e coinciden na necesidade de tomar medidas, estando sen embargo en desacordo co peche total da casa consistorial que segundo relatan “se atopaba totalmente pechada, sen ningún cartel informativo e sen que os funcionarios se atoparan dentro para atender de xeito telefónico á veciñanza e oposición”.

Un peche que segundo relatan dende o PSdeG-PSOE de Beade “non é novo, xa que durante esta pandemia o concello permaneceu pechado, pero cos funcionarios operativos e traballando para poder dar servizo a cidadanía e a oposición vía telefónica, telemática e incluso a través dunha ventá, pero desta ocasión o peche é total e nin un cartel informa do acontecido”.

A concelleira socialista en Beade, Carmen Rama, relata que os socialistas tiveron constancia do peche a través dun traballador municipal que segundo afirman “informou a un compañeiro da decisión de pechar o consistorio”. “Pode ser que haxa positivos por desgraza, pero non consideramos normal que non se informe do sucedido e que se peche a casa do concello sen previo aviso”, destaca a concelleira do PSdeG no municipio, que tamén afirma que unha administración pública “non pode estar pechada a cal e canto e senón ten persoal propio para o funcionamento da apropia administración, debe pedir persoal a Deputación de Ourense ou a Xunta de Galicia”.

Os socialistas esixen “explicacións e transparencia” ao rexedor e “máis cando se trata dun tema tan serio coma o coronavirus” e propóñenlle ao alcalde que solicite “axuda” a Deputación de Ourense para que aporte o persoal “que consideren necesario” e abrir de novo as portas da casa consistorial. Para Carmen Rara a situación “é grave porque senta un precedente que senón freamos e se o deixamos pasar, chegará un momento en que o concello abra cando o alcalde estea aburrido”. A concelleira socialista tamén subliña que “pecharon o concello como se fora a casa particular dun veciño de Beade e non é a casa particular de ningún veciño, o consistorio é a casa de todos”.