O Comité de seguimento do Covid-19 na Deputación de Ourense analiza o escenario laboral e de servizos

Videoconferenca para a constitución do novo comité de seguimento da Covid-19. Asisten Manuel Baltar (Presidente Deputación); Rosendo Fernández (VicePresidente 1º); Placido Álvarez Dobaño (VicePresidente 3º); Luz Doporto Real (Deputado PPOU); Pablo Pérez Pérez (Deputado PPOU); Juan Marquina e Adamantino Barreiro García (Secretario e ViceSecretario da Deputación Ourense).

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidiu hoxe por videoconferencia a reunión do Comité de seguimento do Covid-19 da institución provincial, que analizou o escenario laboral e de servizos para adaptalo aos condicionantes que implica esta terceira onda da pandemia. Un dos aspectos tratados foi a aprobación, no pleno do pasado venres, da ordenanza reguladora de teletraballo para os empregados públicos da Deputación. Esta normativa ten como obxectivo acadar un mellor desempeño do traballo, favorecendo a conciliación profesional, persoal e familiar a través da flexibilidade para realizar o traballo desde o domicilio.  

Manuel Baltar destaca que desde o inicio da pandemia, “a Deputación de Ourense vén poñendo en marcha medidas para facer fronte á crise do coronavirus, potenciando as axudas económicas a autónomos e pemes; a teleasistencia; e a protección de emprendedores e a cooperación social cos concellos, ademais de axudas loxísticas a transportistas e persoal esencial” -como foi á posta á súa disposición do pazo dos deportes “Paco Paz”-, e tamén salienta “a implementación dun servizo de “alta exprés” en teleasistencia para que os concellos axilizasen os trámites de novos usuarios desta servizo para persoas máis vulnerables”. 

Xunto a elo cita a posta en marcha do “Comité do Día Despois”, unha iniciativa pioneira en España -impulsada polo propio Manuel Baltar-, co obxectivo de planificar a saída económica da crise do coronavirus inmediatamente despois do estado de alarma; e a cooperación coa Xunta de Galicia “coa achega por parte da Deputación de diversas partidas de material sanitario –luvas, xel desinfectante e máscaras-, ademais da posta a disposición dos concellos de maquinaria, equipamento e persoal para a desinfección de espazos públicos, co fin de contribuír a frear a expansión do virus”. 

Publicidade Premer na Imaxe

O Comité de seguimento do Covid-19 seguirá mantendo reunións periódicas para avaliar as consecuencias da pandemia nos órganos dependentes da Deputación de Ourense, “para que a prestación dos servizos a concellos e veciñanza manteña a máxima eficacia e excelencia, nuns tempos nos que a xestión pública require da total cooperación entre institucións e entidades”, expresa Baltar.