O Psdeg-Psoe censura os “indignos” e “estrafalarios” ataques de Pérez Jácome a xornalistas e esíxelle ao PP que deixe de ser amparar a un alcalde que acosa aos medios

Os socialistas manifestan todo o seu apoio aos empregados de La Región, Telemiño e Radio Ourense Cadena SER que hoxe se viron salpicados por estrafalarios exabruptos e faltas de respecto

Estas palabras e actos, que non son a primeira vez que teñen lugar, deberían ser motivo dabondo para que o grupo municipal do PP deixe de sustentar e amparar inmediatamente a un alcalde

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE censura os “indignos ataques” que o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, verteu hoxe contra varios xornalistas e esíxelle ao Partido Popular que deixe de amparar a un rexedor que acosa aos medios de comunicación e os seus traballadores con insultos e desprezos. Os socialistas manifestan todo o seu apoio aos empregados de La Región, Telemiño e Radio Ourense Cadena SER que hoxe se viron salpicados por estrafalarios exabruptos e faltas de respecto.

“Esta situación insólita causada por manifestacións impropias dun alcalde e dunha persoa con sentido da educación, deben recibir o rexeitamento contundente de calquera demócrata, posto que os medios de comunicación social son un dos piares da nosa democracia”, denuncian. “Estas palabras e actos, que non son a primeira vez que teñen lugar na Praza Maior, deberían ser motivo dabondo para que o grupo municipal do PP deixe de sustentar e amparar inmediatamente a un alcalde que acosa aos medios e despreza aos xornalistas”, insisten.

“Está na man do PP de Ourense parar dunha vez esta desfeita”, conclúen desde o PSdeG-PSOE antes de reclamar un pronunciamento expreso e urxente do grupo municipal do PP, de Manuel Baltar e de Alberto Núñez Feijóo, ante os disparates do alcalde que sosteñen na cadeira municipal cunha actitude que está a desprestixiar o consistorio da terceira cidade de Galicia.