O Psdeg-Psoe de Ourense destaca o “sólido compromiso” do executivo central coa provincia tras abonar, desde abril, 41,6 millóns en prestacións de erte

“É un escudo social inaudito e un apoio clave a sectores como o comercio ou a hostalaría, que están a sufrir con maior dureza as consecuencias da pandemia”, resaltan os socialistas

Publicidade

“Fronte ao abandono doutras administracións como a Xunta, que aínda non aprobou ningunha medida de apoio económico directa, o Goberno central está a actuar desde o primeiro mes”, recordan

 O Goberno central xa abonou 41,6 millóns de euros en prestacións de expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) na provincia desde o mes de abril. No pasado mes de setembro, Ourense contaba con 4.597 traballadores e traballadoras en ERTE que recibiron 2,16 millóns de euros ese mes. A nómina total abonada mensualmente polo executivo neste sistema de protección xa suma preto de 47 millóns desde o comezo da pandemia, un esforzo “nunca antes visto” no país, en palabras dos socialistas ourensáns que destacan a “importancia vital” destes fondos para “impulsar a recuperación do tecido social e empresarial”.

O PSdeG-PSOE de Ourense destaca a “máxima axilidade” coa que o Goberno central “tramitou e pagou estas axudas fundamentais para manter o equilibrio da economía durante a situación de pandemia”. “Supón un apoio clave para sectores como a hostalaría ou o comercio que están a sufrir con maior dureza as consecuencias ocasionadas pola Covid-19”, salientan os antes de lembrar que “é un esforzo sen precedentes no noso país e un pilar básico para protexer o tecido empresarial, social e económico da nosa provincia”.

“Fronte ao abandono doutras administracións públicas como a Xunta de Galicia, que aínda non aprobou ningunha medida de apoio económico directa, o Goberno central do PSOE está a actuar desde o primeiro mes cun abano de medidas de protección social eficiente, contundente e continuado”, insisten os socialistas ourensáns.

O Servizo Público de Emprego abonou entre abril e setembro 616.953 prestacións correspondentes aos ERTE aprobados para empresas galegas. A nómina destas prestacións na provincia da Coruña superou os 190 millóns; en Lugo abonáronse 36,3 millóns e na provincia de Pontevedra o SEPE abonou 181,9 millóns de euros. En setembro había 42.172 traballadores en ERTE en toda Galicia, un 76% menos que no mes de abril, cando chegaron a sumar 176.060. No referente ás cantidades abonadas, mentres no mes de abril o SEPE abonou 145,1 millóns de euros, a nómina de setembro foi de 20,8 millóns.

Tamén sinalan o acordo entre o Goberno central e os axentes sociais que supuxo a ampliación dos beneficios dos ERTE ata o 31 de xaneiro de 2021, a través dun Real Decreto Lei validado polo Congreso a pasada semana. “É un exemplo evidente de que o diálogo que o executivo central ten como máxima” permite “reforzar a protección dos sectores afectados” e “facilitar a recuperación” a través dun “escudo social inaudito” na provincia de Ourense, conclúen desde o PSdeG.