
Trala intervención do socialista Juan Carlos Francisco na comisión de Economía do Parlamento de Galicia para falar da estación de montaña
·Para o secretario xeral do PP de Ourense, “é lamentable que o parlamentario socialista poña en dúbida a adxudicación da xestión deste complexo a unha compañía galega que presentou un ambicioso proxecto para desestacionalizar a actividade na estación”. E aínda é moito máis preocupante, engadiu “que un representante público cualifique como <vericueto lexislativo> un procedemento perfectamente regulado na Lei de Contratos do Sector Público, para facer fronte á imposibilidade de licitar pola vía ordinaria ante acontecementos imprevisibles, como é o caso desta pandemia”.
O secretario xeral do Partido Popular de Ourense, Rosendo Fernández, acusou hoxe ao PSOE de “xogar á lixeira e frivolizar co futuro económico e turístico das comarcas de Trives e Manzaneda”, en resposta á intervención do representante socialista pola provincia de Ourense, Juan Carlos Francisco, na comisión de Economía do Parlamento galego, “na que seguindo o habitual estilo destrutivo que caracteriza a este partido recurriu ao torticeiro argumento das sombras e dúbidas para desacreditar a xestión da Estación de Montaña de Manzaneda”.
Para Fernández “é lamentable que o parlamentario socialista poña en dúbida a adxudicación da xestión deste complexo a unha compañía galega especializada no turismo activo de natureza e eventos deportivos, que presentou un ambicioso proxecto para desestacionalizar a actividade na estación”. E aínda é moito máis preocupante, engadiu “que un representante público cualifique como <vericueto lexislativo> un procedemento perfectamente regulado na Lei de Contratos do Sector Público, para facer fronte á imposibilidade de licitar pola vía ordinaria ante acontecementos imprevisibles, como é o caso desta pandemia”.
A Deputación de Ourense, xunto co resto de membros da sociedade Meisa, apuntou o secretario xeral dos populares ourensáns, “recorreron a un procedemento habilitado pola lei para axilizar a renovación da xestión deste complexo por un evidente interese público”.
O Partido Poplar, desde a institucións nas que goberna -Deputación e Xunta-, “actuou sempre coa máxima responsabilidade para non poñer en risco un complexo que ten un gran impacto nos ámbitos económico e laboral das comarcas de Trives e Manzaneda, que son un activo provincial, pero tamén galego por ser a única estación destas características existente en Galicia”.
Para Rosendo Fernández, a intervención do parlamentario socialista na comisión de Economía “non só deixa a interrogante sobre as rexeitables intencións deste partido de botar abaixo o futuro da estación, o que veñen facendo reiteradamente nos plenos da Deputación e agora tamén en sede parlamentaria, senón tamén a súa capacidade para entender un proceso de renovación da xestión totalmente transparente”.
“E paradoxalmente -subliñou Fernández- ven da man de Juan Carlos Francisco, que figuraba como administrador e socio único da empresa Madeiras do Xurés, á que o Concello de Entrimo concedeu a explotación total e venda da madeira dos montes veciñais do municipio, cesión que xa o PP de Entrimo denunciou polas súas irregularidades ao realizarse con infraccións no trámite de información pública”. Daquela, en maio do pasado ano, o proceso incluíu o apercibimento expreso da secretaria do Concello, o que para os populares de Entrimo determinaba a nulidade do contrato. Unha situación aínda máis grave, denunciou xa entón o PP, logo de que a xustiza recoñecera en tres sentenzas que os comuneiros de Entrimo son os legais propietarios dos montes en man común.