Nota de Prensa de “Adur” e ” Vellez e Dignidade”

Un ano despois o servizo de enfermaría só cubre o 40% da semana e o material non se recicla

• A Residencia de Celanova segue sen servizo de enfermaría 24 horas. A titular e a contratada a media xornada non alcanzan a cubrir en horas tres días dos sete da semana.

AVANTAR ACTIVIDADES

• A ratio de persoal de atención especializada é de 0,09 por baixo dos estándares doutras comunidades onde esta estipulada por lei, segundo un estudo da SEGG.

• A ratio de persoal de atención directa está no límite que marca a normativa galega, de 2007, para coidado de dependentes, pero as condicións mudaron notablemente a partir de marzo de 2020.

• Falta material, porque as batas dun só uso son lavadas e recicladas, segundo constatou a última inspección de Política Social.

• O persoal está exhausto, hai traballadoras de baixa polo impacto directo ou indirecto do brote da COVID, e a directora anunciou que a partir de abril collerá un período de excedencia.

CELANOVA, 11 de marzo de 2021.

Na Residencia San Carlos de Celanova, un ano despois de que estoupara a crise da COVID que entre marzo e abril provocou 11 mortes entre as usuarias (9 delas oficialmente a causa do virus) o servizo de enfermaría segue sen cubrir as 24 horas de cada xornada, a dotación de atención especializada segue estando por baixo do que marca a lei e a ratio de persoal de atención directa tamén é insuficiente.

Familiares de residentes agrupadas en ADUR e na Federación Vellez e Dignidade veñen advertindo desde hai un ano que é preciso reforzar o persoal de enfermaría. Non se fixo. E a Residencia, que pasou 30 días sen enfermeira ningunha durante as peores semanas da crise, só garante hoxe a atención de ATS durante 64 horas á semana; é dicir, deixa sen cubrir o 61,9% da semana.

O centro que alberga 60 residentes, segundo a información da que dispoñen as familias, máis da metade dependentes, aínda que polo que se atopou a última inspección non todos están declarados como tais. Con estas cifras, a ratio de ATS na Residencia San Carlos é de 0,06, cunha enfermeira titular durante 40 horas á semana e outra ao sesenta por cento da xornada que cubre 24 horas. O resto, non hai servizo e a atención estase a cubrir por persoal non especializado. Desde que a enfermeira suplente dimitise hai un ano en pleno brote, xa pasaron outros tres profesionais por ese posto.

Un informe de maio de 2020 da Sociedade Española de Geriatría y Gerontogía (SEGG) que analiza as normativas de dez comunidades autónomas e, no caso de Galicia, toma como referencias a Orde de 13 de abril de 2007 pola que modifica o Decreto 243/1995, pon en evidencia a falta de recursos que sitúan á Residencia San Carlos de Celanova por baixo dos estándares que marca a lei.

A través do Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos da Consellería de Política Social, as familias puidemos constatar que a Residencia San Carlos conta con 30 traballadoras, das cales 6 prestan atención especializada (desde enfermaría a servizos de fisioterapia a dinamización de actividades de ocio), e que tres delas non están contratadas a xornada completa. Esta dotación supón unha ratio de 0,09, que está por baixo das ratios que establece a norma en comunidades como Cataluña, Navarra ou Murcia segundo a análise da SEGG.

A norma galega non diferencia entre atención especializada e directa, o que na práctica consinte ratios máis baixas que no resto de comunidades analizadas pola SEGG.

No caso da ratio de persoal de atención directa (xerocultoras) a San Carlos declara no Rexistro de Política Social que ten contratadas 21 persoas para este servizo, dúas delas a media xornada. Polo tanto, declara unha ratio de 0,33 xerocultoras por residente (1 xerocultora por cada 3 residentes).

A última inspección de Política Social interpretou que o centro cumpre os parámetros segundo a normativa galega de 1995 revisada na Orde de 2007. Mais, un ano despois de declarada a pandemia, as familias consideran que as ratios de atención, tanto especializada como directa, anteriores á COVID non son garantía ningunha de atención eficiente e suficiente en tempos de pandemia.

E que esa falta de persoal ten consecuencias non só para a saúde das e dos residentes, senón tamén para a das propias traballadoras.

FALTA MATERIAL. A DIRECTORA PEDIU UNHA EXCEDENCIA

Durante os últimos doce meses familias de residentes e asociacións de familiares, traballadoras e mesmo profesionais da saúde (desde o Movemento Galego da Saúde Mental até, finalmente, a Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía) veñen reclamando unha intervención sanitaria (SERGAS) e socio-sanitaria (Política Social) en casos como o da Residencia San Carlos e mesmo especificamente neste caso. Mais nunca se produciu e as axudas públicas foron escasas malia que as inspeccións se sucederon, é, polo tanto, a Administración ten coñecemento directo da situación… mais segue sen intervir.

Agora, a última inspección da Xunta vén de constatar “que a residencia utiliza batas de polipropileno e que as lavan a 60º antes do seguinte uso. Na visita pediuse a ficha de ditos produtos (…) e verificouse que era material dun só uso desbotable”. A inspección advirte que a San Carlos está a infrinxir o protocolo. E as familias consideran que é intolerable o abandono que unha vez máis se está a producir, porque este é material que debería proporcionar en cantidade suficiente a propia Administración para garantir a saúde de residentes, traballadora e familias.

Desde a inspección, a Residencia ofrece as familias batas dun só uso para as visitas e dispuxo de xeles en todas as habitacións e corredores do complexo.

Diante desta situación, as familiares fan un novo chamamento a todas as Administracións para que axuden con material e reforzo de persoal á Residencia San Carlos de Celanova, en evidente situación de precariedade e co persoal exhausto. Algunhas traballadoras están en baixa de longa duración polos efectos directos ou indirectos da COVID. Mesmo a directora, que soportou o peso da crise durante as semanas máis duras de marzo e abril de 2020, anuncia que a partir do mes próximo comezará un período de excedencia.