O BNG denuncia na Deputación a que califican de “expansión descontrolada” de parque eólicos

O BNG presenta unha moción na Deputación de Ourense na que denuncia que o desenvolvemento de parques eólicos en Galiza estase dando de forma abrupta, carente de toda planificación e ordenación e sen ter en conta a economía e a sociedade. O voceiro do grupo provincial do BNG de Ourense,  Bernardo Varela, afirma que “estamos ante un modelo enerxético, que só xera desfeitas medioambientais, que bordea os limites da legalidade, e sen retorno económico e social”

Publicidade

 Ante este modelo eólico, Varela advirte na súa moción que en moitos casos estase a dar unha fragmentación fraudulenta dos proxectos eólicos en proxectos máis pequenos para ocultar o  verdadeiro impacto do que en realidade son megaproxectos, como cos parques eólicos de Barxas, Rebordechao e Prada, o que en sí mesmos pode incorrer en fraude de  lei.  Estamos ante un modelo contrario ao  retorno económico e social para Ourense, “pois máis alá da ilusión das escasas rendas que producen, a realidade é que xeran moi poucos postos de traballo  e deixan detrás unha pegada de desertización e despoboamento, como demostran  os datos das zonas de máis desenvolvemento eólico de Galiza: a Costa da Morte ou as serras do norte da provincia de Lugo.”  Unha modelo, afirma,  carente dunha planificación que poida ser acorde coas necesarias garantías ambientais, como se fai patente no proxecto eólico da serra do Suído e semellando en moitos casos un novo boom especulativo dirixido desta vota ás enerxías renovables. En definitiva, declara o voceiro provincial, “estase regalando espazo público e espazo natural a grandes compoñías foráneas a cambio de irrisorias compensacións a propietarios e concellos”. 

Todo inscrito, afirman os nacionalistas, nun contexto de abuso de poder por parte das grandes multinacionais eléctricas fronte as persoas propietarias, comunidades de montes e outras entidades, reducíndose a súa capacidade de negociación. Para o BNG, afirma o voceiro nacionalista, os megaparques responden a unha visión economicista e depredadora  de espolio dos recursos locais promovidos por empresas do oligopolio eléctrico que procuran maximizar beneficios e que contan co beneplácito e o impulso da Xunta.  “O que tamén dá conta do papel da administración galega á hora de rebaixar garantías ambientais e desprotexer espazos singulares, converténdose en parte activa dos problemas que se están a dar”, indica o voceiro provincial. 

 Para o BNG a enerxía debe ser considerada un ben público galego, e os beneficios deben repercutir no conxunto do país e nos territorios onde se xera, polo que os nacionalistas defendemos a participación pública galega na planificación  e desenvolvemento do sector enerxético en xeral e do eólico en particular. 

Razón polo que o BNG presenta unha batería de propostas ante o pleno provincial de Ourense en “favor  dun modelo de desenvolvemento racional e fixado no país” sinala Bernardo Varela, “enmarcadas na ofensiva que a fronte nacionalista presenta aos megaparques industriais eólicos”. “Demandamos a implicación do ente provincial na paralización dos megaproxectos eólicos. Á par que propomos medidas que aporten garantías medioambientais e promovan a participación pública no sector elólico, así como a necesaria vinculación da estratexia eólica ao desenvolvemento de Ourense e Galiza”