Julio Torrado do grupo socialista urxe á Xunta un protocolo para garantir a vacina da covid ás persoas con dificultade de acceso aos puntos de vacinación

Julio Torrado alerta da necesidade de alternativas para aquelas persoas que non poden acudir a un punto de vacinación por problemas de saúde ou de carácter socioeconómico, especialmente na Galicia rural

O voceiro de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, vén de urxir á Xunta un protocolo para garantir a vacina da covid ás persoas con dificultade de acceso aos puntos de vacinación establecidos polo SERGAS. Fíxoo, hoxe, a través dunha presentación pregunta á directora xeral de Saúde Pública.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Existen persoas en Galicia que teñen dificultades de acceso aos puntos de vacinación. Dependentes, persoas con situacións clínicas que non recomendan os desprazamentos e tamén persoas con problemas de carácter socioeconómico que non poden desprazarse”, sinalou o responsable socialista.

Así, incidiu en que as dificultades de acceso aos puntos de vacinación non só están vinculadas a problemas clínicos, senón tamén socioeconómicos, especialmente entre a xente maior na Galicia rural, onde algunhas persoas teñen que percorrer “ata 25 quilómetros” para chegar ao centro de saúde no que lles corresponde vacinarse, ao tempo que poden carecer de recursos económicos para ir en transporte público ou cando en moitos lugares non existe nin a posibilidade de transporte público real e efectivo.

De feito, os datos revelan que o 7% da poboación ten dificultades para acudir ao punto de vacinación, co que “urxe” unha solución para este grupo poboacional, xa que “o Sergas debe garantir o acceso á vacina en igualdade de condicións para todas as persoas, independentemente do lugar onde vivan”.

Torrado amosou a súa confianza na palabra da directora xeral que se comprometeu, en sede parlamentaria, trala presentación desta pregunta, a comezar co proceso de vacinación das persoas con dificultade de acceso aos puntos de vacinación a vindeira semana, pero anunciou que o PSdeG será “esixente en que o anunciado hoxe se cumpra”.

Por último, o voceiro socialista pediu unha unificación de criterios á hora de decidir quen recibe unha vacina a domicilio, xa que “non sabemos se a decisión última recae nun médico ou se haberá un criterio estandarizado”, o que podería provocar desigualdades entre a poboación.