‘Historias do Camiño de Santiago en dez rutas’ chega ata a vía da prata

A iniciativa, da empresa Volta Montana, que forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, percorre hoxe a ruta que une A Gudiña con Laza 

Publicidade

A empresa Volta Montana retoma o proxecto ‘Historias do Camiño de Santiago en dez rutas’ , que volve este fin de semana, e faino a través dunha das etapas da Vía da Prata. En concreto, a que une as localidades de A Gudiña e Laza.

Un total de 8 persoas e 1 guía -por mor das limitacións da pandemia- realizaron este tramo do Camiño no marco dunha iniciativa que se encadra no programa O teu Xacobeo, promovida pola Xunta, que achega neste caso algo máis de 8.000 euros.

Os participantes afondaron hoxe na Vía da Prata, trazada a inicios do cristianismo aproveitando as vellas calzadas romanas, que entra en Galicia pola Mezquita, e é o camiño xacobeo máis longo.

É a mesma ruta pola cal avanzou Almanzor coa súa infantería contra Santiago en agosto do 997. Estas e outras historias son as que se puideron desfrutar durante a ruta, guiada desta volta por Pablo Conde, guía oficial de Galicia e Guía de montaña.

A etapa oficial A Gudiña – Laza son 34,5 quilómetros, pero a organización apostou por facer un tramo algo mais corto, duns 18 quilómetros, para poder coñecer mellor o percorrido a través dunha ruta interpretada. Neste sentido, o obxectivo do proxecto pasa por descubrir os lugares máis singulares do Camiño, afondando no seu coñecemento.

O proxecto está dirixido a poboación local, e estase a realizar durante os fins de semana. Mañá trasládase ao Camiño Portugués cunha etapa entre A Guarda e Oia.

Máis información:

Sábado : A Gudiña – Laza  https://voltamontana.com/event/via-de-la-plata-a-gudina-laza-2/