A cooperación entre Deputación, Xunta e Concello da Rúa farán posible o novo centro de saúde na vila

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde da Rúa, Álvaro José Fernández López, asinaron esta mañá un convenio de colaboración no que se establecen as bases para a construción dun novo centro de saúde na localidade. A realización desta infraestrutura sanitaria pertencente á rede pública galega conta cun orzamento estimado de 1,2 millóns de euros e atenderá a preto de 4.000 pacientes.

O presidente da Deputación de Ourense asistiu hoxe ao acto de sinatura do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello da Rúa, que posibilitará a construción do novo centro de saúde nesta localidade valdeorresa. A Deputación de Ourense achega un montante económico de 130.000 euros para o acondicionamento de viarios e a urbanización da parcela. “Trátase dun proxecto de cooperación entre a Xunta, a Deputación de Ourense e o Concello da Rúa que fará realidade unha longa demanda da veciñanza e mellorará os seus servizos públicos, polo cal felicito ao alcalde da Rúa, Álvaro Vila, polo consecución desta infraestrutura”, afirma Manuel Baltar”, quen destaca a “importancia que esta obra ten nestes momentos de pandemia, onde mellorar os servizos públicos sanitarios é a máxima prioridade, e a palabra clave para iso é “cooperación” entre as administracións públicas, como estamos a facer”. 

AVANTAR ACTIVIDADES

O novo centro de saúde, que duplicará a superficie actual pasando dos 490 metros cadrados a máis de 1.000, terá consultas e salas de espera más amplas e incluirá  unha sala de espera pediátrica específica, ademais dunha nova sala polivalente, unha consulta de atención de urxencias, unha consulta de enfermaría pediátrica e unha consulta do programa da muller. Tamén eliminará as barreiras arquitectónicas, ao pasar a ser un edificio dunha soa planta.

No transcurso desta visita, o conselleiro estivo acompañado polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, e o xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial.

Renovación de infraestruturas

Desde o ano 2009 a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 83 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre 67.800 metros cadrados. A elas hai que engadir outras nove obras que están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu nestes 12 anos máis de 100 millóns de euros. Os orzamentos para 2021, os primeiros desta lexislatura, contemplan un incremento do 108% no capítulo de investimentos para Atención primaria, pasando de 26 millóns de euros en 2020 a 55 millóns de euros para este ano.

Na provincia de Ourense, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde en Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Ourense (O Couto), Barbadás (A Valenzá) ou Pontedeva e realizáronse importantes reformas en Carballeda de Avia, Gomesende, O Bolo, Leiro, Carballeda de Valdeorras e Cenlle. Só nesta provincia acaban de poñerse en marcha dous novos centros de saúde: o de Pereiro de Aguiar e o de Paderne de Allariz, que comeza hoxe mesmo a funcionar.

Así mesmo, xa están listos os proxectos de reforma dos centros de saúde de Arnoia e Ribadavia, co obxectivo de licitar canto antes as obras.