Xunta e Deputación cofinancian o bono turístico #QuedamosenGalicia

A Xunta e a Deputación de Ourense asinaron hoxe o convenio para o cofinanciamento do programa Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia, a través do que o organismo provincial colabora cunha achega de 150.000 euros.

Publicidade

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente da Deputación ourensá, Manuel Baltar, formalizaron hoxe o acordo para sumarse a esta iniciativa coa que o Goberno galego pretende mobilizar 6,8 millóns de euros directamente ao turismo galego este ano co obxectivo de contribuír á súa reactivación mediante o fomento do turismo interno.

No programa tamén colabora o Clúster Turismo de Galicia e, ademais da Deputación de Ourense, tamén conta coa participación da Deputación da Coruña. Por iso, Alfonso Rueda animou ao resto de deputacións provinciais que aínda non se sumaron á iniciativa, a seguir o exemplo das de Ourense e A Coruña que decidiron -sinalou- sumar fondos a unha proposta que viron positiva para dar un empuxón e axudar a coller osíxeno aos negocios do sector turístico, un dos máis afectados polas restricións derivadas da crise sanitaria da covid-19.

Nesta liña, agradeceu á deputación ourensá que amosase o seu apoio á Tarxeta Bono Turístico antes de constatarse o seu éxito, tanto en solicitudes como en número de establecementos adheridos. Así, as tarxetas esgotáronse nas 12 primeiras horas cunha media de 30 solicitudes por minuto, ata acadar máis de 25.000. Ademais, ata agora xa se sumaron case un milleiro de establecementos -82 deles na provincia de Ourense- , o que supón un 75% máis que na primeira convocatoria. . Ademais existen máis de 400 paquetes turísticos e máis dun cento de ofertas personalizadas que se poden consultar na web de Turismo de Galicia.

O vicepresidente primeiro tamén agradeceu a implicación da cidadanía para botar unha man ao sector, xa que achegan o 40% do importe da tarxeta escollida, entre as 3 dispoñibles, mentres que a Xunta aporta o 60% do total en todas elas. De feito, os galegos, ademais de esgotar as tarxetas en cuestión de horas amosaron a súa preferencia polas de 500 euros, as de maior contía, que coparon o 82% das solicitudes. Logo, as de 375 euros supuxeron o 10,3% e o 7,3% restante foi para as de 250 euros.

O éxito da iniciativa -engadiu- tamén demostra que os cidadáns estaban desexando desfrutar das marabillas de Galicia e o seu turismo. A Xunta prevé que en maio os usuarios poidan empezar a consumir as súas tarxetas nas opcións que escollan, unha vez que os beneficiarios reciban a notificación, fagan o ingreso da súa parte e en 10 días reciban a súa tarxeta.

Alfonso Rueda destaca que, con esta e outras medidas como o seguro coronavirus, o Goberno galego vén traballando arreo para reactivar o turismo neste Xacobeo 21-22 e recuperar a confianza dos viaxeiros nun destino seguro, de calidade e confiable como Galicia e ter todo preparado para cando se recupere a mobilidade.