O subdelegado do Goberno destaca o incremento do número de investigados en Allariz

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, copresidiron esta mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade, na que se realizou unha análise e valoración da seguridade cidadá, así como dos datos de violencia de xénero no concello.

No tocante á seguridade cidadá, o subdelegado do Goberno indicou que o índice de criminalidade en Allariz mantense en niveis baixos, tanto con respecto ao ano 2020 como nos primeiros meses do 2021, e destacou o incremento da actividade da Garda Civil en canto ao número de investigados, que redundou no crecemento da taxa de esclarecemento de delitos.

O domingo día 17 no San Amaro: I Mercadillo de Primavera ----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Sen embargo, Emilio González sinalou que no tocante aos delitos telemáticos estase a rexistrar un repunte e, neste sentido, alertou da “necesidade de que a cidadanía tome conciencia da importancia de poñer en práctica todas as medidas de seguridade posibles á hora de realizar compras por Internet”. A este respecto, o subdelegado do Goberno quixo trasladar á veciñanza as recomendacións máis habituais que realizan as Forzas e Corpos de Seguridade. “Non se deben facer compras sen comprobar que o facemos a través dunha web segura e nunca se deben facilitar datos persoais ou bancarios en resposta a correos electrónicos, chamadas ou mensaxes”.

Con respecto á cifra de infraccións administrativas, durante o ano 2020 no concello de Allariz produciuse un aumento, motivado en boa medida polos supostos de incumprimento da normativa decretada fronte a COVID-19 que deron lugar a propostas de sancións administrativas.

Así mesmo, na Xunta Local de Seguridade acordouse levar a cabo un plan de colaboración entre a Garda Civil, a Policía Local e Protección Civil, así como o incremento do número de dispositivos de vixilancia para garantir a seguridade cidadá no concello durante a época estival.

Por último, o subdelegado do Goberno salientou a colaboración existente entre a Garda Civil e a Policía Local de Allariz, aos que agradeceu os seus esforzos para asegurar o cumprimento das medidas sanitarias, ademais de garantir a seguridade cidadá.

VIOLENCIA DE XÉNERO E PLAN DIRECTOR

En canto aos datos presentados pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, actualmente no concello de Allariz hai seis casos activos no Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Sistema VioGén) e todos eles presentan risco non apreciado. Un dos casos conta con medidas xudiciais de prohibición de aproximación, mentres que os cinco restantes contan con medidas de prohibición de aproximación e comunicación.

Acerca do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas contornas informouse de que se seguirán reforzando os mecanismos de comunicación e colaboración coa comunidade educativa por parte das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado co obxectivo de pór a disposición dos centros educativos do concello diferentes conferencias e actividades sobre o uso das novas tecnoloxías; acoso escolar; consumo de drogas e alcol; condutas  incívicas, violentas e vandálicas; racismo, xenofobia e intolerancia; e violencia de xénero, entre outras temáticas. Neste punto, fíxose especial fincapé na necesidade de impulsar a participación neste tipo de actividades dos proxenitores do alumnado.

Así mesmo, continuarase cos dispositivos de vixilancia por parte da Garda Civil e da Policía Local nas inmediacións dos centros educativos para previr o tráfico, consumo e tenencia de drogas, así como todo tipo de condutas violentas.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------