O PPdeG esixe a dimisión do alcalde de Verín e denuncia o silencio de Caballero e Villarino ante unha nova corruptela do PSOE galego

Tellado considera intolerable que Gerardo Seoane siga á fronte do Concello tras tratar de colocar á súa filla cun proceso amañado

Publicidade

Critica que o BNG tape o escándalo para non perder a Tenencia de Alcaldía, capaz de “tragar o que faga falta mentres manteña os seus carguiños e soldos públicos”

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, esixiu a dimisión inmediata do alcalde de Verín, Gerardo Seoane, tras tratar de colocar á súa filla como traballadora social do Concello a través dun proceso amañado. Así mesmo, denunciou o silencio de Gonzalo Caballero e de Rafael Rodríguez Villarino, que se ocultan ante esta nova corruptela do PSOE galego, e o indispensable apoio do BNG, “que é capaz de tragar o que faga falta mentres manteña os seus carguiños e soldos públicos”.

Nunha rolda de prensa celebrada en Ourense e na que estivo acompañado polo portavoz do PP en Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, admitiu que é intolerable a impunidade coa que actuou Seoane -que xa conta cunha longa lista de actuacións caciquís e abusivas-, plantexando unha proba sen un temario e sen as máis mínimas garantías no proceso. De igual xeito, cualificou do mesmo modo que se levara a cabo unha contratación que a propia secretaria definiu como “anómala”, os aspirantes como “turbia” e na que todos suspenderon menos a filla do alcalde.

Ademais, o número dous dos populares galegos afeou que, unha vez descuberta toda a trama, o rexedor trate agora de facer renunciar á súa filla, pois a ela “non a votaron os verinenses, non ten que responder ante os seus veciños e non é responsable de que seu pai quixera deixala colocada cun bo soldo público a costa do diñeiro de todos”. “O que ten que facer Seoane é deixar de organizar a vida da súa filla e ser responsable da súa propia, dimitindo inmediatamente”, subliñou.

O SILENCIO DO PSOE

Ante esta situación, Tellado criticou o silencio cómplice do secretario xeral do PSdeG e do secretario provincial do PSOE de Ourense que, malia que “son sempre os primeiros en denunciar calquera comportamento incorrecto, real ou inventado, e esixen a todos os demais un compromiso ético intachable”, agora calan e tapan o escándalo porque está na súa propia formación. “Esta é a dobre moral socialista. Sempre os primeiros en ver a palla no ollo alleo e os últimos e ver a viga no seu. Esta é a lei do silencio socialista, un silencio máis propio da mafia que dun partido político democrático”, afirmou.

UN BNG SEN ESCRÚPULOS

Igualmente, o secretario xeral lamentou a falta de escrúpulos do BNG de Ana Pontón, capaz de “tragar o que sexa con tal de manterse no poder”. “Sabemos que aguantan sen despeitearse os ataques do Goberno socialista contra Galicia e que manteñen a Sánchez na Moncloa con tal de que non se toquen os seus acordos en deputacións e concellos, pero agora descubrimos que tamén son capaces de tapar un escándalo de corrupción coma este con tal de non perder a Tenencia de Alcaldía de Verín”, dixo insistindo en que os nacionalistas están dispostos a pagar calquera prezo por manter a súa cota de poder.