O grupo socialista leva ao Parlamento o fracaso da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz levará ao Pleno do Parlamento que se celebra esta tarde, a partir das 16,00 h.,unha pregunta oral para reclamarlle á Xunta que dea conta do fracaso da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Poden seguir a intervención en directo na web do Parlamento de Galicia:

AVANTAR ACTIVIDADES

http://www.parlamentodegalicia.es/sitios/web/default.aspx

Noa Díaz Varela e Luís Manuel Álvarez Martínez, deputada e deputado pertencentes ao Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 155.5 do Regulamento da Cámara, presentan ante esa mesa a seguinte pregunta urxente para a súa resposta oral en Pleno.

Xustificación da urxencia. A urxencia vén motivada pola necesidade de dar unha resposta urxente á cidadanía galega e a esta cámara sobre o tema que se indica a continuación. O Programa Patrimonio da Humanidade foi constituído coa Convención para a Cooperación Internacional na Protección da Herdanza Cultural e Natural da Humanidade, adoptada pola Conferencia Xeral da UNESCO en 1972 co obxectivo de protexer, preservar e difundir sitios e eidos de singular relevancia cultural.

Consciente do seu valor cultural e ambiental, hai anos decidiuse que a Ribeira Sacra presentaría a súa candidatura a tal recoñecemento e así, en 2018 declárase Ben de Interese Cultural como paso previo para presentarse á Lista do Patrimonio Cultural da Unesco. En marzo de 2020 coñecíase que finalmente sería unha das 24 propostas mundiais elixidas pola Unesco para ser sometida a estudo e avaliación.

Mais esta semana tomouse a decisión do “aprazamento estratéxico” do último paso para a presentación da candidatura da Ribeira Sacra, logo de coñecer o informe elaborado polo Icomos no que recomendan non seguir adiante co expediente porque, á vista da documentación xustificativa presentada, non se dan as condicións para tal recoñecemento. Diante do exposto, ao grupo socialista preocúpalle o traballo desenvolvido nesta candidatura pola Xunta de Galicia, que nos leva a pensar se debe reformularse o futuro de máis candidaturas semellantes do noso patrimonio cultural e natural que optan a recoñecementos internacionais do máis alto nivel.

Por iso a deputada e o deputado que asinan preguntan: Que leccións cre o Goberno galego que cómpre extraer do fracaso da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade?