O Psdeg-Psoe de Ourense reclámalle á Xunta que poña fin aos recortes sanitarios na comarca de Valdeorras e que reforze “inmediatamente” a dependencia

Os socialistas participaron esta mañá nunha concentración en apoio aos sanitarios e denunciaron novamente que a comarca de Valdeorras vai quedar sen UVI móbil durante 11 días o que supón un “risco”

Lémbranlle a Feijóo que o Goberno central realizou importantes transferencias nos últimos dous anos e pregúntanse “onde están estes cartos, xa que na sanidade non se realizaron investimentos”

AVANTAR ACTIVIDADES

 O PSdeG-PSOE de Ourense participou esta mañá nunha concentración as portas do Hospital Comarcal de Valdeorras, onde aproveitaron para denunciar a situación que se está vivindo na sanidade desta comarca. Os socialistas denuncian que os recortes de Feijóo están causando “estragos” entre a cidadanía e esíxenlle que cese no seu ataque contra a sanidade dunha comarca das máis castigadas polos recortes do PP. Tamén lle piden ao goberno galego que proceda a reforzar de xeito “inmediato” os servizos de dependencia que a día de hoxe “non dan abasto ante a gran demanda”.

No acto participaron a deputada autonómica do PSdeG, Marina Ortega; o senador por Ourense, Miguel Bautista; o deputado no Congreso, Adolfo Pérez Abellás; o concelleiro socialista en O Barco e médico, Orlando Saavedra; o deputado provincial, Aurentino Alonso; e varios concelleiros e concelleiras socialistas da comarca, ademais dos sanitarios do Hospital Comarcal e veciños e veciñas que non quixeron perderse a concentración.

A parlamentaria autonómica dos socialistas ourensáns, Marina Ortega, pediulle a Feijóo que “veña a Valdeorras para que coñeza cal é a distancia real ata o hospital de Ourense e o que ten que pasar a veciñanza para acudir as citas das diferentes especialidades suprimidas neste hospital”. A deputada esíxelle ao goberno galego que “derive un facultativo a Valdeorras para que a UVI móbil poida seguir en funcionamento e que os valdeorreses e valdeorresas non teña que estar 11 días sen servizo”.

Ortega tamén apelou ao goberno galego a “potenciar e ampliar” os equipos de atención e valoración á dependencia, xa que tal e como asegurou “atópanse desbordados ante a ampla demanda”. A deputada autonómica aproveitou tamén para lembrarlle a Feijóo que o Goberno central puxo en marcha un plan de choque e que van chegar a Galicia 45 millóns exclusivamente para dependencia polo que pide que “se garanta e amplíe o servizo para poder ter unha sanidade pública de calidade e equitativamente coa cidadanía, independentemente de onde vivan”.

Pola súa banda o concelleiro socialista en O Barco e facultativo de profesión, Orlando Saavedra, fixo fincapé en que “o único culpable dos recortes sanitarios en Valdeorras é o Partido Popular que goberna na Xunta e ten as competencias directas na materia”. Saavedra tamén apuntou a que estar 11 días sen UVI móbil “non é un problema banal” e subliñou que a situación provocada polo PP “é como xogar a ruleta rusa, xa que non se sabe en que momento vai ser necesario empregar este servizo”.

O concelleiro socialista aproveitou tamén para lembrar que “todas as decisións que toma a Xunta van contra Valdeorras, porque estamos na periferia e prefiren destinar os recursos a unidade central”. Por último apuntou a que de “seguir nesta situación o Hospital acabará converténdose nun ambulatorio”.

Por último, o senador do PSdeG-PSOE de Ourense, Miguel Bautista, lembroulle a Feijóo que o Goberno central “leva dous anos destinando transferencias de cartos para cubrir os gastos sanitarios”, motivo polo que se pregunta “onde están eses cartos?”, alegando que na sanidade pública “non se investiron”. Bautista tamén fixo fincapé na “necesidade de realizar investimentos en sanidade, posto que a vida da xente é o máis importante”.