O BNG de Amoeiro reclama o valeirado dos colectores de vidro e papel espallados polo municipio e a súa limpeza e desinfección

Os nacionalistas critican a situación na que se atopan actualmente, completamente ateigados ao tempo que reclaman unha limpeza periódica dos mesmos para evitar os malos cheiros e a proliferación de roedores e insectos

O BNG no Concello de Amoeiro ven de denunciar a situación na se atopan os colectores de lixo, nomeadamente os de vidro e papel, ubicados nas distintas parroquias do concello. Situación alarmante xa que, como denuncia o portavoz nacionalista Eduardo González, “hai semanas que non se recollen polo que a veciñanza deixa o lixo ao pé dos colectores”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Esta realidade a ollos do BNG, “provoca amais dunha imaxe lamentábel das nosas parroquias, que o malos cheiros se incrementen no día a día e as condicións de salubridade deixen moito que desexar” ao tempo que “vai provocar o incremento de roedores e insectos”.

Para Eduardo González “a situación é absolutamente dantesca e anormal, e vese incrementada polo feito de estar na época estival, ao tempo que reflicte moi ás claras a desidia que amosa o equipo de goberno para solucionar esta e outras problemáticas que hai no concello”.

Como consecuencia de todo o exposto con anterioridade, o BNG de Amoeiro ven de rexistrar unha solicitude na que lle pide ao Goberno Local que se proceda o máis axiña posíbel á recollida dos distintos colectores de vidro e papel que hai instalados nas distintas parroquias do concello, para que a veciñanza poida facer uso dos mesmos e se remate de vez coa actual situación de desleixo.

Tamén solicitan que coa periodicide debida se proceda a limpeza dos distintos colectores, para evitar malos cheiros e as malas condicións de salubridade actuais.