O Psdeg-Psoe de Ourense rexeita “rotundamente” recortar as autovías entre Lugo, Ourense e Ponferrada, o que sería unha “nova labazada ao reequilibrio territorial”

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

“Os galegos, galegas e empresas do interior teñen os mesmos dereitos que os da costa”, sinalan tras recordar que este modelo con carril de adiantamento recorda ás perigosas vías rápidas “xa caducas”

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Os socialistas consideran que esta proposta da patronal das grandes construtoras “afondaría aínda máis a fenda no desenvolvemento das provincias interiores” fronte á costa galega

O PSdeG-PSOE de Ourense “rexeita rotundamente” recortar as prestacións das autovías planificadas entre Lugo, Ourense e Ponferrada, ata convertelas en algo similar ao “caduco modelo de vía rápida”, o que suporía unha “nova labazada ao reequilibrio territorial” do interior de Galicia. Así pois, considera que esta proposta da patronal das grandes construtoras (Seopan) “afondaría máis a fenda no desenvolvemento das provincias interiores”, que carecen de algo “tan básico” como “comunicacións óptimas e seguras para o presente e para o próximo século”.

Os socialistas recordan que a mellora das comunicacións “é directamente proporcional á mellora da economía e a demografía”, polo que creen “indispensable” que o interior da comunidade, “historicamente marxinado con respecto as infraestruturas do Eixo Atlántico”, conte con vías coas mesmas prestacións que a costa. “Os galegos, galegas e empresas do interior de Galicia teñen os mesmos dereitos que os da costa”, sinalan.

Tamén salientan a necesidade de executar novas infraestruturas “o máis seguras posibles”, unha condición “indispensable” que as estradas de 2+1 non cumpren ao cen por cento. “Este modelo de estrada con carrís de adiantamento recorda ás cuestionadas vías rápidas que a realidade acreditou como moi perigosas no contexto de Galicia e por iso están a ser desdobradas desde hai anos, co fin de garantir plenamente seguridade e capacidade”, insisten.

Os socialistas conclúen destacando o “compromiso do Goberno central” con estas infraestruturas “coas mellores prestacións posibles”, nas que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) segue a traballar e reclaman “a maior premura posible, logo de sete anos de parálise durante o executivo presidido por Mariano Rajoy”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------