O Psdeg-Psoe de Ourense esixe que o goberno local busque solucións urxentes para dotar de “accesos dignos” o centro de saúde da Cuña – Mariñamansa

Os socialistas levarán unha moción ao pleno deste venres para denunciar as “evidentes carencias” que presentan as instalacións, entre as que están a falta de espazo ou unha deficiente accesibilidade

Instan á Xunta de Galicia a fixar un calendario definitivo para a execución das obras do novo centro de saúde, contando co compromiso do executivo local para axilizar a tramitación urbanística

O PSdeG-PSOE de Ourense anuncia que presentará unha moción no pleno municipal deste venres para esixir que o goberno local se comprometa a buscar solucións urxentes para dotar de “accesos dignos” o Centro de Saúde da Cuña – Mariñamansa, atendendo ás “reivindicacións históricas” do persoal sanitario e dos usuarios e usuarias destas instalacións.

Publicidade Premer na Imaxe

No texto da iniciativa, os socialistas aseguran que as instalacións do Centro de Saúde da Cuña, inauguradas no ano 1987, presentan “evidentes carencias” como “a deficiente accesibilidade na contorna ou a falta de espazo para garantir a cobertura da súa área asistencial”.

“A primeira cuestión precisa da acción urxente do goberno municipal, mentres a segunda require da atención da Xunta de Galicia a curto prazo”, subliñou a concelleira Rosa Martínez, quen resaltou o crecemento “exponencial” da área de influencia deste centro médico –actualmente arredor dos 20.000 habitantes–, que nos últimos anos pasou de ter nove médicos a 17, “duplicando” ademais o resto de persoal que alí desenvolve o seu labor.

“Xa no ano 2010, 18 colectivos veciñais pediron unha entrevista co alcalde, daquela un alcalde socialista, para solicitarlle que se buscara un espazo axeitado para novo centro de saúde, posto que este que temos ás nosas costas quedou moi pequeno” lembrou Martínez diante das dependencias do Centro de Saúde da Cuña – Mariñamansa.

Así as cousas, os socialistas instan á Xunta de Galicia a fixar un calendario definitivo para a execución das obras do novo centro de saúde, contando co compromiso do executivo local para axilizar e formalizar a tramitación urbanística precisa de cara á posta a disposición e cesión definitiva de terreos, xestión de licencias, etc.

“Mentres o novo centro de saúde non se executa, consideramos fundamental que o goberno municipal resolva á maior brevidade as eivas de accesibilidade que presenta esta zona de gran afluencia, empezando por eliminar as barreiras arquitectónicas existentes e priorizando o paso de vehículos adaptados e ambulancias, así como habilitando prazas para o estacionamento de vehículos de uso sanitario”, emprazou Martínez.

Máis concretamente, entre os problemas de acceso ao centro de saúde atópanse a falta de sinalización na entrada sita na avenida da Universidade ou a necesidade dunha entrada axeitada na rúa Vasco Díaz Tanco, de xeito que as persoas con mobilidade reducida e os seus acompañantes non se vexan na obriga de ter que dar a volta para acceder pola avenida da Universidade.

Decadencia dun barrio emblemático

Pola súa banda, o voceiro municipal socialista, Rafa Villarino, asegurou que “o PSdeG-PSOE sempre estivo cos barrios e non abandonará o barrio da Cuña, un lugar emblemático para nós, que precisa da acción do Concello e da Xunta de Galicia, que non poden seguir a mirar cara a outro lado” ao tempo que lamentou que “dende hai seis anos que non gobernan os socialistas, o abandono deste barrio é total”.

“Un caso paradigmático é este centro de saúde, insuficiente para dar cobertura a unha demanda cada vez máis ampla e cuns accesos inapropiados, en mal estado e moitas veces, bloqueados”, concluíu.