A Marcha en defensa da Casa da Neve sairá da Praza Maior de Celanova este sábado ás dez e recorrerá 11 quilómetros

A plataforma STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA organiza este sábado 4 de setembro en Celanova a I MARCHA EN DEFENSA DA AUGA, A PAISAXE E O PATRIMONIO DA CASA DA NEVE.

Camiño xunto a Corga de Sampil na vertente leste da Casa da Neve

A SUBIDA A subida realizarase pasando polos núcleos de O Burgo e Cañón, alcanzado os Pozos da Lagoa despois duns 5 quilómetros, con tramos de asfalto (até Cañón) na parte con maior desnivel e de terra na metade final. A organización calcula que o traxecto de subida levará entre 1 hora e media e 1 hora e 45 minutos.

AVANTAR ACTIVIDADES

A BAIXADA A baixada realizarase seguindo o sendeiro na faldra oriental do Monte da Casa da Neve até Sampil, e desde aí, por asfalto até regresar á Praza Maior no remate da Marcha. A organización calcula que o traxecto de baixada, de algo menos de 6 quilómetros, levará entre 1 hora e 1 hora e 15 minutos.

A I MARCHA EN DEFENSA DA AUGA, A PAISAXE E O PATRIMONIO DA CASA DA NEVE partirá da Praza Maior, diante do Mosteiro de Celanova, transitando polos núcleos de O Brugo, Cañón e Sampil, até o Monte da Casa da Neve nun recorrido duns 11 quilómetros que porá en relación o Mosteiro actual cos lugares primitivos da fundación de Celanova, tal e como vén de documentar un informe arqueolóxico que sitúa, na contorna da Casa da Neve, a sede da Casa Grande da familia de San Rosendo e as Torres de Velvís que dominaron o Val desde antes da fundación do mosteiro.

A Marcha discorrerá até os Pozos da Lagoa, na chaira de Amoroce, onde o proxecto de explotación industrial que tramita diante da Xunta a empresa alemá BayWa R.E. pretende erguer aeroxeradores de case 200 metros de altura (máis de cinco veces a torre do Mosteiro de Celanova), nunha zona de acuíferos e nacemento de regatos que verten auga ao sur e ao leste, e que se verán afectados como recoñece a promotora, especialmente no caso da Corga de Sampil, xunto á que transitará a andaina.

Nos Pozos da Lagoa a Marcha fará unha breve parada para atender as informacións que facilitarán dous membros da plataforma STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA sobre as principais afeccións no caso de instalación do polígono eólico. Precisamente nos Pozos da Lagoa o proxecto industrial prevé chantar catro das máquinas, a escasos 3 quilómetros do casco histórico de Celanova, e que serían visíbeis desde toda a comarca, e desde calquera dos elementos BIC que alberga o termo municipal, cun prexuízo notábel para a paisaxe e nunha vulneración flagrante das Directrices da Paisaxe e do Convenio Europeo da Paisaxe que esixen a participación da veciñanza en calquera actuación que poida modificar a paisaxe, normas e deberes que non ten en conta o plan da empresa alemá.

Non é preciso anotarse para participar na Marcha, que adaptará o seu desenvolvemento ás medidas sanitarias e de seguridade en vigor na data. En calquera caso, a plataforma STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA activou na seguinte ligazón un evento en Facebook para ir sumando compromisos á Marcha: https://www.facebook.com/events/561105724937267

O NIVEL DE DIFICULTADE DO RECORRIDO É MEDIO, recoméndase levar calzado e vestimenta axeitada e auga (aínda que haberá posibilidade de avituallamento de auga en Cañón no quilómetro 2,5; e Sampil, de baixada, no quilómetro 8).

STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA convida a toda a veciñanza da comarca de Celanova e comarcas lindeiras, aos colectivos e asociacións e á cidadanía galega en xeral a participar da xornada reivindicativa para frear esta ameaza que pende sobre todas as veciñas e veciños de Celanova e Verea, sobre o patrimonio e a paisaxe común, sobre o medio natural e a saúde, e sobre os nosos dereitos a decidir sobre o territorio e xestionar os recursos materiais e inmateriais que pertencen a comunidade toda.